Nove entidades sociais viguesas reclaman a Xunta e Concello medidas para garantir o acceso á vivenda

O barrio de Navia, en Vigo © DT Ingenieria

Ante as dificultades para o acceso a unha vivenda digna para unha porcentaxe importante da cidadanía, nove entidades sociais viguesas veñen de difundir un decálogo de medidas dirixido especialmente ao Goberno local da cidade olívica e á Xunta de Galicia

Ante as dificultades para o acceso a unha vivenda digna para unha porcentaxe importante da cidadanía, nove entidades sociais viguesas veñen de difundir un decálogo de medidas dirixido especialmente ao Goberno local da cidade olívica e á Xunta de Galicia. Amnistía Internacional, Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, Fundación Érguete–Integración, Os Ninguéns, a Parroquia do Cristo da Vitoria, Proclade Fundación, Provivienda, a Rede Social Galicia Sur e o Sindicato de Inquilinas Vigo Tui Baixo Miño remitiron senllas cartas ao Alcalde de Vigo e á Delegada da Xunta. Nelas reclaman que os orzamentos para 2024 de ambas as dúas administracións inclúan medidas que permitan poñer en práctica estas medidas.

Entre outras medidas, as entidades demandan un plan plurianual que garanta o incremento progresivo do parque mínimo de vivenda destinado a políticas sociais, incluído o alugueiro social, e un calendario para acadar a media europea do 15% de vivenda social do parque municipal de vivendas en Vigo, detalla Isabel Flores, voceira de Amnistía Internacional.

Avenida de Castelao, en Coia CC-BY-SA HombreDHojalata

As entidades demandan o incremento progresivo do parque mínimo de vivenda destinado a políticas sociais, incluído o alugueiro social, e un calendario para acadar a media europea do 15% de vivenda social do parque municipal de vivendas

Adolfo Telmo Pérez, voceiro do Sindicato das Inquilinas-Sindicato de Vivenda, destaca que segundo datos oficiais, o prezo medio actual do alugueiro en Vigo duplicouse na última década e a principios de 2023 era de 590 euros. Así mesmo, denuncia que “en 2022 houbo 266 desafiuzamentos na provincia de Pontevedra, cunha media de 5 á semana". Por este motivo, reclaman ao Concello que solicite á Xunta a aplicación do control de prezos de alugueiros en zonas tensionadas de Vigo "para garantir o acceso ao dereito humano da vivenda, que debe ser alcanzable, non un ben de investimento ou un produto de luxo".

Reclaman ao Concello que solicite á Xunta a aplicación do control de prezos de alugueiros en zonas tensionadas de Vigo

As entidades lembran feitos recentes, coma o incendio que tivo lugar en outubro e no que faleceron catro persoas, tres delas menores, e outras nove foron hospitalizadas, un suceso que "pon de manifesto a necesidade urxente deste plan de vivenda social,” sinalou Ana Pardo, voceira de Provivenda.

Pola súa banda, Carla Leiras, voceira de Os Ninguéns, lembra que "desde o verán morreron en Vigo 16 persoas en situación de senfogarismo". "A situación é insostible e cómpre actuar xa. Xunta e Concello deben impulsar o alugueiro social e público decontado”, engade.

Albergue municipal de Vigo © Google

O decálogo

As entidades dividen as dez medidas propostas en urxentes e a medio prazo, destacando entre elas a promoción do alugueiro social e o alugueiro público e o control de prezos. Estas son algunhas delas

  • Establecer un rexistro das vivendas dispoñibles en Vigo para alugueiro social, incluídas as vivendas da Sareb
  • Promover o alugueiro social, en particular o alugueiro público, artellando e dinamizando unha bolsa de vivenda de alugueiro con garantías para as persoas propietarias e apoio para as inquilinas-.
  • Adoptar medidas para evitar o crecemento do número de vivendas baleiras
  • Aplicar as medidas de control de prezos en zonas tensionadas, segundo o disposto na Lei 12/2023 de Vivenda.
  • Incluír nos orzamentos de 2024 unha partida orzamentaria cun obxectivo cuantificable que garanta un parque mínimo de vivendas destinadas a políticas sociais, incluído o alugueiro social
  • Elaborar un plan plurianual para o incremento progresivo do parque de vivenda social, cun calendario para acadar o máis axiña posible o obxectivo do 15% do estándar europeo do parque municipal de vivenda social.
  • Garantir que ningún desafiuzamento deixa ás persoas na rúa
  • Incorporar a perspectiva de xénero nas políticas municipais de vivenda e garantir a non discriminación de ningún tipo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.