O PP de Lugo, a xuízo por carrexar anciáns con demencia nas eleccións de 2012

Acto do PP en Lugo previo ás autonómicas de 2012 CC-BY-SA PPdeG

Un exdirixente e tres militantes do PP de Lugo irán a xuízo por trasladar desde unha residencia a un colexio electoral a varios anciáns coas facultades mentais "afectadas". A xuíza que instrúe o caso ditou o pasado 6 de xuño o auto de apertura de xuízo oral ao que tiveron acceso Praza.gal e eldiario.es contra o criterio da Fiscalía, que solicitou o arquivo da causa.

Entre os acusados está José Luis Iravedra, expresidente do PP lucense e a quen Alberto Núñez Feijóo mantivo durante anos no consello de administración da Radio Televisión de Galicia en representación do seu partido. Segundo a xuíza Sandra Piñeiro, na mañá do 21 de outubro de 2012, día de eleccións galegas e da reelección de Feijóo, Iravedra e tres militantes máis do PP lucense dedicáronse a "carrexar" residentes dun asilo de Lugo xestionado polas Hermanitas de los Ancianos Desamparados, papeleta en man, até un colexio electoral próximo. Ademais, están acusados tamén a exconcelleira Teresa Taboada e os militantes do PP de Lugo Benigno Gómez e Serafín Rodríguez.

A xuíza dá por probado que os anciáns "carecían de capacidade para decidir o seu voto" e que só votaron porque os membros do PP os levaron

Segundo a investigación iniciada a raiz dunha denuncia de AGE e mantida por Esquerda Unida como acusación popular, os anciáns trasladados para "depositar o voto" fórono aínda que, segundo informes do Instituto de Medicina Legal de Galicia, "carecían de capacidade para comprender e decidir o sentido do seu voto" por mor de "padecimentos" como "demencia senil" ou o alzheimer. A xuíza dá por acreditado que "todos" os residentes trasladados chegaron a votar e que só o fixeron porque os trasladaron os membros do PP, en quen apreciaba "indicios racionais de criminalidade" como presuntos autores dun delito electoral.

Unha das mulleres trasladadas padecía Alzhéimer e outra, de 98 anos, presentaba "desorientación" e "total dependencia"

No propio auto describe a deterioración física e mental que, segundo os informes forenses, padecían os sete anciáns trasladados, dous deles xa falecidos. Así, por exemplo, as exploracións do IMELGA reflicten que unha das trasladadas, unha muller de 88 anos no momento dos feitos, presentaba "antecedentes de deterioración cognitiva", era "dependente" para realizar "actividades básicas" e sufría "alteracións de memoria e cognitivas de rango importante".

Outra das anciás, acompañada segundo o auto por Iravedra, estaba diagnosticada de Alzhéimer e de "demencia en estado moderado". Unha terceira persoa 'carretada', de 98 anos en 2012, presentaba evidente "desorientación" e "total dependencia". A demencia non estaba presente en, polo menos, unha das persoas presuntamente levadas a votar. Con todo, "é analfabeta" e sofre "alteracións de memoria" e "capacidade de xuízo crítico limitada".

Oposición da Fiscalía e novos requirimentos

A Fiscalía teimou en arquivar o caso, pero a xuíza mantén que ao tratarse dun presunto delito electoral pode seguir adiante só coa acusación popular

A xuíza adoptou a decisión contra o criterio da Fiscalía provincial, quen pediu o arquivo en múltiples ocasións. A maxistrada xa ordenou reabrir a causa despois de que outro xulgado de Lugo decretase o sobresemento provisional. Na súa exposición a maxistrada alude a numerosos precedentes noutros tribunais, como o Supremo, para indicar que procede seguir adiante co proceso e abrir xuízo oral aínda que só permaneza no caso a acusación popular de EU. Un dos supostos nos que a lei o ampara, indica, son os presuntos delitos que afectan a "bens de titularidade colectiva" ou "natureza difusa". "Este é o caso dos delitos electorais", advirte.

Ademais, no auto revelado en exclusiva por Praza.gal e eldiario.es, rexeita tal e como solicitara a acusación popular que se tome declaración ao dirixente do PP galego e portavoz do PP no Senado José Manuel Barreiro. Ordénase, no entanto, solicitar nova documentación. Concretamente, o PP de Lugo terá que remitir ao xulgado os documentos que acreditan que Iravedra, Benigno Gómez, Teresa Taboada e Serafín Rodríguez actuaron como apoderados do partido naquela xornada electoral. A Xunta Electoral, pola súa banda, terá que remitir unha copia da incidencia comunicada por AGE no colexio electoral, que posteriormente lugar á denuncia de EU, membro da coalición..

Imaxes da carretaxe con Iravedra (esquerda), publicadas por La Voz de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.