A poboación galega que non pode pagar por ter a casa á temperatura axeitada é a maior en quince anos

Radiador nunha vivenda CC-BY-SA Julian Hochgesang / Unsplash

Algo máis dunha de cada cinco persoas non poden manter a unha temperatura axeitada a vivenda na que residen. É un dos datos máis rechamantes para Galicia na actualización da Enquisa de Condicións de Vida que vén de actualizar o INE con datos correspondentes a 2023, segundo os cales este problema atinxe ao 21,5% da poboación galega ou, o que é o mesmo, a maior porcentaxe en quince anos.

As dificultades económicas para poñer a calefacción chegan ao 21,5% da poboación, segundo a Enquisa de Condicións de Vida que vén de actualizar o INE

Nun contexto marcado pola inflación -os datos de 2023 baséanse nas rendas dispoñibles pola poboación no exercicio anterior-, estes datos indican que esta dificultade aumentou dous puntos a respecto do ano anterior, cando eran o 19,3% dos fogares os que, por razóns económicas, non podían poñer a calefacción. Trátase dunha porcentaxe moi superior á dos anos da crise económica da década pasada, cando non chegara a superar o 15%.

Esta evolución negativa, como amosa o gráfico sobre estas liñas, contrasta coa relativa estabilidade doutros indicadores analizados do inquérito. É o caso da porcentaxe de poboación que non pode pagar unhas vacacións de cando menos unha semana por ano -segue arredor do 40%-, o arredor do 30% que segue sen poder permitirse afrontar gastos imprevistos ou o algo máis do 4% de residentes en Galicia cuxas condicións económicas impiden comer carne, polo ou peixe cada dous días.

Máis risco de pobreza ou exclusión, pero por baixo da media

Os datos divulgados este 26 de febreiro polo IGE tamén revelan un incremento en Galicia das taxas de risco de pobreza ou exclusión social e mais da taxa de pobreza. Ambas seguen, non obstante, por baixo da media estatal.

O risco de pobreza ou exclusión ascende ata o 25,5% da poboación, case dous puntos máis que un ano antes

O primeiro dos indicadores -o coñecido como taxa AROPE- refírese á proporción de poboación en risco de pobreza, pero tamén en situación de privación material severa -en conceptos como as carencias ás que nos referimos anteriormente- ou que vive en fogares "con intensidade de traballo moi baixa" (onde os habitantes en idade de traballar só puideron facelo menos do 20% do ano). Chega en Galicia ao 25,5% para o ano 2023, isto é, case dous puntos máis que un ano antes pero un punto por baixo da media.

No referido á taxa de risco de pobreza -a porcentaxe de poboación que non chega ao 60% da mediana de ingresos da poboación xeral-, os resultados tamén son peores que un ano antes: chega ao 19,4% en Galicia, case un punto e medio máis que en 2022. Isto supón un achegamento á media estatal, que queda no 20,2%, un descenso de dúas décimas.

A Rede Galega contra a Pobreza vén poñendo o foco en que os altos custos da vivenda están na orixe de gran parte destas dificultades económicas

Estatisticamente, os valores de referencia para calcular o risco de pobreza na media estatal quedaron en 2023 nuns ingresos anuais de 10.989,50 euros para fogares dunha soa persoa e de 23.078 euros para un fogar con dúas persoas adultas e outras dúas menores. Isto supón que está en risco de pobreza quen non chegan a ingresar uns 915 euros ao mes en fogares individuais ou uns 1.923, no devandito exemplo de fogar de catro persoas.

Sobre aspectos coma estes vén poñendo o foco reiteradamente a Rede Galega contra a Pobreza, que dende hai anos advirte que unha das principais causas destas dificultades para as familias galegas pasa polos altos custos da vivenda. Políticas de vivenda pública máis ambiciosas, pero tamén accións como recuperar a Tarxeta Básica de alimentos veñen sendo algunhas das súas reclamacións ao respecto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.