"Se Galiza tivo relevancia en Europa nestes anos foi por levar o BNG os temas galegos"

Ana Miranda, cun exemplar do programa do BNG para as europeas do 9X, durante a entrevista con Praza.gal CC-BY-NC-SA Praza.gal

Ana Miranda foi eurodeputada nas últimas tres lexislaturas comunitarias en períodos rotatorios co resto de forzas políticas coas que compartiu coalición o BNG. A cuntiense, cun amplo percorrido previo nas institucións da Unión Europea tanto pola súa traxectoria académica como traballando no equipo do que foi primeiro eurodeputado do Bloque, Camilo Nogueira, mantivo unha intensa actividade nos escanos de Bruxelas e Estrasburgo, pero tamén alén deles. Agora, a súa aspiración é lograr representación para os cinco anos de mandato para "ter máis tempo para poder facer". "Se en catro anos alternos en total de eurodeputada fixemos tantas cousas, o que non faríamos cun escano completo!", di.

Obviamente, o obxectivo da súa campaña é obter o voto para o BNG. Pero se cadra neste contexto, coas eleccións galegas aínda tan próximas, a primeira batalla é facer ver á xente que hai eleccións europeas e cómpre votar, non si?

Sen dúbida, a primeira batalla é facer ver que votar nas eleccións europeas é moi importante porque se deciden cousas galegas. E que alí somos nós, o BNG; quen fala de Galiza, como voz galega en Europa. Se algunha relevancia tivo Galiza en Europa nestes anos foi por levar o BNG os temas das galegas e os galegos: a pesca, a agricultura, os servizos, a vivenda, o accidente de Angrois… É moi importante, decídese sobre o que comes, onde vives, como te comunicas dentro de Galiza e con outras partes do mundo. E tamén como é a protección da ecoloxía ou se hai paz ou non.

"O BNG é libre, non ten intermediarios. O escano do BNG ten unha axenda galega sen render contas: gobernamos nós a nosa casa, tamén no Parlamento Europeo"

Está acompañada nesta entrevista por unha carpeta co lema electoral do BNG, A voz de Galiza en Europa. Haberá quen lle diga que Galicia tamén está representada a través dos outros eurodeputados galegos. Por que o BNG representa mellor o país que eurodeputados do PP, do PSdeG ou doutras forzas?

Porque o BNG está libre, non ten intermediarios. Porque demostramos que o escano do BNG é capaz de de ter unha axenda galega en Europa. É facer a política europea galega, un Parlamento Europeo no que Galiza estea presente en moitas comisión, levando alí moitos grupos… xornalistas, labregos, as Enfermeiras en Loita, colectivos ecoloxistas, representantes de concellos, grupos feministas. Media Galiza pasou por alí! [ri] E non de visita, senón porque tiña un tema galego que defender no Parlamento Europeo. E nós non temos que render contas, gobernamos nós a nosa casa e tamén no Parlamento Europeo.

Ana Miranda amosa o programa do Bloque para as europeas do 9X, nun intre da entrevista CC-BY-NC-SA Praza.gal

Primeiro como membro do equipo de Camilo Nogueira e despois como eurodeputada, acumula xa unha experiencia notable nas institucións europeas. De que labor se sente máis orgullosa e cal sería a súa principal materia pendente para a nova lexislatura?

"Síntome orgullosa da defensa ardua e incansable de Galiza. Por iso ese alcume que me andan a chamar"

A nivel humano do que me sinto máis orgullosa é de non ter cambiado dende que comecei a traballar con Camilo [Nogueira]. A min non me cambiou o escano, estar naquelas esferas que parece que dominan o mundo… Porque eu sempre volvo á miña terra, estou con quen ten os problemas en todo o país, sempre me acheguei a todas partes de Galiza para escoitar. Alégrome diso, de ser a mesma, como din as miñas veciñas, a familia, as amizades… A nivel político, da defensa ardua e incansable de Galiza; por iso ese alcume que me andan a chamar, que agora se sabe aquí e me fai moita graza…

