"Para incrementar a penetración do software libre hai que fomentar os procesos colaborativos"

Xuntanza dos axentes galegos do software libre © Xoán Crespo

Mancomún, a web de referencia do software libre en Galicia, celebrou esta semana o seu décimo aniversario. Falamos con Eladio Otero García, Xefe do Departamento de Innovación Tecnolóxica da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e un dos responsables do día a día do portal que, como se vén de anunciar, será obxecto dunha reformulación estética, estrutural e de contidos nos vindeiros meses.

En que van consistir estas modificacións de Mancomún, xusto cando fai dez anos?

O obxectivo é adaptarnos ás necesidades dos usuarios e usuarias do portal. Preferimos simplificar un chisco a tecnoloxía coa que estaba construído -typo3- porque non lle estabamos tirando todo o partido a moitas das funcionalidades. Faremos unha migración a Wordpress, actualizando o aspecto visual, e focalizándonos na parte de difusión de noticias, aínda que mantendo o resto de servizos, coma a Forxa. Nós facemos distintas actuacións de difusión con diferentes axentes do ecosistema do software libre en Galicia. Botabamos en falta un sitio no que coordinar as actuacións que se levan a cabo. Por exemplo, se alguén quere facer unha actuación sobre mapeos, debe poder saber se unha semana antes ou despois houbo ou vai haber outra, para fomentar a colaboración.

"Facemos distintas actuacións de difusión con diferentes axentes do ecosistema do software libre en Galicia. Botabamos en falta un sitio no que coordinar as actuacións que se levan a cabo"

Que valoración fas da traxectoria de Mancomún, nesta década de actividade? 

A páxina vén sendo un referente do software libre en Galicia. Moitas das asociación de usuarios úsannos para a difusión dos seus actos e o tráfico que temos é moi superior ao da maior parte das páxinas da Xunta.

E da implantación social do software libre en Galicia?

A semana que vén imos sacar os resultados da enquisa que todos os anos realiza Osimga sobre o uso de software libre en empresas e no conxunto da cidadanía. Amosan que o software libre segue progresando tanto a nivel de servidores coma de equipos persoais. Mantemos ademais o ritmo de liberación -na Forxa- de ao redor de dous proxectos realizados pola administración pública. Nos últimos tempos, ademais, está incrementándose a actividade de hardware libre. Hai xa uns anos que Bricolabs vén organizando a OSHWDem -un evento sobre electrónica e Open Source Hardware- cun grande éxito. Tamén Xeopesca comezou o pasado ano co proxecto do OpenRov. Estamos tamén avanzando na migración a escritorio libre nos equipos da Xunta. E tamén o Sergas fixo un esforzo importante. E, por suposto, cómpre salientar o traballo que desenvolve a comunidade de software libre en lingua galega, colaborando coa tradución de software ao galego, coa importancia que iso supón para a normalización da lingua neste ámbito. Sempre hai marxe de mellora, pero o balance é positivo, en xeral.

"A forma de incrementar a penetración do software libre é conseguir que as empresas sexan capaces de implantalo. E que mediante a colaboración aberta xurdan novos produtos e iniciativa"

Como se pode avanzar nos ámbitos nos que o software libre é aínda minoritario? 

Creo que a clave agora está en fomentar os procesos colaborativos. Sempre hai que manter a difusión do software libre entre os usuarios pero hai que dar un impulso na empresa. A forma de incrementar a penetración do software libre é conseguir que as empresas sexan capaces de implantalo. E que mediante a colaboración aberta xurdan novos produtos e iniciativas. O interese do software libre está sobre todo nesa colaboración, en ter ese coñecemento aberto e en atopar entre todos novas solucións.

 

Páxina da Forxa Dominio Público Mancomun.gal
Xuntanza dos axentes galegos do software libre © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.