Transición Ecolóxica identifica 53 puntos de augas contaminadas por nitratos agrarios en Galicia, oito deles en ríos

Mapa de Transición Ecolóxica cos puntos de augas afectadas por nitratos, sobre unha imaxe de refugallos da gandaría intensiva na Limia CC-BY-SA Foto: Movemento Ecoloxista da Limia | Mapa: Ministerio para a Transición Ecolóxica | Montaxe: Praza.gal

Os nitratos son compostos químicos de osíxeno e nitróxeno. Son, en termos moi simples, nutrientes que nas cantidades axeitadas resultan esenciais para a vida e están presentes na natureza. Compostos como os fertilizantes teñen grandes cantidades de nitratos e o seu uso inadecuado pode aumentar de maneira prexudicial os que chegan ás terras e ás augas ata contaminalas. O mesmo sucede, por exemplo, cos excrementos de animais de explotacións gandeiras intensivas.

O problema dos nitratos en Galicia non é novo. Tanto é así que, en novembro de 2022, a Comisión Europea fixo oficial unha demanda contra o Reino de España por incumprir a directiva que, dende hai máis de tres décadas, obriga a delimitar zonas vulnerables á contaminación por nitratos como medida para restrinxir o seu uso. Unha das zonas sen ningunha área delimitada que deu orixe á denuncia é Galicia malia ás sucesivas advertencias de movementos ecoloxista sobre, por exemplo, a contaminación por nitratos de macrogranxas na Limia.

Puntos de contaminación das augas por nitratos detectados en Galicia, segundo a cartografía do Ministerio para a Transición Ecolóxica © Ministerio para a Transición Ecolóxica | Montaxe: Praza.gal

Con este pano de fondo, a finais de decembro o deputado Antón Gómez-Reino (Podemos - Galicia en Común) preguntou formalmente no Congreso ao Ministerio para a Transición Ecolóxica polo estado da cuestión en Galicia e, concretamente, por se a Xunta fixo algo ao respecto para corrixila. A resposta chegou a principios de xaneiro e nela o departamento que dirixe Teresa Ribera identifica ata 53 puntos de augas contaminadas por nitratos "procedentes de fontes agrarias" en Galicia, oito delas en ríos.

Unha directiva europea obriga dende hai máis de tres décadas a delimitar zonas vulnerables á contaminación por nitratos. En Galicia e noutros puntos do Estado non está designada ningunha, o que derivou nunha demanda da Comisión Europea

Ese medio cento de puntos, especifica o Ministerio, foron identificados conforme ás regras fixadas por un Real Decreto de principios de 2022. Conforme a esas regras, continúa, foron achados en Galicia 8 puntos de "augas afectadas en ríos por concentracións de nitratos". A cartografía do propio Ministerio permite identificar ríos ourensáns coma o Barbaña e o Limia e mais o regato do Varón, o río Seco en Monforte ou o río Sar, preto de Santiago, como cuncas fluviais atinxidas por estes contaminantes.

Alén dos ríos, estas pescudas determinaron ata 11 puntos de augas subterráneas "afectadas por concentración de nitratos", outros cinco con "eutrofización en lagoas ou encoros" -altas concentracións de nitratos que producen, por exemplo, unha cantidade anormal de algas- e un punto por "concentración de nitratos en lagoas ou encoros". A listaxe complétase con 5 puntos por eutrofización en augas costeiras e ata 23 por eutrofización en augas de transición -augas próximas ás desembocaduras de ríos parcialmente salgadas, caso por exemplo de ecosistemas de rías-. 

Refugallos da gandaría intensiva na Limia Dominio Público Movemento Ecoloxista da Limia

Con este pano de fondo, Transición Ecolóxica asegura que este departamento, xunto co Ministerio de Agricultura, están a "colaborar" coa Xunta a través da Consellería do Medio Rural e de Augas de Galicia para aplicar a normativa europea e estatal en materia de nitratos, máis aínda porque no período 2022-2023, a representación das comunidades autónomas no Comité de Nitratos e Grupo de Expertos da Comisión Europea corresponde por quenda, precisamente, ao Goberno galego. Neste contexto, agrega, contan co asesoramento técnico tanto de persoal da Xunta como da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

O Ministerio di a Antón Gómez-Reino (Podemos) que na resposta á demanda da Comisión Europea colaborou coa Xunta, que recentemente estimou a superficie afectada por nitratos nunhas 60.000 hectáreas, o 10% da terra agraria galega

Transición Ecolóxica asegura que tamén consultou coa Xunta para responder á demanda da Comisión Europea, respondida formalmente pola Avogacía do Estado a finais de ano. No que atinxe á designación de zonas vulnerables, tarefa pendente en Galicia no contexto da devandita demanda, o Ministerio indica que na contestación están reflectidas "as actuacións desenvolvidas para determinar a orixe da contaminación" e "sinalar puntos onde non resulta necesario designalas por ser a orixe da contaminación distinto do agrario". Tamén, indica, tamén atenden a "dificultades técnicas para a análise da orixe" da contaminación "en rías e augas oceánicas".

O plan de xestión de residuos industriais para a próxima década que a Xunta tivo a exposición pública o pasado outono estimaba en en preto de 60.000 hectáreas a superficie afectada por nitratos, o que suporía o 10% de toda a terra agraria de Galicia. Segundo a Xunta, os movementos do Goberno de España para tentar evitar a demanda europea, co devandito Real Decreto, suporán a declaración das primeiras zonas vulnerables por nitratos en territorio galego.

O deputado no Congreso Antón Gómez-Reino (Galicia en Común), durante un debate no Congreso CC-BY-SA GeC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.