Falamos de Madame Galice, para que non saiba de que alcume se trata…

Ai, Madame Galice... Dicíame un eurodeputado irlandés: “Es tan pesada… Always Galicia, always Galicia” [ri]. E é verdade, eu fun alí para defender o país, para que Galiza como nación estea recoñecida no Parlamento Europeo e nas políticas que nos afectan. Pero se hai un tema do que teño moito orgullo e que ademais se acaba de pechar para ben é o do accidente de Angrois, que saíse o procedemento de infracción da UE contra o Estado. Os gobernos tanto do PP como do PSOE non foron capaces de darlles un pouco de paz ás vítimas e agora, co caso aínda aberto na Xustiza, sinto orgullo de ser política e de que a xente confiase en nós. Temos feito moita axuda. Tamén, entre os temas prioritarios… Falaba o outro día cunha muller en Vigo, desafiuzada con dous fillos e sen alternativa ningunha; e cando lle contaba que unha das primeiras medidas do BNG vai ser apostar polo Plan Europeo de Vivenda, sinto máis ganas de traballar. Por iso pido á xente que faga memoria de todo o que fixo o BNG.

Hai diversas análises que apuntan a que estas eleccións europeas son especialmente relevantes polo risco de avance da extrema dereita no continente. Ata que punto isto é así, ata que punto podemos espertar o día 10 de xuño coa extrema dereita pasando de ser un actor máis ou menos ruidoso a un actor decisivo?

"Eu son unha deputada antifascista e por iso me insultan, porque non lles calo nin unha. Votando polo BNG combátese á extrema dereita xunto á defensa dos temas de Galiza"

Hai un pacto ente a extrema dereita e o PP Europeo. Votan na maioría das cuestións da mesma maneira, a última ocasión, sobre os temas de Palestina. Votan por unha política de defensa europea baseada en investimentos en armas e non en gasto social, temas de feminismo, negando a urxencia climática… Hai un branqueamento por parte da dereita tradicional ás forzas da ultradereita europea. Eu xa o dixen coa resolución sobre o avance do neofascismo en Europa, da que fun relatora en 2018: estaban aí, ían coller moito máis peso. A maquinaria de falsas noticias que realizan viuse cando foi o atentado ao Congreso dos EUA, o tema de Lula… e esa iberosfera que representa Vox ten unha clara intención de desestabilizar. Un voto máis ao BNG é un voto menos á extrema dereita, iso tamén o quero dicir á xente. Votando polo BNG combátese á extrema dereita xunto á defensa dos temas de Galiza. Eu son unha eurodeputada antifascista e se mo permite o pobo seguireino sendo; non lles calo nin unha mentres me insultan, e insúltanme moi repetidamente porque falo en galego, porque defendo a igualdade ou porque defendo outros pobos como o palestino ou o kurdo. E isto só se pode frear prohibindo as organizacións neonazis que eles amparan, pero tamén con límites dentro do Parlamento Europeo, para que non ocupen espazos que ten que ocupar a esquerda. Eu son o contrario de Hermann Tersch ou Buxadé e votar por min, como candidata do BNG, é votar en contra deses personaxes que o único que fixeron foi degradar o ser humano. Nos debates sobre emigración non se pode nin imaxinar as cousas que din sobre persoas que foxen pola súa vida.

Miranda, no acto de apertura da campaña do BNG para as europeas, xunto a Ana Pontón e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín CC-BY-NC-SA BNG

Vivimos un tempo no que, se cadra, a esfera internacional está máis no noso debate político cotián que noutras épocas, quer pola guerra en Ucraína, quer pola situación en Gaza. Durante a lexislatura que remata, o Partido Popular acusouna a vostede persoalmente de non condenar a invasión de Ucraína ou de proximidade a Rusia. Que respondería?

"O PP está no uso das fake news, como fan constantemente. Son os os herdeiros do franquismo e non nos poden dar leccións á xente que combatemos á ultradereita e estamos polas liberdades"

