Ourense en Común anula as primarias tras un proceso "ilexítimo"

Reconto nas primarias de Ourense en Común © Ourense en Común

Ourense en Común anula as súas primarias. A plataforma cidadá que acadara unha importante confluencia de movementos sociais e formacións políticas sofre un serie revés logo dun proceso interno que onte foi invalidado co apoio do 65% da súa asemblea. As enormes dúbidas e as acusacións de carretaxe -centradas sobre todo en Compromiso por Galicia (CxG), gran vencedor das votacións, pero tamén noutros grupos- acabaron por invalidar a consulta. 

Xosé Mosquera, xefe de Intervención da Deputación de Ourense e membro da Executiva de CxG, vencera nas primarias cunha diferenza de tan só 28 votos con respecto ao líder veciñal Miguel Doval. E Ana Bande, do mesmo partido, foi a segunda elección maioritaria á hora de conformar a lista. Os resultados sorprenderon (e mesmo amolaron) a moitos, especialmente a persoas activas desde os inicios da plataforma que acusaron a Compromiso de desembarcar a última hora e empregar os seus cadros para dominar as votacións. Pero o regulamento de primarias foi a clave: non se esixía estar empadronado na cidade nin ter asinado tan sequera antes o manifesto, tal e como si ocorreu con outras mareas.

O regulamento de primarias non esixía estar empadronado en Ourense nin ter asinado o manifesto da plataforma 

E aí apareceron as denuncias, como as que acusaron de "carretaxe" de votantes desde outros concellos da provincia, mesmo a importante afluencia ás urnas de traballadores da Deputación e de afíns ao PP -segundo aseguran algúns grupos-, a chegada masiva de votantes de concellos gobernados por CxG ou polo PP ou coincidencias excesivas na orde dos candidatos en papeletas ou marcas idénticas cun mesmo rotulador. Mesmo o alcalde popular da Peroxa, en declaracións a La Voz de Galicia, asegurou que tiña acudido a votar ante a petición dun achegado

Segundo membros da plataforma, "o resultado das votacións foi totalmente legal, pero non lexítimo porque se rachou a confianza". Tal e como aseguran, a "carretaxe" foi evidente e mesmo destacan que varios vehículos deixaron xente nos lugares de votación varias veces durante as xornadas de votación. "A nulidade acordouse pola ilexitimidade do proceso", aclaran. 

"O resultado foi legal, pero non lexítimo", destacan fontes da plataforma, que recoñecen a carretaxe de votantes doutros municipios

CxG deféndese aludindo a que foron o método e sistema de votacións acordado o que permitiu a mobilización das súas bases, especialmente o feito de abrir o proceso a persoas non empadronadas na cidade, nun intento por facilitar a participación de estudantes que non supuxo tal. A elevada participación -con 1.586 votantes, máis do dobre que nas primarias da Marea Atlántica e máis tamén que en Compostela Aberta- fixo saltar as alarmas nalgúns grupos. Pero ata Compromiso recoñece que afíns á súa formación chegaron doutros municipios. 

O venres decidirase se se fai unha lista de consenso, se repiten as primarias ou se aposta por unha fórmula mixta

O vindeiro venres buscarase unha alternativa. Houbo quen xa propuxo unha nova lista de consenso pactada entre todas as organizacións que conflúen en Ourense en Común, pero esa opción é rexeitada polos que cren que iso suporía optar por un pacto entre cúpulas contrario ao espírito da plataforma. A outra opción é repetir as primarias, pero "aceptando os erros e modificando un sistema que se fixo con boa fe e para facilitar a participación, pero do que se aproveitaron algúns". Mesmo non se descarta unha fórmula mixta, na que os primeiros postos da candidatura se pacten por consenso para elixir en votacións o resto de candidatos. 

Asemblea de Ourense en Común © Ourense en Común

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.