Pedras de memoria en Ribadeo para non esquecer os asasinados polos golpistas

Acto central da instalación das 'Pedras da Memoria' en Ribadeo, o pasado 31 de marzo © Concello de Ribadeo

É habitual, en múltiples cidades e vilas europeas, atopar polas rúas lastros que lembrar no pavimento das rúas ás vítimas do xenocidio nazi. Son xa máis de 75.000 as colocadas dende finais do século pasado co impulso da fundación neerlandesa Stolpersteine, cuxo traballo a prol da memoria histórica vén de chegar por primeira vez a Galicia a través das rúas de Ribadeo. O artista Gunter Demnig, promotor da fundación, vén de instalar unha corentena de "pedras da memoria" na vila mariñá para promover a memoria das persoas asasinadas polos golpistas tras a insurrección de 1936 que deu lugar á posterior ditadura do xeneral Franco.

O proxecto co que a fundación neerlandesa Stolpersteine homenaxea máis de 75.000 vítimas do nazismo en Europa chega a Galicia para lembrar os represaliados polo franquismo

O alcalde ribadense, Fernando Suárez (BNG), membros da corporación municipal, o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, e familiares de vítimas e persoas represaliadas pola ditadura participaron do acto de colocación das primeiras pedras da memoria de Ribadeo, no céntrico parque de San Francisco. "O obxectivo -explica Suárez- é romper un dramático e prolongado silencio arredor dos crimes do franquismo, recuperando a memoria dos homes e mulleres asasinados".

Peza audiovisual do proxecto 'Pedras de memoria', con testemuños da represión franquista en Ribadeo

Sinala Suárez que o goberno local parte da convicción de que "os concellos temos que facer obras e actos culturais, peor tamén temos que facer memoria, porque antes ca nós aquí viviu xente que tiña familia, que traballaban honradamente e que ademais tiñan nobres ideais de humanidade e de progreso colectivo". "E ademais", engade, "tiñan unha cousa que lles arrincaron: todo o dereito a vivir". Esa vida é a que agora se lembra a través das pedras da memoria, instaladas en lugares de Ribadeo onde as persoas homenaxeadas viviron ou traballaron.

"O obxectivo é romper un dramático e prolongado silencio arredor dos crimes do franquismo"

Un total de 24 dos 40 lastros foron colocados polo propio Gunter Demnig no parque de San Francisco durante o acto central da iniciativa. O resto situáronse noutras rúas de Ribadeo e unha delas, en Rinlo. "Ás persoas non se lles fai desaparecer e xa está, non son ósos e nada máis", ilustra Pilar Otero, edil de Cultura, quen expresa a esperanza de que "oxalá todos os concellos, sexan da cor política que sexan, fixesen un xesto pequeniño que axude" fronte unhas feridas que "non van marchar, pero deixarán de doer tanto".

Neste sentido, o cronista oficial de Ribadeo resalta que "todas estas historias de fuxidos, asasinados, agachados" circulaban "de boca en boca" pola vila durante a ditadura, pero "silandeiramente". A mera memoria dos asasinados eran de seu "un acto clandestino". É o que deixou escrito Luís Pimentel no seu poema Cunetas, evoca: "Non chores, poden escoitarte". O proxecto a pé de rúa compleméntase coa peza audiovisual que acompaña estas liñas, con testemuñas de familiares das vítimas. Entre as persoas homenaxeadas con estas pedras da memoria están Bebel, France e Jaurés García, os coñecidos como irmáns da Lejía.

A colocación das pedras da memoria en rúas de Ribadeo (na imaxe, unha delas, este 1 de abril) incluíu a homenaxe aos represaliados © Concello de Ribadeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.