O tratamento de infartos en Lugo volve exceder o tempo recomendado e a Xunta non aclara se os atenderá 24 horas

Accesos ao hospital de Lugo CC-BY-NC-SA CIG

A Sociedade Española de Cardioloxía fixa o limiar dos 120 minutos, dúas horas, como o tempo máximo recomendado para tratar unha persoa que sofre un infarto de miocardio. No caso do Hospital Lucus Augusti de Lugo, onde a atención a esta doenza leva anos arrodeada de polémica polas restricións horarias da sala de hemodinámica, onde se trata, os últimos datos que manexa o Servizo Galego de Saúde indican que a atención media está en 136 minutos. A Consellería de Sanidade vén de admitir que os "tempos inferiores a 120 minutos" que recomenda a entidade científica aínda non se acadan en Lugo, sen ben evita aclarar se prevé abrir o servizo de hemodinámica as 24 horas, como reclaman profesionais do hospital e numerosas entidades veciñais e políticas da provincia.

Despois de advertir con recorrer aos tribunais se a Xunta non ofrecía os datos completos de mortalidade por infarto en Lugo e despois de que Sanidade ampliase o horario de hemodinámica -pasou do horario de oficina, de 8 da mañá a 3 da tarde, de luns a venres, a atender ata as dez da noite todos os días- o PSdeG preguntou formalmente á Xunta polas súas "previsións" a respecto da "implantación do servizo de hemodinámica as 24 horas" e "se é o caso, a data da súa entrada en funcionamento. A Consellería respondeu esta semana achegando algúns dos datos máis recentes sobre o tratamento de infartos en Lugo, pero evitando responder á pregunta.

O tempo medio de atención a infartos en Lugo situouse en 136 minutos, un cuarto de hora por riba do recomendado, tras a ampliación do horario da hemodinámica ata as dez da noite

Así, o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña remítese aos datos do Rexistro Galego de Infarto de Miocardio (Regaliam), a base de datos activada por Sanidade en 2015, pouco despois de que o INE acreditasen que a mortalidade por infartos na provincia de Lugo duplicaba a media estatal. O "último informe" emitido polo Regaliam, do 6 de xuño, indica segundo Sanidade que tras 30 meses de análises "pódese concluír que a data de 31 de decembro" se rexistraran 2.724 casos en toda Galicia e entre eles, a mortalidade tras 30 días de seguimento foi de 235 pacientes, o 9%. O dato, sinala, "redúcese ao 3,5%" se son excluídos "os pacientes con parada cardiorespiratoria ou shock". Ese valor "por baixo do 5%", detalla, "encóntrase dentro dos estándares de calidade establecidos pola Sociedade Española de Cardioloxía".

No caso de Lugo a resposta parlamentaria da Consellería non se detén na mortalidade, senón no tempo de atención. "Produciuse unha redución significativa", xa que "dende o último informe" na área lucense pasouse "dunha media dos 155 minutos aos 136 minutos". Esta redución cadra co asentamento do novo horario ata as dez da noite e non só a apertura da hemodinámica en 'horas de oficina' de luns a venres".

Sanidade conclúe que está a obter os "resultados esperados" e evita responder se abrirá ou non o servizo as 24 horas, como piden doentes e profesionais e como dá por feito nun convenio coa empresa sanitaria americana Medtronic

E, a apertura continua? "Unha vez completados dous anos de rexistro é o momento de establecer as accións de mellora" partindo do devandito 3,5% de mortalidade cmo "dato fundamental". "No caso de Galicia este indicador garante a calidade da actuación do sistema sanitario dende o inicio dos síntomas até o ingreso na sala de hemodinámica para a realización do cateterismo coronario", explica a Xunta, polo que "podemos afimar que as iniciativas, as adecuacións de recursos e o modelo asistencial actual pormovidos pola Consellería de Sanidade están dando os resultados esperados" porque "nos achegamos aos tempos inferiores aos 120 minutos recomendados" pola Sociedade de Cardioloxía". A resposta non menciona a posibilidade da apertura as 24 horas.

Esta nova resposta de Sanidade chega nun contexto no que no propio Parlamento o grupo do PSdeG volveu reclamar a atención continuada na sala de hemodinámica tanto en Lugo como en Ourense, pero tamén despois de que os socialistas e mais En Marea pedisen explicacións ao Goberno galego polos seus acordos sanitarios coa empresa estadounidense Medtronic. Non en van, como adiantou Praza.gal, un destes convenios que a Xunta tratou como secretos durante meses liga a compañía americana coa "transformación integral da unidade de Cardioloxía" do HULA e implícaa na eventual apertura da sala de hemodinámica durante as 24 horas, posibilidade que dá por feita.

O conselleiro de Sanidade, nun acto no hospital de Lugo © Xunta
© Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.