Lavandeira e Blackstone, con máis de 300 vivendas de alugueiro, son os meirandes arrendadores privados en Galicia

Unha investigación de Civio detalla que cando menos 4.210 vivendas alugadas en Galicia son propiedade de empresas privadas con 50 ou máis inmobles arrendados © IGVS

Cando menos 4.210 vivendas alugadas en Galicia son propiedade de empresas privadas con 50 ou máis alugueiros. Supoñen o 3,1% das 135.934 vivendas alugadas en Galicia, segundo datos proporcionados a Civio pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A elas súmanse máis de 3.800 vivendas alugadas propiedade de entidades públicas. A investigación de Civio, organización xornalística sen ánimo de lucro que persegue a "transparencia de verdade nos asuntos públicos" e "dotar a toda a sociedade da información que necesita para esixir responsabilidade e eficacia ás administracións" detalla a identidade de todos estes megapropietarios, encabezados por compañías como o Grupo Lavandeira, Blackstone ou Avante Electra, con máis de 300 vivendas cada unha.

Cando menos 4.210 vivendas alugadas en Galicia son propiedade de empresas privadas con 50 ou máis alugueiros

A información remitida a Civio polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) a partir dunha solicitude de información a través do Portal de Transparencia da Xunta detalla a identidade das entidades xurídicas propietarias de 50 ou máis vivendas alugadas coa fianza depositada nesta entidade. Esta mesma solicitude realizouse a todas as comunidades autónomas nas que está regulado o depósito de fianzas de alugueiros. Xa se pode ler a información sobre a Comunidade de Madrid, Cataluña, Illas Baleares, Andalucía, País Vasco, Castela-A Mancha, Aragón e Navarra. Séguese traballando para publicar a información sobre o resto de comunidades autónomas. Para máis información, podes ver aquí a metodoloxía.

Segundo a información remitida polo IGVS, en Galicia hai 41 grandes empresas que teñen a propiedade directa de 4.210 vivendas alugadas. Dúas delas dependen de Abanca, que suma 288 vivendas alugadas, e outra dúas ao grupo Provive (188).

Máis de 2.700 destas vivendas son de 24 inmobiliarias, entre as que destacan o Grupo Lavandeira, que, con preto de 400 alugueiros, é o maior arrendador privado de Galicia, e Avante Electa (304), empresa dirixida polos fillos de Manuel Jove, fundador de Fadesa

Máis de 2.700 destas vivendas son de 24 inmobiliarias, entre as que destacan o Grupo Lavandeira, que, con preto de 400 alugueiros, é o maior arrendador privado de Galicia, e Avante Electa (304), empresa dirixida polos fillos de Manuel Jove, fundador de Fadesa, unha das maiores inmobiliarias e construtoras que creceu nos anos 90 a base de proxectos de vivenda protexida. Outras 900 vivendas son propiedade de cinco entidades financeiras. Delas, preto de 340 son propiedade directa de Testa Residencial, unha filial do fondo de investimento Blackstone.

As empresas construtoras son as seguintes en acumular máis vivendas alugadas. En concreto tres: Navili SL (205), Construcións Río Ouro (59) e Inmobiliaria de Puentes y Calzadas (71), empresa integrada no Grupo Puentes, comprada en 2020 por China Communications Construction Company Limited, que o goberno chinés comparte cos fondos de investimento Hermes Investment Management e o estadounidense BlackRock.

A pesar de que os megapropietarios privados en Galicia acaparan unha proporción de vivendas alugadas moito menor que noutras comunidades, como a de Madrid (15,5% do total de vivendas alugadas) ou Cataluña (6,8%), dende o Sindicato de Vivenda de Vigo denuncian que o prezo da vivenda non deixa de subir

A pesar de que os megapropietarios privados en Galicia acaparan unha proporción de vivendas alugadas moito menor que noutras comunidades, como a de Madrid (15,5% do total de vivendas alugadas) ou Cataluña (6,8%), dende o Sindicato de Vivenda de Vigo denuncian que o prezo da vivenda non deixa de subir e cada vez hai máis casos de persoas que son expulsadas das súas vivendas polo aumento dos alugueiros. "O mercado dítano os grandes propietarios, pero os pequenos arrendadores actúan por imitación", afirma Adolfo Telmo Pérez, membro do sindicato e, antes, da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) de Vigo. Entre xaneiro de 2022 e agosto de 2023 o prezo medio dos novos alugueiros medrou un 11,6% nas sete cidades galegas, segundo os datos oficiais da Xunta. Dende o 2017 o custo de alugar unha vivenda aumentou máis dun 30% na Coruña, Vigo, Pontevedra, Santiago e Lugo.

