Os prezos dos alimentos moderan a súa suba ao 5% e deixan atrás dous anos de escalada

Evolución do prezo dos alimentos nos últimos meses ©

En marzo a inflación situouse no 3,5% en Galicia, cunha suba de tres décimas dende febreiro (3,2%) que deixa o Índice de Prezos de Consumo (IPC) galego por riba da media española (3,2%), como vén sendo habitual nos últimos tres anos

Se miramos cara atrás, a historia dos últimos catro anos, tan axitados, aparece pragada de dificultades, dende a pandemia de COVID que sufrimos entre 2020 e 2021, as dificultades para o acceso a un alugueiro, ata crise de prezos iniciada nos últimos meses dese ano 2021 e na que traballadores e traballadoras perderon unha parte notable do seu poder adquisitivo. Esa crise de prezos  -que afectou primeiro á electricidade e combustibles e despois aos alimentos- chegou a elevar o IPC interanual de Galicia ata o 11,5% en xullo de 2022 e os seus efectos foron especialmente duros para os fogares con menor poder adquisitivo, pois os seus efectos deixáronse notar en produtos de primeira necesidade e consumo obrigado.

Porén, malia os obstáculos dos últimos anos, é innegable que nos últimos temos estamos a recibir unha sucesión de boas novas, tanto no emprego, cun máximo histórico de cotizacións e a taxa de paro máis baixa en 16 anos, coma nas grandes magnitudes macroeconómicas e tamén, por fin, nos indicadores de variación dos prezos. En marzo a inflación situouse no 3,5% en Galicia, cunha suba de tres décimas dende febreiro (3,2%) que deixa o Índice de Prezos de Consumo (IPC) galego por riba da media española (3,2%), como vén sendo habitual nos últimos tres anos.

O índice subxacente leva meses en descenso e sitúase xa no 3,7% en Galicia (tres décimas menos que en febreiro) e moi lonxe dos máximos acadados hai pouco máis dun ano

A suba de marzo pode explicarse polas flutuacións dos prezos da electricidade e dos combustibles nos últimos meses, que provocan variacións significativas no índice internanual. Porén, as boas novas chegan cos datos da chamada inflación subxacente, que non ten en conta nin os produtos enerxéticos nin os alimentos non elaborados e que, polo tanto, queda libre das oscilacións que habitualmente se producen nestas partidas, polo que se considera un indicador máis estable e confiable de cara a prever a evolución do IPC a medio prazo.

Este índice subxacente leva meses en descenso e sitúase xa no 3,7% en Galicia (tres décimas menos que en febreiro) e moi lonxe dos máximos acadados hai pouco máis dun ano.

Os alimentos seguen a subir en termos interanuais pero moderan o seu encarecemento ata o 5% en Galicia (4,3% no conxunto de España), un punto menos que en febreiro (6%)

Pero a mellor nova chega nos datos da variacións dos prezos dos alimentos, a partida que máis afectou ás familias con recursos económicos limitados e que en 2022 e 2023 se disparou con subas anuais que chagaron ao 17% e a magnitudes moi superiores nalgúns produtos de uso diario. Os alimentos seguen a subir en termos interanuais pero moderan o seu encarecemento ata o 5% en Galicia (4,3% no conxunto de España), un punto menos que en febreiro (6%) e moi lonxe do 16,5% do mes de marzo do pasado ano.

A maior parte das partidas presentan uns indicadores contidos e tan só os devanditos paquetes turísticos manteñen un encarecemento importante

Depois duns anos nos que os prezos de combustibles e electricidade se chegaron a disparar un 83% en termos interanuais ou nos que os paquetes turísticos subiron ata un 27%, os servizos de aloxamento un 20% ou a hostalaría case un 10%, neste momento a maior parte das partidas presentan uns indicadores contidos e tan só os devanditos paquetes turísticos manteñen un encarecemento importante, que coincide coa proximidade do verán.

Nos alimentos, a única excepción é o aceite (nomeadamente o aceite de oliva), que segue a encarecerse de forma moi importante e custa un 48% máis que hai un ano

En canto aos alimentos, practicamente todos os produtos presentan un avance moderado en termos interanuais. A única excepción é o aceite (nomeadamente o aceite de oliva), que segue a encarecerse de forma moi importante e custa un 48% máis que hai un ano.

Entre o resto, tan só o peixe, a froite e as patacas, cunha suba do 6%, soben de maneira importante e as legumes e hortalizas reducen o seu prezo de forma significativa (-13%), despois duns meses de aumentos. En todo caso, produtos coma os ovos (+2,9%) ou o leite (0,6%) amosan uns prezos moi semellantes aos de hai un ano, despois dunha tempada na que chegaron a encarecerse un 33%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.