A Audiencia de Lugo ordena reabrir o caso das gravacións de mulleres na Maruxaina difundidas en webs pornográficas

Mobilización en Cervo tras o primeiro arquivo das denuncias polas gravacións na Maruxaina, nunha imaxe divulgada pola Marcha Mundial das Mulleres CC-BY-NC-SA MMM Galiza

O tribunal pide ao xuíz instrutor, que arquivara o caso, que cando menos determine o lugar no que foron colocadas as cámaras e lembra que o Constitucional considera que a intimidade non se limita ao ámbito doméstico

A Audiencia Provincial de Lugo ordena nun auto emitido este xoves 11 de novembro que se reabra a investigación sobre as gravacións de mulleres ouriñando durante a celebración da festa da Maruxaina celebrada en 2019 en San Cibrao (Cervo), imaxes que foron incorporadas a páxinas web de contido pornográfico. Os maxistrados consideran que se viu comprometida “a intimidade dun grupo de mulleres”, polo que decreta que se investigue “sobre quen e como realizou as gravacións”. A Sala revoga así a decisión de arquivar o caso adoptada polo maxistrado do Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro.

Festa da Maruxaina © Turgalicia

O alto tribunal provincial entende que se deben practicar dilixencias, como mínimo as solicitadas polo Ministerio Fiscal e dúas das denunciantes, “para determinar o lugar concreto e a forma na que foron colocados os elementos de gravación”, os cales, en principio, considera que foron situados en lugares “insidiosos” para evitar ser descubertos. Ademais, indica que se debe establecer “se o lugar era un lugar apartado ou reservado”, á vez que destaca que, “en aparencia, e a falta de maiores concrecións”, está “apartado da vista de persoas alleas”. 

Os xuíces tamén aseguran que, en principio, “quen actuou colocando os elementos de gravación era coñecedor de que se trataba dun lugar reservado e que xa viña sendo utilizado en anos anteriores para poder mexar as mulleres sen estar á vista de terceiros”.

Festa da Maruxaina © Turgalicia

O Tribunal Constitucional “declara expresamente que o ámbito de cobertura deste dereito fundamental vén determinado pola existencia dunha expectativa razoable de privacidade”

No auto, a Audiencia de Lugo salienta que o concepto de intimidade non se pode limitar ao ámbito doméstico ou privado. Así, explica que o Tribunal Constitucional “declara expresamente que o ámbito de cobertura deste dereito fundamental vén determinado pola existencia dunha expectativa razoable de privacidade”. Así, por exemplo, establece que cando unha persoa se atopa nunha paraxe inaccesible ou nun lugar solitario debido á hora do día “pode conducirse con plena espontaneidade, na confianza fundada da ausencia de observadores”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.