Entre os motivos que Adolfo Telmo Pérez apunta para este aumento de prezos está a proliferación de pisos turísticos en boa parte de Galicia (as cifras actualizadas o 1 de xullo indican que no país funcionan legalmente case vinte mil establecementos deste tipo (19.663), un incremento do 15% só dende xaneiro de 2023) e o alto número de vivendas baleiras: tres de cada dez, segundo os últimos datos do INE. A consecuencia é un parque de alugueiro moi pequeno, que se limita a uns catro mil inmobles, segundo os datos da patronal das inmobiliarias galegas, FEGEIN. 

Parque de vivenda pública

A Xunta de Galicia suma 3.724 vivendas alugadas da súa propiedade a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). O Concello da Coruña afirmou a Civio que dispón doutras 416 vivendas actualmente alugadas e con fianza depositada, aínda que dende a Xunta rebaixaron esta cifra a 113. Entre estas dúas administracións practicamente igualan o número de vivendas alugadas polos 39 megapropietarios privados que hai en Galicia.

A Xunta de Galicia suma 3.724 vivendas alugadas da súa propiedade a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). Entre as cidades, tan só A Coruña conta con vivendas de alugueiro No resto, nin sequera Vigo, a urbe máis habitada de Galicia, con preto de 300.000 habitantes, conta cun parque de vivenda municipal

Con todo, as 3.837 vivendas alugadas que suman estas dúas administracións apenas superan as 0,14 vivendas alugadas por cada cen habitantes de Galicia, segundo as últimas cifras de poboación do INE. Nos últimos dez anos a Xunta de Galicia apenas construíu vivenda pública e as novas vivendas protexidas chegaron a un mínimo durante os gobernos de Alberto Núñez Feijóo. Nos orzamentos autonómicos para o ano 2024 si hai un forte incremento nos fondos de vivenda, grazas ás achegas finalista do Estado central e dos fondos europeos

Fóra da Coruña, as outras grandes cidades de Galicia, como Ourense, con preto de 104.000 habitantes, ou Lugo, con 97.211 habitantes, non teñen un parque de vivenda pública municipal. “Contémplase, pero polo momento non existe”, confirmaron a Civio dende este último Concello. Nin sequera Vigo, a urbe máis habitada de Galicia, con preto de 300.000 habitantes, conta cun parque de vivenda municipal. “O actual alcalde, Abel Caballero, prometeu en 2007 construír 6.000 vivendas en catro anos, en 16 que leva no Concello non promoveu ningunha”, afirma a Civio Xabier Pérez Igrexas, concelleiro do BNG en Vigo. Dende Civio preguntouse á Alcaldía de Vigo sobre previsións dun parque municipal de vivenda sen que até a data desen resposta.

"Reclamámolo varias veces desde a PAH, e cónstanos que moitas máis organizacións sociais de Vigo levan tempo pedindo un parque municipal de vivenda", afirma Adolfo Telmo Pérez. Recentemente, mesmo Amnistía Internacional sumouse a esta demanda, despois de que, a mediados de outubro, unha muller e os seus tres fillos morresen por un incendio na vivenda na que residían na cidade olívica

Metodoloxía

Este artigo forma parte dunha investigación na que se solicitou, a través dos portais de Transparencia, a identidade e número de vivendas alugadas de entidades xurídicas con 50 ou máis vivendas alugadas a todas as comunidades autónomas nas que está regulado como obrigatorio o depósito de fianzas de alugueiro.

Este artigo forma parte dunha investigación na que se solicitou, a través dos portais de Transparencia, a identidade e número de vivendas alugadas de entidades xurídicas con 50 ou máis vivendas alugadas a todas as comunidades autónomas nas que está regulado como obrigatorio o depósito de fianzas de alugueiro

A solicitude de información inicial, presentada ante a Comunidade de Madrid, reclamaba a identidade e número de vivendas de propietarios en xeral, tanto xurídicos como físicos, con máis de dez vivendas alugadas, pero no proceso levado coa Axencia de Vivenda Social e o Consello de Transparencia de Madrid acordouse limitar a información ás entidades xurídicas con máis de 50 vivendas alugadas en base á Lei de Protección de Datos e ao alto volume de datos a tramitar. Esta mesma solicitude realizouse a Cataluña, País Vasco, Andalucía, Galicia, Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha, Castela e León, Aragón, Illas Canarias, Estremadura e as cidades autónomas Ceuta e Melilla.

