Rafa Cuiña: "Son galeguista, centrista e estou cómodo na socialdemocracia"

Rafael Cuiña Dominio Público @rafiklalin

Rafa Cuiña vén de deixar a militancia do PP. Faino porque, di, non se sente "identificado" coa liña marcada pola dirección de Núñez Feijóo nos populares galegos. Recoñece que o paso dado é "doloroso" no persoal por moitas circunstancias "sentimentais". Crítico en moitos medios con numerosas políticas levadas a cabo polo súa ex formación, o fillo do ex conselleiro mantén continuas conversas "no ámbito do galeguismo", o lugar no que di sentirse "máis cómodo". Malia que moitos o sitúan como unha das cabezas pensantes dun novo proxecto galeguista conxunto, o empresario lalinense prefire agardar. "Se algún día toca, xa tocará, e se non toca, non pasa nada", di Cuiña, que responde nesta entrevista. 

Por que decide deixar a militancia do PP agora?

É unha decisión moi meditada desde hai moito tempo. Estiven sendo crítico coa liña tomada polo Partido Popular en varios medios de comunicación e deste xeito o que facía máis ben era molestar. Por respecto a unha formación na que militei tanto tempo, creo que o máis coherente é deixar a súa militancia, pero tendo en conta que non está no meu obxectivo falar mal deles nunca, polo que seguirá tendo sempre o meu máximo respecto.

"O PP deixou a súa marcada traxectoria galeguista e por iso marcho, pero respecto o vieiro que tomou o partido"

Foi a política lingüística do Goberno de Feijóo o detonante para acabar desligándose do PP?

Digamos que foi o inicio. O que me deu a sensación é que o PP decidiu tomar un vieiro diferente na súa marcada traxectoria galeguista doutros tempos e na que eu non me sinto cómodo, pero quen non se sente cómodo son eu e por iso marcho. Eu respecto completamente a lexitimidade do vieiro tomado polo equipo de Núñez Feijóo porque os votantes do PP e os seus militantes o validan.

Participa en numerosas xuntanzas que intentan poñer as bases dun novo proxecto común galeguista-nacionalista. Que achega vostede nese proxecto?

Falo con moita xente do país de diferentes sensibilidades dentro do ámbito galeguista, que é no ámbito no que me sinto respectado e cómodo. Iso é o que teño que dicir e respecto a ese novo proxecto do que se fala, o futuro dirá, pero a miña folla de ruta neste momento pasa pola miña vida persoal e profesional. Cando toque o outro, se algún día toca, xa tocará, e se non toca, non pasa nada.

"Creo que nas vindeiras eleccións haberá unha proposta política conxunta que non terá nada que ver co concepto do BNG"

Pero fálase incluso de que vostede é un dos impulsores de Acción Galega. Que é Acción Galega?

Fume. Non é que non teña nada que ver, pero non existe como un movemento político concreto, así que todo o que se poida falar diso agora é fume e eu non quero referirme a iso neste momento concreto porque non hai nada.

Cre que nas vindeiras eleccións haberá un proxecto nacionalista á marxe do BNG?

A min dáme a sensación de que haberá unha proposta política conxunta que non terá nada que ver co concepto actual do BNG.

Hai quen di que sería difícil conxugar nunha mesma formación a xente de Máis Galiza con Xosé Manuel Beiras ou vostede mesmo...

Pois á xente diríalle que eu estou convencido de que esas persoas que nomeas, polo que eu sei, non están nese tipo de cousas aínda, senón nun proxecto consultivo moito máis interesante que referirse a persoas individuais.

Como se definiría politicamente?

Defínome como galeguista. 

De dereitas ou de esquerdas?

Digamos que me sitúo no ámbito centrista, pero cómodo en posturas socialdemócratas.

Rafael Cuiña Dominio Público @rafiklalin

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.