Unha vintena de centros borráronse do programa educativo dixital E-Dixgal desde a súa posta en marcha

Alumnos nun centro de ensino cos seus ordenadores do programa E-Dixgal e altas e baixas de centros. CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Non todos os centros que poderían estar fan parte da iniciativa e algúns dos que estaban xa decidiron abandonar. O 60% dos centros forman parte e nos últimos meses aumentan as críticas de familias polo uso excesivo de pantallas

Un total de 21 centros educativos galegos cursaron baixa do E-Dixgal desde a súa posta en funcionamento. Este curso 23/24 é o décimo desde a forte aposta da Xunta pola educación dixital. Unha aposta que se traduce nun investimento de 84 millóns de euros ata o momento para “dixitalizar o sistema educativo” e situar a comunidade no podio do equipamento. O alumnado galego conta con 1,8 ordenadores por persoa, a terceira mellor taxa de España.

Mais non todos os centros que poderían estar fan parte da iniciativa e algúns dos que estaban xa decidiron abandonar. Non é unha decisión doada xa que ten que contar coa maioría dos membros do Claustro Escolar –e dos departamentos que aprobaran a entrada- e supón dicirlles ás familias que xa non van poder contar cos ordenadores dos que dispoñían ao abeiro do programa de educación dixital.

Neste curso estudan a través de dispositivo dixital un total de 64.200 alumnos de entre 5º de Primaria e 4º de ESO de 630 centros, 34 deles de nova incorporación con respecto ao pasado curso, segundo os datos da Consellería de Educación. O 60% dos centros públicos de Galicia que imparten ensinanzas obxecto do programa están dentro do E-Dixgal, malia que podían estar en todos. 

Segundo os datos da consellería, aos que tivo acceso Praza.gal tras unha solicitude en aplicación da Lei de Transparencia, neste curso rexistráronse catro baixas de centros no E-Dixgal, do total de 21 renuncias nos últimos anos. 

Desde a súa posta en marcha no curso 2014/2015, o programa de educación dixital foi gañando centros a fío mais nos últimos anos o crecemento ralentizouse, tal e como amosa o gráfico. Na análise destes datos hai que ter en conta que cando un centro se adhire ao programa ten que estar un mínimo de catro anos de ‘permanencia’ unha vez completada a implantación do proxecto nas etapas educativas que corresponda tal e como establece a última convocatoria. Na primeira  convocatoria esta permanencia obrigatoria era de tres anos. 

Durante estes dez cursos de historia de E-Dixgal o primeiro bloque de renuncias chegou aos catro anos da súa implantación, cando se rexistrou unha ducia de baixas

Durante estes dez cursos de historia de E-Dixgal o primeiro bloque de renuncias chegou aos catro anos da súa implantación, cando se rexistrou unha ducia de baixas, segundo os datos proporcionados pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Nestes anos tamén houbo outras dúas baixas motivadas por peches de centros.

O programa está a disposición dos centros que o soliciten e proporciona materias dixitais para 5º e 6º de Primaria e dos catro cursos da ESO. O alumnado recibe cadanseu portátil en empréstito e pódeo usar tanto no centro como na súa casa sempre que o desexe. 

Hai diferenzas no funcionamento segundo a etapa educativa. A convocatoria establece que no caso dos centros de Educación Primaria, deberán impartir todas as áreas en modalidade dixital. Na Secundaria, todo o alumnado deberá recibir un mínimo de seis materias en modalidade dixital a elección do centro. Para este cómputo non se terán en conta as materias cunha sesión lectiva á semana nin a de libre disposición de centro.

Unha das principais críticas tanto do profesorado como das familias vén pola falta de avaliación dos resultados dun programa implantado hai xa dez cursos. Por este motivo, e ante as consultas reiteradas que están a recibir, desde a Confederación de Anpas galegas están a organizar unha xornada, que terá lugar nas vindeiras semanas en Vigo, con persoas expertas para se poder postular a favor ou na contra do método. Segundo explica Isabel Calvete, a presidente da entidade, unha vez se celebre a xornada poderán chegar a unha conclusión que lle trasladarán á Consellería.

Mentres tanto o grupo de Telegram ‘Galicia_Adolescencia libre de Smartphones’ roza xa as 600 persoas, tanto preocupadas polo uso dos móbiles entre a mocidade como pais e nais mobilizados contra o E-Dixgal. Alí comparten recursos e organizan e difunden as charlas informativas que se están a facer por centros de toda Galicia.

Cartel da campaña contra E-Dixgal. Anpa Río Tella , Ceip A Ramallosa (Teo) CC-BY-SA ANPA Río Tella

Prohibición dos móbiles

A Xunta vén de publicar o novo protocolo para regular o uso dos móbiles nos centros educativos que amplía á totalidade da xornada escolar a limitación do uso de teléfonos e dispositivos electrónicos . A partir desde luns, día 8 de xaneiro, nos centros non se permitirá tampouco o emprego libre destes dispositivos nos períodos non lectivos, que son as entradas e saídas, o tempo de recreo, o comedor escolar e os períodos dedicados a actividades complementarias e extraescolares. 

“Nós estamos en contra da prohibición. Queremos formación e que se ensine a traballar cos móbiles de xeito responsable”

Desde a Confederación de Anpas galegas critican o xeito de proceder da Consellería que non tivo en conta o seu criterio, pese a ser consultados nunha recente reunión. “Nós estamos en contra da prohibición. Queremos formación e que se ensine a traballar cos móbiles de xeito responsable”, defende Isabel Calvete. 

Un mozo cun smartphone. CC-BY-SA Amtega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.