No caso de Galicia, a información remitida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, con data de 23 de xuño de 2023, incluíu, por unha banda, a denominación social de empresas privadas que teñen propiedade directa sobre 50 ou máis vivendas alugadas con fianza depositada por réxime xeral, o número de vivendas alugadas por cada unha delas e a suma dos importes das fianzas depositadas. Por outra banda remitiron a mesma información sobre as empresas privadas con 50 ou máis inmobles alugados de uso residencial, de tempada ou uso distinto ao residencial con fianza depositada por réxime concertado, sendo estas Testa Residencial Socimi (Blackstone) -337 vivendas alugadas-, Luri 6 (Banco Santander) -161-, Urban Alkira (Eiravedra Investimentos) -119-, Lazora SII (CBRE) -108- e Adran -62-. Dende Civio comprobaron que Testa Residencial se dedica case exclusivamente ao alugueiro de vivendas, compondo estas o 95% dos seus ingresos, e en Galicia só ten alugadas vivendas e apartamentos, segundo as súas últimas contas anuais. No caso de Lazora SII, as vivendas compoñen a totalidade dos seus activos. Mantívose na listaxe de megapropietarios de vivendas alugadas a estas dúas empresas e elimináronse as outras tres, ao non poder confirmar que os seus inmobles sexan vivendas.

Concentración en Vigo en demanda de vivendas de aluguer social © Os Ninguéns

Dende Civio solicitouse o número total de fianzas depositadas por alugueiro de vivendas, que ascende a 135.934, e o número de vivendas alugadas polo organismo autonómico Instituto Galego da Vivenda e Solo, única entidade autonómica con 50 ou máis vivendas alugadas, segundo confirmaron a Civio dende esta entidade, que sinalou que na listaxe inicial non se inclúen as vivendas propiedade de entidades públicas. Volveuse preguntar por outras entidades públicas, ademais da Xunta e organismos dependentes desta, con 50 ou máis vivendas alugadas, confirmando que o Concello da Coruña, con 113, é a única. 

Dende Civio preguntouse aos concellos das cinco urbes galegas con máis poboación (Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago de Compostela e Lugo) sobre o seu parque de vivenda municipal. No caso da Coruña, responderon que dispoñen de 416 vivendas alugadas con fianza depositada. Civio sinalou neste caso que dende a Xunta afirman que só dispoñen de 113 para que puidesen aclarar se as 303 vivendas de diferenza entre a información ofrecida pola Xunta e o Concello se debe a que estas vivendas son propiedade dunha entidade dependente do Concello, sen que ata agora se dera resposta a esta pregunta. Dende Ourense e Lugo confirmaron a Civio que non contan con parque de vivenda municipal. Dende os concellos de Santiago de Compostela e Vigo non contestaron ás preguntas, aínda que no caso desta última poboación si o fixo o concelleiro do BNG Xabier Pérez Igrexas.

Civio tamén buscou as sociedades das que son dependentes as 39 empresas privadas incluídas na información inicial a partir dos datos do Rexistro Mercantil español, da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), dos rexistros mercantís doutros países ou entidades homólogas, nas contas anuais destas empresas ou nas súas páxinas web corporativas. Civio identificou como sociedade matriz ás corporacións que figuran como accionistas maioritarios. Tamén apuntaron se a sociedade matriz, a propietaria directa ou algunha das sociedades intermediarias son sociedades anónimas cotizadas de investimento inmobiliario (socimi) ou sociedades de participación financeira luxemburguesas (soparfi) por ser os dous tipos de sociedades con beneficios fiscais máis habituais entre as utilizadas polas empresas presentes nesta listaxe e nos remitidos por outras comunidades autónomas.

Podes acceder aquí aos datos sobre entidades xurídicas con 50 ou máis vivendas alugadas con fianza depositada. E podes ler aqui a investigación completa de CIVIO, publicada tamén este xoves.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.