É ben sabido que existe aínda unha importante fenda de xénero en moitos campos relacionados coas novas tecnoloxías e a informática, dende o nivel máis estritamente académico e profesional (apenas o 20% do alumnado das carreiras tecnolóxicas en Galicia é muller e as mulleres son igualmente minoría no persoal das empresas TIC) ata outras cuestións. Esta desigualdade é, dende logo, moi negativa para estes campos, pero tamén para a propia muller, relegada nun terreo que está marcando de forma decisiva a sociedade e economía do planeta dende hai anos, unha importancia que non vai deixar de crecer.
"Que haxa mulleres que deseñen o futuro das novas tecnoloxías é crucial", destacaba o pasado ano en entrevista con Praza María José Rodríguez Malmierca (CESGA), unha visión que compartía tamén Sabela Ramos, profesora da Facultade de Informática da Coruña: "A informática é hoxe un campo moito máis importante que hai 30 anos e hai aínda menos mulleres das que había hai 30 anos". "Fai falla visibilizar roles femininos nas TIC que inspiren e dean seguridade ás estudantes", demandaba Ramos, na mesma liña que Susana Ladra, vicedecana na mesma Facultade: "Toda a sociedade coñece a Bill Gates ou Steve Jobs. Pero quen coñece a Marissa Mayer? É a presidenta de Yahoo".
Calcúlase que ao redor do 13% dos editores da Wikipedia en todo o mundo son mulleres
A fenda non é só académica ou profesional, e esténdese a numerosos prácticas e fenómenos que teñen na rede o seu escenario e que cada vez cobran unha relevancia social e económica maior. Unha delas ten que ver coa Wikipedia, a enciclopedia libre. 500 millóns de usuarios e usuarias mensuais en todo o planeta, con 73 mil editores e editoras activas, 37 millóns de artigos en 287 linguas converten este proxecto colectivo na base de datos universal do coñecemento humano. E nel, de forma moi alarmante, as mulleres ocupan un papel moi pouco relevante, representando apenas o 13% dos editores, as persoas que crean ou corrixen artigos.
Para loitar contra esta fenda, un grupo de activistas, encabezadas por Carmen Galdón, levaron a cabo nos últimos meses unha serie de obradoiros en Medialab Prado baixo o título de Cuarto Propio en Wikipedia, en referencia ao Cuarto de seu que Virginia Woolf reclamaba para o completo desenvolvemento da muller. O obxectivo era que un grupo usuarias habituais da enciclopedia pasasen a ser produtoras de contidos. As impulsoras do obradoiro destacaban que "Wikipedia é considerada a obra de referencia de maiores dimensións xamais creada polo ser humano e o espazo máis amplo de intercambio de coñecementos do mundo". Porén, nela "unha gran parte das escasas entradas relativas ás achegas de mulleres ao desenvolvemento das ciencias e as artes" son "anecdóticas ao tempo que nesgadas".
Na Galipedia, a proporción de editoras activas rolda o 10%
E que sucede na Galipedia, a Wikipedia en galego? En principio, semella que a presenza feminina se sitúan no mesmo nivel minoritario que no conxunto da enciclopedia, aínda que non é posible contarmos con datos exactos pois os editores non están obrigados a informar do seu xénero no momento de rexistrarse. Segundo comenta Elisardo Juncal, un dos administradores da Galipedia, na lista de usuarios/as activos/as (quen fixeron algunha edición nos últimos 30 días), un total de 310, hai uns 30 usuarios cun nome de muller pero a maioría teñen menos de dez edicións nese período. É dicir, roldando o mesmo 10% dos datos globais. Elisardo Juncal explica ademais que "se miramos o número total de edicións por usuario, dos 250 con máis edicións, tan só 10 son mulleres. E o que é peor, actualmente ningunha delas está activa". E engade que "un dato que si é fixo é que dos 14 administradores da Galipedia ningún é muller".
"Con estes datos, é claro que a Galipedia ten que resentirse e ter un nesgo masculino bastante marcado. Hai temas que directamente non existen ou que están pouco desenvolvidos"
Para Juncal, "a actividade feminina na Galipedia é baixísima, somos conscientes delo, pero non temos medios para remedialo porque un dos problemas máis importantes que temos é conseguir achegar novos usuarios ó proxecto, independentemente do xénero, e que se manteñan activos dentro del". Engade que "por iso precisamos a colaboración doutras entidades ou asociacións para resolver este problema e sempre estamos abertos a colaborar en actividades que promocionen o proxecto en tódolos eidos".
Cre que esta escasa proporción de editoras pode provocar un nesgo nos contidos, contribuíndo a invisibilizar a actividade presente ou pasada das mulleres en moitos campos: "con estes datos, é claro que a Galipedia ten que resentirse e ter un nesgo masculino bastante marcado. Hai temas que directamente non existen ou que están pouco desenvolvidos. Temos menos biografías de mulleres e as que hai teñen menos información que as súas homólogas de homes". Cita como exemplo a recente publicación da Axenda Feminista 2016, na que se destacan a doce científicas galegas actuais: "tan só unha ten artigo na Galipedia, cando outra delas ten mesmo artigo na Wikipedia en inglés".
Que perde a Wikipedia con esa baixa proporción de achegas feitas por mulleres? Que perden as mulleres ao estarmos tan lonxe da igualdade nun proxecto tan importante coma a Wikipedia? Para Elisardo Juncal, "este problema é unha perda importante para o proxecto, pero non só a nivel de contidos, senón tamén en termos de calidade, xa que nalgúns artigos pode faltar o punto de vista feminino ao faltarnos a visión das usuarias do proxecto. Procuramos evitalo na medida das nosas posibilidades, xa que os artigos deben mostrar os contidos de forma neutral, pero ante o panorama no que nos atopamos é inevitable que algúns dos contidos saian resentidos". "Isto, ao final, tamén afecta á visibilidade e á difusión de todo o que atinxe ás mulleres xa que a Galipedia, pouco a pouco, vai collendo a súa posición dentro das obras de referencia de diferentes campos", engade.
"Isto, ao final, tamén afecta á visibilidade e á difusión de todo o que atinxe ás mulleres xa que a Galipedia, pouco a pouco, vai collendo a súa posición dentro das obras de referencia de diferentes campos"
Que está facendo a Galipedia para tentar incorporar a máis mulleres e para reducir os nesgos nos contidos? Juncal destaca que "este problema foi exposto e debatido en varias ocasións no proxecto pero non demos atopado formas de mellorar esta situación", aínda que periodicamente se impulsa algunha iniciativa ao respecto, como foi o pasado ano a colaboración no concurso Wikinformática, organizado pola Facultade de Informática da UDC, que consistía en que alumnos de secundaria creasen biografías de mulleres científicas en formato wiki. "Gustaríanos seguir participando e aumentando as colaboracións deste tipo", conclúe.