Os partidos recibirán 1.350 euros máis por escano tras o 25-S que en 2009, un 6,5% máis

Vista do hemiciclo do Parlamento de Galicia Dominio Público Parlamento de Galicia

Os partidos políticos que obteñan escano nas eleccións autonómicas do 25 de setembro recibirán 20.763,77 euros por cada un. Así quedou establecido este mércores coa publicación no Diario Oficial de Galicia da actualización das subvencións electorais para os próximos comicios. A cantidade é 1.350 euros (un 6,5%) superior á establecida nas autonómicas de 2009, logo das cales fora reducida un 20% para as autonómicas de 2012 e incrementada novamente un 33% hai un ano polo PP en solitario.

Logo de baixar as subvencións electorais un 20% nas autonómicas de 2012, hai un ano o PP subiunas en solitario un 33%

A lei electoral establece que os partidos reciban distintas compensacións polos gastos da campaña e gratificacións polos seus resultados, de xeito que tras os comicios recibirán por un lado os anteditos 20.763 euros por escano obtido e, por outro, 0,77 euros por cada voto recibido e 0,22 euros por cada envío postal de propaganda electoral en cada provincia na que obtiveran escano.

Para as autonómicas de 2012 o goberno de Feijóo decidiu rebaixar un 20% o importe de cada un deses conceptos con respecto aos comicios de 2009 co argumento de que así o esixía a crise económica. Pero hai xusto un ano o PP aprobou en solitario no Parlamento de Galicia unha lei autonómica de financiamento dos partidos políticos que volveu incrementar un 33% todos eses pagamentos e compensacións de gasto. Fíxoo en medio de varias polémicas polo financiamento ilegal da súa formación en diversos ámbitos territoriais e co argumento de que un incremento dos ingresos públicos dos partidos permitiría diminuír as doazóns privadas, competencia que sen embargo é estatal.

A inflación negativa limita a subida das subvencións electorais aprobada hai un ano en solitario polo PP

O incremento das subvencións públicas establecido hai un ano será finalmente algo inferior ao previsto grazas a que esas cifras fixadas na lei teñen que ser axustadas en función da inflación existente xusto no momento en que se convocan os comicios. Así o fai este mércores no DOG a Consellería de Facenda ao aplicarlles a inflación negativa do -0,6% rexistrada no último ano en Galicia. O resultado final é que cada escano foi premiado en 2009 con 19.413,66 euros, en 2012 con 15.530,93 euros e agora obterá 20.763,77 euros. Con esas cifras, os 38 escanos que dan a maioría absoluta serían premiados con 790.000 euros.

Xunto co pagamento por escano obtido, os partidos tamén reciben compensacións polos envíos de propaganda electoral nas circunscricións nas que obteñan escano. O BNG vén propoñendo sen éxito ao resto de partidos que, agora que as novas tecnoloxías permiten chegar máis facilmente aos votantes, se elimine esa axuda ou, cando menos,  renuncien a realizar envíos postais, como veñen facendo os nacionalistas nos últimos comicios.

En 2012 PP e PSOE gastaron 1,3 millóns pero o PSOE só recuperou 800.000 euros, mentres que BNG e AGE recuperaron 625.000 euros dos 830.000 e 700.000 que gastaron respectivamente

Por outra banda, xunto co establecemento das subvencións, a lei electoral tamén fixa un tope máximo de gasto para cada partido durante a campaña electoral, que nesta ocasión será duns 1,7 millóns de euros. Nos comicios de 2012 foi de 1,3 millóns, cifra que acadaron tanto PP como PSOE, pero mentres os populares recuperaron máis tarde unha cantidade similar grazas aos resultados obtidos, os socialistas só foron quen de recuperar uns 800.000 euros. Naquelas eleccións o BNG gastou 830.000 euros e AGE 700.000 euros, e ambos os dous recuperaron despois uns 625.000 euros cada un grazas aos resultados obtidos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.