O PP de Galiza está nunha posición de deostación, de uso das fake news como fixeron constantemente… O modus operandi que tamén fai a extrema dereita. Eles son os herdeiros do franquismo e non nos poden dar leccións á xente que combatemos á ultradereita e estamos polas liberdades. Falan disto porque non teñen unha axenda galega en Europa como temos nós. Para empezar, os candidatos do PPdeG que teñen opcións de saír non viven en Galiza e iso xa é moi claro en canto a descoñecemento. E hai un que é un tránsfuga, que sabemos de onde vén. Pero, sobre todo, non hai esa axenda galega, que nós si temos. Temos relación cos sectores produtivos, axenda industrial, ecolóxica, coñecemento do país, falamos con todo o mundo… Levamos moito tempo con pico e pala, levando a Bruxelas por exemplo os afectados por Altri, eles non. Nós queremos o saneamento das rías e eles non o apoiaron no seu momento, nós queremos que non haxa manipulación na TVG e algún dos candidato do PP foi carretar os deputados de Vox para que houbese quorum e non se falase diso. Non hai axenda e o único que poden facer é criticar o BNG, que é alternativa de Goberno neste país, temos seriedade e rigor traballando… E somos moito máis simpáticos [ri], non andamos con esas trapalladas.

Historicamente e tamén no seu programa para estas eleccións fan unha lectura crítica da Unión Europea. Falan en termos de “fracaso” dos obxectivos fundacionais da UE. Como se pode compatibilizar esa visión con estar no Parlamento Europeo e utilizar os mecanismos das institucións para todos estes temas dos que falamos?

"No BNG temos unha posición crítica coa UE e a historia deunos a razón. Pero iso non quita que somos unha nación europea e en Bruxelas ten que haber representación directa dos intereses galegos"

No BNG temos unha posición crítica e a historia deunos a razón co desmantelamento de sectores produtivos, coa posición de neoliberalismo económico, de condicionamento absoluto das políticas de gasto público, coa liberación do déficit porque hai pandemia pero despois vai volver… Pero isto non quita que somos un pobo de Europa, unha nación; sempre defendemos a Europa dos pobos, como aínda lembraba estes días o profesor Beiras cando Anova nos deu o seu xeneroso apoio. Somos a Europa dos pobos fundacional, a que tamén está recoñecida pola Alianza Libre Europea. Iso sería como dicir que non tivésemos deputados en Madrid ou nun concello que non nos gusta porque goberna o PP. Tamén hai decisións do Parlamento español que non nos gustan, pero hai que estar. E en Bruxelas, que é onde se representa á cidadanía, ten que estar o pobo galego. E a única representación directa dos intereses galegos con voz galega é o BNG, demostrámolo con feitos. Que lle pregunten aos mariscadores da ría do Burgo, que están dragando a ría; aínda estiven hai tres días con eles, están moi agradecidos e dicíanme: “Se non chegades a pelexar por isto en Europa, isto non saía”

A nova lexislatura europea pode ser a da resolución do procedemento de infracción ao Estado español pola prórroga da concesión da AP-9 no ano 2000. Pode vir de Europa a fin das peaxes na Autoestrada do Atlántico?

Co procedemento de infracción, que xa está na segunda fase e do que pedín acceso ao expediente como eurodeputada, pode que pase. Porque é unha concesión ilegal, así é para nós. O que non pode ser é que se dea unha discriminación en Europa, que haxa autoestradas libres como as belgas pero non en Galiza. Isto foi unha falla, unha irresponsabilidade do PP e tamén do PSOE, cos sucesivos gobernos de alternancia. Pode pasar, creo, como co accidente do Alvia, que ao final o Estado español teña que rectificar por unha decisión europea. Se a nosa presión serve para iso, oxalá.

Ana Miranda, en entrevista con Praza.gal no inicio da campaña das eleccións europeas do 9X CC-BY-NC-SA Praza.gal

Sobre ese outro procedemento de infracción polo accidente de Angrois, neste caso iniciado polo BNG da man da plataforma de vítimas, pódese dicir que existe satisfacción co resultado, que realmente os nosos trens son máis seguros grazas ao acadado na UE, máis alá do percorrido xudicial? 

"Un dos exemplos de eficacia do noso escano é ter un sistema ferroviario máis seguro para que non volva pasar un Angrois nunca máis"

Si, e ademais con orgullo. Se o BNG non chega a denunciar o accidente de Angrois e a irresponsabilidade dos gobernos con Pepe Blanco primeiro e con Ana Pastor despois, non se solucionaría e seguiríamos tendo un sistema inseguro como no momento do accidente. Foi unha pelexa moi grande, un David contra Goliath: unha deputada que non ten o escano completo, denuncia o Estado español, gaña esa batalla e o Estado se ve obrigado a un plan de acción que a Comisión acaba de aprobar e por iso se pecha. Grazas ao BNG e á plataforma de vítimas, á que sempre acompañamos. O día que me chamaron da Comisión para anunciar que se pechaba sentín máis paz; xa a sentía por ter levado o caso, porque as vítimas fosen alí moitas veces. Ese é un dos exemplos de eficacia do noso escano, un escano para as causas de moitas persoas que, se non se levasen alí, non se solucionarían. Non podemos, por desgraza, recuperar as persoas que perderon a vida, pero si ter un sistema ferroviario máis seguro para que non volva pasar un Angrois nunca máis.

