A revolución das nais mellora os partos en Santiago: “Agora sabemos os nosos dereitos e loitaremos para todas”

A presidenta da Plataforma Loita, Tamara Campos, cos seus fillos, Xurxo, Bela e Roi. © Cedida

Estase a artellar toda unha revolución de nais ben informadas que loitan polos seus dereitos que vén de acadar unha nova vitoria na área de Santiago e Barbanza. Cesáreas acompañadas e pel con pel xa son posibles alí.

Un parto é un dos momentos máis importantes da vida dunha persoa e tamén dos máis vulnerables. Non importa se é a primeira vez o xa pasara por iso antes. A nai está a expensas do que dirixan as matronas e os médicos, polo que as mulleres protagonistas pouco poden decidir. Ou non. 

Nos últimos tempos estase a conformar toda unha revolución de nais ben informadas que loitan polos seus dereitos e os das súas crianzas para, por exemplo, estaren acompañadas tamén en partos por cesárea. 

Reunión das representantes da plataforma Loita coas responsables da área sanitaria de Santiago-Barbanza. © Cedida

“Grazas ás mulleres organizadas como as de Loita empezamos a descubrir os nosos dereitos, porque estabamos alucinados de que nos separasen tras o parto”. Rocío afronta xa a recta final do seu embarazo de mellizos, con 35 semanas de xestación, e todas as interrogantes da nai primeiriza, pero agora con algunha certeza máis. 

Rocío, xunto coa súa parella, Fernando, participaron na reunión da plataforma Loita cos responsables da área sanitaria de Santiago, este mércores pasado, para pedir partos máis humanizados e que non se vulnerasen os dereitos de nais e bebés. E saíron contentísimos, xa que obtiveron o compromiso dun cambio no protocolo. 

‘A Xerencia da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza pon en marcha un novo Protocolo de acompañamento ao nacemento mediante cesárea no que se posibilita o acompañamento á nai, de quen ela decida, durante todo o proceso, e a non separación en ningún momento do seu fillo, ao igual que xa se viña facendo no parto vaxinal, polo que se adianta o contacto pel con pel continuado co recén nado’. A Xunta proclamaba así nun comunicado que por fin se ían cumprir os criterios legais recollidos no seu propio Plan de Parto de 2017, no que se indica que a muller ten que poder decidir e manter o control sobre o proceso do parto.

Nese plan de hai máis dun lustro tamén se aclaraba que no caso dun parto por cesárea ou instrumental "promoverase, ao igual que no parto eutócico, o acompañamento continuado, a intimidade, e o contacto inmediato pel con pel tras o nacemento". Pero a realidade era que ata o de agora moi poucos hospitais respectaban estas indicacións.

Nai e crianza tras o parto. Dominio Público pxfuel

“Agora as nais sabemos os nosos dereitos e loitaremos por todas”, asegura Rocío que, con 35 semanas xa de xestación non pode estar completamente segura de que o novo protocolo lle vaia beneficiar pero confía en que así sexa. “En calquera caso deixamos a nosa pedriña e botámoslle unha man á plataforma Loita”, di.

“Se as mulleres non o pedimos, non se forzan os cambios”, denuncia Tamara Campos, presidenta da plataforma cidadá Loita

“Hai meses Rocío só me pediu que eu estivese acompañándoa en todo momento e que non perdese de vista os nenos. E agora vou poder cumprir os seus desexos”, subliña Fernando moi emocionado coa expectativa de poder estar no nacemento dos seus fillos no CHUS.

“Se as mulleres non o pedimos, non se forzan os cambios”, denuncia Tamara Campos, presidenta da plataforma cidadá Loita. 

Segundo explica Campos, as nais tiñan tres peticións para a reunión coas responsables da área sanitaria de Santiago: o cumprimento do protocolo de acompañamento do paciente pediátrico; a cesárea acompañada e respectuosa, que favoreza o pel con pel; e, por último, un asesoramento real e con criterio para a lactancia. “Son cousas sinxelas, que non custan cartos”, subliña a presidenta da plataforma.

Xunto co compromiso para a humanización das cesáreas, Loita levou tamén a promesa de mellorar a información que se ofrece sobre lactancia. “Ás veces dan explicacións contraditorias. Vén unha enfermeira e di unha cousa e logo outra con outro consello. Pedimos uns criterios comúns para todas”, indica Campos. 

Agora fican á espera doutra reunión co médico rehabilitador xefe de Santiago para avanzar no acompañamento dos pequenos en atención temperá

Bebé neonato nun hospital. CC-BY-SA Wilker Lauriano

Vitoria histórica en Pontevedra

A plataforma cidadá creada en Pontevedra xa acadara unha vitoria histórica nesa área sanitaria este verán, onde cambiaron os protocolos para permitir o acompañamento da nai tamén en cesáreas e facilitar o contacto pel con pel. Así, Ruth Abonjo, veciña de Sanxenxo, xa puido parir os seus xemelgos acompañada nunha cesárea e facer o pel con pel en xullo no Hospital Provincial de Pontevedra

En agosto as representantes de Loita tamén se reuniron cos responsables da área sanitaria de Vigo, onde, a pesar de que a reunión “foi moi mal”, acadaron o compromiso do xerente de introducir cambios nas cesáreas programadas. “Estamos á espera de noticias”, informa Tamara Campos.

“Estiven separada dos meus fillos 10 horas”

Mercedes é nai de mellizos nados por cesárea. É algo habitual. Nestes partos non hai acompañante posible e os bebés van co pai ou outra persoa de referencia ata que a nai se recupera da anestesia. Esa segue a ser a práctica na meirande parte dos centros hospitalarios como o Álvaro Cunqueiro de Vigo. 

“Eu estiven separada dos meus fillos 10 horas”, lamenta a viguesa. “Chega tarde para min pero espero que se poidan beneficiar o resto de mulleres”, asegura.É marabilloso e necesario estar cos bebés.Oxalá sexa unha realidade pronto no Cunqueiro e sexa algo máis natural, non algo desnaturalizado onde unha nai non volve saber nada máis dos seus fillos ata que se recupera dunha anestesia.  É aberrante non telo feito ata agora”, explica. 

Segundo contan desde Loita, non pararán ata que a súa revolución se estenda por toda Galicia. “Agora toca Ourense e despois iremos a Lugo e Ferrol” proclama Tamara Campos.

 

 

A orixe de Loita

A plataforma Loita ten a súa orixe no Hospital Provincial de Pontevedra hai menos dun ano. Daquela Tamara Campos tiña que levar o seu fillo pequeno de seis meses a unhas sesións de fisioterapia e atopouse con que non lle prohibían entrar na consulta. “Eu quería acompañalo e aprender para repetir os exercicios na casa pero non me deixaban”, explica a nai.

Campos informouse e deixou rexistradas numerosas reclamacións no hospital para que non se vulnerasen os seus dereitos. “Deime conta de que a lei dicía que os menores teñen dereito a estaren acompañados”, argumenta. 

Moitas nais puxéronse entón en contacto con ela e crearon un grupo de WhatsApp. Logo chegou a plataforma en redes sociais en xuño, onde contan con 2.500 membros. “Conseguimos que en 15 días cambiaran os protocolos en Pontevedra", lembra Tamara. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.