O número de aldeas deshabitadas en Galicia descende por primeira vez en dúas décadas

A aldea de Vieiros, dende o aire © Vieiros con Vida

O número de núcleos deshabitados practicamente se duplicou entre o ano 2000 (1.236) e o ano 2022 (2.130), cun ascenso continuado sen excepcións. Porén, en 2023 a cifra pasou de 2.130 a 2.107, un descenso de máis de vinte aldeas, que pasaron a ter poboación

Dende hai décadas o fenómeno do despoboamento do rural galego está a provocar que un número cada vez maior de núcleos fiquen completamente deshabitados, convertindo o que anteriormente puido ser un espazo cheo de vida e actividade -e que axudaba ademais a xestionar a contorna- nunha aldea abandonada, aínda que moitas veces non se podía falar de aldea ou núcleo, senón que se trataba de grupos de vivendas dispersas que estaban habitadas e nas que agora xa non reside ninguén.

Os datos no nomenclátor que todos os anos publican INE e IGE permiten seguir a evolución deste fenómeno, axudando a contabilizar os núcleos que teñen poboación e os que non. O número de núcleos deshabitados practicamente se duplicou entre o ano 2000 (1.236) e o ano 2022 (2.130), cun ascenso continuado sen excepcións. Porén, os datos do nomenclátor correspondentes ao ano 2023 amosan por primeira vez en máis de dúas décadas que o número de núcleos de poboación completamente deshabitados descendeu. En concreto, a cifra pasou de 2.130 a 2.107, un descenso de máis de vinte aldeas, que pasaron a ter poboación.

Haberá que agardar aos datos dos anos seguintes para comprobar se realmente estamos ante un cambio de tendencia

O número de núcleos cun só habitante (e polo tanto moitos deles en risco de quedar deshabitados) si aumentaron de forma significativa (de 1.142 a 1.206), mentres que os que teñen dous habitantes tamén descenderon: de 1.314 a 1.287.

Haberá que agardar aos datos dos anos seguintes para comprobar se realmente estamos ante un cambio de tendencia ou se, polo contrario, as cifras deste 2023 son apenas unha anécdota explicable en base a algún factor local ou conxuntural.

Lugo e A Coruña suman a maior parte destas aldeas abandonadas, tres de cada catro, en especial nas súas serras setentrionais. Ortigueira (125), As Pontes (89), Muras (55), Ourol (52) son ons concellos con máis núcleos deshabitados

En calquera caso, o mapa que amosa a distribución destes núcleos oficialmente deshabitados segue a amosar unha distribución semellante á dos últimos anos. Lugo e A Coruña suman a maior parte destas aldeas abandonadas, tres de cada catro, en especial nas súas serras setentrionais. Algunhas comarcas do interior de Pontevedra e do sur de Lugo tamén suman un bo número de núcleos sen habitante ningún. 

Ortigueira (125), As Pontes (89), Muras (55), Ourol (52), A Lama (44), Viveiro (43), Palas de Rei (42), Friol e O Valadoiro (34), A Cañiza (33), A Fonsagrada (32) e Vilalba (29) son os concellos que concentran un maior número de núcleos deshabitados.

Nas Somozas o número de núcleos deshabitados pasou de 46 a 26, e tamén baixou en Dodro (de 9 a 1), A Pontenova (de 13 a 5) ou Valga (de 20 a 13)

Galicia conta con máis de 30.000 entidades singulares de poboación, case a metade de todas as que existen no Estado Español; algo máis de 10.000 corresponden a núcleos e outros 20.000 están definidos como poboamentos diseminados.

En xeral, as zonas que hai unha décadas contaban con máis núcleos habitados foron as que máis incrementaron o seu número de aldeas abandonadas. Trátase de comarcas caracterizadas por un tipo de asentamento da poboación disperso no territorio, o que leva a que existan moitos núcleos con pouca poboación en cada un deles. En cambio, no sur do país, sobre todo na provincia de Ourense, é máis habitual que a poboación se estruture en núcleos algo máis grandes, o que leva a que haxa poucos totalmente despoboados (a pesar de que Ourense é a provincia que máis poboación está a perder).

En cambio, as aldeas deshabitadas aumentaron en Cabana de Bergantiños (de 7 a 15) ou Dumbría (de 2 a 6) e tamén nas Pontes, Mañón, o Valadouro, Viveiro, Pantón, O Bolo, Quiroga., Alfoz ou Guntín

En relación ao ano anterior a estatística oficial amosa cambios importantes en varios concellos, especialmente nas Somozas, onde o número de núcleos deshabitados pasou de 46 a 26, ou en Dodro (de 9 a 1), A Pontenova (de 13 a 5) ou Valga (de 20 a 13). As aldeas abandonadas tamén descenderon en Ribadeo, Castro Caldelas, Vilalba, Sober, Cervantes, A Fonsagrada, Oza-Cesuras ou Guitiriz.

En cambio, aumentaron en Cabana de Bergantiños (de 7 a 15) ou Dumbría (de 2 a 6) e tamén nas Pontes, Mañón, o Valadouro, Viveiro, Pantón, O Bolo, Quiroga., Alfoz ou Guntín.

Nos últimos anos estamos a asistir ao repoboamento dalgúns núcleos, como sucedeu coa aldea de Vieiros, un núcleo da parroquia de Seara, no concello de Quiroga, que ficara abandonado durante seis anos e que recibiu dúas novas familias no ano 2022. Ou mesmo a idea de Aldealista, lanzada para potenciar os espazos rurais.

Fronte a estas meritorias iniciativas privadas, a Xunta de Galicia está a ter pouco éxito nas súas accións, como foi a web lanzada para “loitar contra a despoboación” e que nos seus dous primeiros anos de actividade tan só incorporara seis inmobles en dous concellos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.