O PSdeG garante o impulso a gobernos "de esquerda" tras as municipais

Cancela, intervindo ante o Comité Nacional do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Un dos interrogantes máis recorrentes cara ás vindeiras eleccións municipais é o ligado ao xeito en que actuará o PSdeG en escenarios sen maiorías absolutas. Lonxe dos tempos en que a configuración do panorama político galego e a correlación de forzas alén do PP impulsaba acordos xerais entre os socialistas e o BNG, o escenario no que se celebrará o 24-M, os ruxerruxes en torno a unha eventual "gran coalición" no Estado e a conformación das 'mareas' en diversos municipios alimentan as análises -e tamén as especulacións- a respecto de cal será a aposta dos socialistas en posibles escenarios sen maiorías absolutas. Este é o panorama no que a secretaria de organización do PSdeG, Pilar Cancela, vén de subliñar que a intención do partido non é outra que impulsar gobernos "de esquerda".

No transcurso dunha entrevista na Cadena SER a 'número dous' de José Ramón Gómez Besteiro no partido foi cuestionada a respecto da posibilidade de sustentar gobernos "alternativos" ao PP no caso de que as urnas o permitise "aínda que non estean liderados polo PSOE". Como era de agardar, Cancela expresa que a pretensión do partido é, en primeira instancia, "ser a forza maioritaria" en cada municipio "e p oder gobernar". Pero "tamén é certo que vivimos no mundo real", matiza. E ese plano do real, "evidentemente", enfatiza, "temos máis simpatía e concordamos moito máis coas propostas de esquerda". Por iso, "onde sexa necesario garantir un proxecto de esquerda para a cidadanía é onde imos estar".

"Onde sexa necesario garantir un proxecto de esquerda para a cidadanía é onde imos estar"

Dada a afirmación xeral, Cancela foi instada a afinala para un dos concellos que máis olladas concitará a noite electoral do 24-M: Santiago. Que farían os socialistas se o PP de Agustín Hernández non consegue a maioría e a forza máis votada da banda esquerda é Compostela Aberta? Ante este "suposto hipotético" a secretaria de organización do PSdeG prefire "traballar sobre realidades" e unha realidade, di, é que a capital de Galicia "deu un pulo cualitativo" e "mudou" mentres tivo "gobernos socialistas". Non obstante, di, "agora hai unha determinada situación política" ante a que non rexeita falar "claro": "O que non queremos é que en Santiago siga gobernando o PP", afirma.

"O que non queremos é que en Santiago siga gobernando o PP"

Esta declaración de intencións da responsable da organización do PSdeG chega pouco despois de que o aspirante de Compostela Aberta á alcaldía santiaguesa, Martiño Noriega, lanzase unha "interpelación" aos socialistas para aclararen se, de ser o caso, facilitarían ou non que o goberno do PP se "reproducise" durante catro anos máis. O ton conciliador de Cancela cara ao resto da esquerda prodúcese tamén, asemade, despois de que o candidato socialista á alcaldía da capital, Francisco Reyes, recibise con belixerancia as verbas de Noriega a respecto de se permitiría ou non que o PP recuncase no goberno da cidade.

Novo modelo de campaña

Alén das eventuais alianzas para a conformación de gobernos Cancela avanza unha campaña na que o PSdeG di, procurará un "achegamento" máis directo á veciñanza de cada municipio. "O enfoque que temos previsto é fuxir dos grandes mitins nos que dúas ou tres persoas transmiten un monólogo e non interactúan" con quen acudiu ao acto. Desta volta, di, primarán os actos de menor formato nos que as persoas candidatas practiquen a "escoita activa".

"Tomamos nota dalgunhas labazadas bastante importantes que nos deu a cidadanía"

O PSdeG e o conxunto do PSOE, di Cancela, chegará á campaña das municipais aguilloado pola "dose" de "optimismo" que, admite, supuxeron as eleccións andaluzas para o conxunto do partido. O triunfo de Susana Díaz, afirma, permitilles "ver" que "non estabamos mortos como o PASOK, como era reiterado nas tertulias e comentarios políticos". O horizonte da formación, afirma, é "bastante positivo" tras uns anos nos que "tomamos nota dalgunhas labazadas bastante importantes que nos deu a cidadanía". Os socialistas, din, "pagaron" de "xeito moi duro" as medidas adoptadas dende o Goberno de España que, admite, en ocasións foron máis propias da "dereita". "Mudamos o xeito de facer as cousas", asegura.

Cancela, intervindo ante o Comité Nacional do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.