Rajoy e Feijóo axitan o medo ás coalicións porque “Galicia non está para bromas”

Protesta dos afectados pola preferentes no mitin do PP en Pontevedra CC-BY-SA Praza Pública

De novo, as coalicións. O PP regresou este sábado ao que é o seu lugar fetiche no que a eleccións se refire, a praza de touros de Pontevedra, e como a primeira vez que lograron enchela, en febreiro de 2009, os conservadores apoiaron o seu discurso electoral nun eixo fundamental: previr á súa militancia e, por extensión, a toda Galicia, dos teóricos riscos que traería consigo un Goberno galego apoiado por máis dunha forza política.

Rajoy: "Quen vota ao PP sabe a quen vota e sabe cal é o seu programa"

Nun das escasos actos de campaña nos que será protagonista, Mariano Rajoy pronunciou en Pontevedra un brevísimo discurso centrado nun único argumento: “isto de aquí e un partido”. “Temos un partido, un programa e unha xestión”, remachou o xefe do Goberno central, que recupera a fórmula de prometer unha única coalición, “cos galegos”. Porque, asegura, “quen vota ao PP sabe a quen vota e sabe cal é o seu programa”.

Mentres no exterior do recinto taurino se desenvolvía unha sonora protesta das persoas afectadas polas participacións preferentes das antigas caixas -dúas delas lograron entrar no mitin e foron desaloxadas del antes de que Rajoy falase- Rajoy afondaba nas súas advertencias. Galicai “non pode repetir vellos erros” e “non merece outra cousa como a de 2005 e 2009”, porque “non estamos para bromas”. El mesmo, xustifica, “tiven que tomar decisións moi difíciles, moi duras, pero tomeinas porque o necesita Galicia e España enteira.

 

“Solvencia” ao son de Los Limones

De novo ao son do grupo Los Limones, que onte estreou a nova sintonía electoral dos populares galegos, Feijóo tomou o testemuño de Rajoy para, mentres militantes de Novas Xeracións se declaraban “fans” seus a través de carteis, presentarse como garantía dun “goberno unido, cun único proxecto”, no canto de “cinco, para repartir o que non hai”.

Feijóo gábase de “solvencia”, a que, asegura, permitiu que Galicia se “adiantase” á crise, e augura unha nova lexislatura ateigada de “sentidiño”. “Sentidiño para que os galegos non teñan que pagar os pufos que deixan os políticos” ou “para que as linguas se empreguen en liberdade, sen imposicións, para falar nas linguas de Galicia”.

Feijóo: "Calquera comunidade autónoma cambiaría a situación pola de Galicia"

De lingua foi precisamente do que mudou Feijóo para dirixirse a Rajoy. “Xa sei que é moi doado gastar e moito máis difícil pagar”, que “durante oito anos pensaron que isto era unha broma” e agora esa “broma estourou”, afirma, en referencia aos socialistas. Pero, malia a todo, afirma, “calquera comunidade autónoma de España cambiaría a súa situación por Galicia” e “eu non cambio Galicia por ningures”, asegura.

Unha nova promesa de “unidade” despediu os 12.000 asistentes ao mitin, que previamente foran arengados por Rafael Louzán e polo ex presidente Fernández Albor a pedir o voto entre os seus amigos e familiares, mesmo “debaixo das pedras”, porque non hai nada ganado. Los Limones volveron atronar o recinto taurino, blindado pola Policía. Nas rúas circundantes atronaba, tamén, a protesta das preferentes.

Protesta dos afectados pola preferentes no mitin do PP en Pontevedra CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.