0 Gardados para despois

O mapa do espallamento rural galego, máis detallado ca nunca grazas á tecnoloxía espacial

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O 70% da poboación galega vive no 6% do territorio do país. Este proceso de concentración de habitantes nos grandes centros urbanos e nas súas contornas e, nun segundo nivel, arredor das cabeceiras de comarca, non impide que Galicia siga experimentando un notable espallamento da súa poboación, sobre todo no rural. Non en van, os máis de 30.000 núcleos de poboación galegos continúan a condicionar boa parte das políticas públicas en eidos diversos, das infraestruturas aos servizos sociais. Este fenómeno, que en absoluto é novo, pódese observar agora sobre o mapa con máis precisión ca nunca grazas á tecnoloxía da Axencia Espacial Europea (ESA, polas súas siglas en inglés) dentro do programa Global Urban Footprint (GUF).

O proxecto, difundido pola ESA esta semana, sería "imposible" hai tan só "cinco anos" porque "careciamos da tecnoloxía necesaria", asegura Mattia Marconcini, investigador do Centro Aeroespacial de Alemaña. A razón non é outra que a enorme cantidade de datos manexados para poder plasmar con tal grao de precisión "a práctica totalidade dos asentamentos humanos" do planeta e amosalos, de balde e en liña, a través da Plataforma de Expotación Temática Urbana (U-TEP) con dous tipos de resolución, unha para "calquera uso sen ánimo de lucro" e outra, aínda máis precisa, "para usos científicos".

"Os asentamentos rurais seguen sendo o fogar de case a metade da poboación mundial"

A principal novidade destes mapas atinxe, fundamentalmente, ao rural. "Antes non dispuñamos de todos os poboados nas áreas rurais, que poderían resultar clave para comprendermos a distribución demográfica" e, a partir dela, investigar cuestións tan dispares como "os vectores das enfermidades" ou "a presión sobre a biodiversidade", sinala Thomas Esch, outro dos investigadores que trabalou no mapa. "Estes asentamentos rurais seguen sendo o fogar de case a metade da poboación mundial", salienta. No caso galego, unha observación detallada do mapa permite amosar cidades e vilas, pero tamén pequenas aldeas. No entanto, a ESA aínda non reflicte a totalidade de núcleos de poboación do país.

Pero, como se elaborou este mapa? Fundamentalmente, a partir dos datos recompilados con dous satélites de rádar alemáns, o TerraSAR-X e mais o TanDEM-X, que recolleron durante dous anos "máis de 180.000 imaxes en alta resolución" de toda a superficie da Terra. "Estes datos por satélite -di a ESA nun comunicado- son case cen veces máis detallados que os datos ópticos do estadounidense Landsat, utilizados habitualmente para cartografar extensións urbanas". Estes datos "combináronse con outras fontes" ata procesar "máis de 20 millóns de conxuntos de datos", uns 320 terabytes que só é posible manexar cun súpercomputador que "garante a máxima precisión". 

Os mapas foron elaborados a partir das máis de 180.000 imaxes de alta resolución recompiladas por dous satélites alemáns durante dous anos de traballo

Este traballo, daquela, vai moi alén do que poderían realizar, por exemplo, os astronautas en órbita. Eles, asegura a ESA, "teñen grandes dificultades para detectaren as imple vista signos de presenza humana" e unha das principais orientacións das que dispoñen é, "cando cae a noite, a iluminación artificial". No entanto, a visión por rádar deste proxecto "pode detectar estruturas verticais típicas das contornas edificadas", con independencia da súa iluminación ou das condicións meteorolóxicas que se dean no momento de tomar as imaxes. Todo este traballo condensado en GUF poderá distribuído, segundo a ESA, "previa petición, a usuarios en calquera momento e lugar do planeta" a través da plataforma U-TEP

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.