O que semella que é máis difícil que prospere son as súas reivindicacións no Parlamento Europeo a respecto da situación dos medios públicos de comunicación galegos. Despois do veto do PP e Vox na Comisión de Peticións, hai outras vías para actuar sobre esta cuestión alén da Comisión de Peticións, que é o foro do Parlamento Europeo ao que a cidadanía pode trasladar reivindicacións coma estas?

Os eurodeputados galegos do PP e algún que agora vai de galego tamén foron activistas de que non se tratase o tema da manipulación dos medios. Con mentiras e amparados pola extrema dereita, mesmo con carretaxe de deputados. Eu quedei estupefacta. Dolors Montserrat, a cabeza de lista do PP conseguiu que non se tratase nesa Comisión de Peticións cunha manipulación absoluta. Conseguimos gañar no servizo xurídico do Parlamento que se volvese tratar, veu comparecer o comité de empresa, case non lle deixaron falar e pecharon o caso porque teñen maioría. Pero iso non quita que non o volvamos presentar para que volva tratarse na seguinte lexislatura. E, se conto co voto das galegas e galegos, agardo estar de novo na Comisión de Peticións e defender os nosos medios públicos. E tamén creo que deberían ir ao Defensor do Pobo Europeo, porque esta é unha vulneración da lei de liberdade dos medios de comunicación, que se acaba de aprobar. Eu defendereinos en todo o que poida.

Estamos nun contexto de crise climática. A lexislación europea é clave nesta cuestións. Ata que punto esta pode ser a dos avances reais, alén de declaración de intencións, e ata que punto se pode manter o equilibrio nun momento no que xa se fala de retardismo para non aplicar as medidas e ao mesmo tempo, hai moitos sectores preocupados, por exemplo no noso país coa ocupación da costa ou coas enerxías renovables. Como se pode achar o equilibrio?

"A UE ten moitas contradicións no plan verde, no tema enerxético. Pero [a crise climática] é unha urxencia"

Son temas de moitísima importancia. Máis no noso país, coa nosa biodiversidade, con rías que deben ser protexidas, con fondos Next Generation que en lugar de ir para celulosas contaminantes deberían ir para recuperar as rías como se fixo na do Burgo pola nosa intervención, con doce anos de denuncia. A transición cara a unhas políticas que redunden na protección medioambiental, tamén no tema enerxético, ten que ser xusta. Os nosos sectores produtivos teñen que facer esa transición, pero de forma paulatina, con axudas. Temos sectores que son exemplo de cumprir as normas europeas e non podemos aceptar un Pacto Verde que serve para branquear políticas de depredación, como pasa con proxectos macroeólicos e pode pasar con fondos para Altri. O que pretende a Comisión é acelerar procesos sen consultar con nacións como a nosa, que cumpre a media europea en enerxías renovables mentres temos un procedemento aberto por non cumprir a media na Rede Natura. Ademais, o PP usa isto para facilitar eses macroproxectos. A UE ten moitas contradicións no plan verde, no tema enerxético. Pero é unha urxencia; vemos como están as nosas rías pola contaminación, vimos de ter unha marea de pellets, os plans anticontaminación teñen que funcionar, hai que ampliar a Rede Natura, enerxías renovables pero non en macroproxectos… E ter en conta a situación do agro para unha transición xusta. No agro galego hai xente que xa está cumprindo as normas europeas e debería recibir mási fondos da PAC, que destruíu moitas explotacións pero que non poden vivir sen elas. O outro día estiven nunha explotación de pastoreo na provincia de Lugo que recibe a cuarta parte do que reciben outros só por ter terras noutras partes do Estado. É bo escoitar a posición galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.