Unha investigación galega acredita como os eucaliptos diminúen a biodiversidade nas beiras dos regatos

Rego de Maneses, en Campo Lameiro, un dos analizados neste estudo © Universidade de Vigo

Os eucaliptos provocan que os nosos ríos teñan menos vida. É case un lugar común entre quen apostan pola redución da presenza desta especie invasora no país, pero é tamén un feito referendado pola investigación científica. A última, un estudo realizado por dúas investigadoras e un investigador da Universidade de Vigo, que veñen de "constatar" o impacto dos eucaliptais na redución da biodiversidade nas beiras dos regatos.

Maruxa Álvarez e Adolfo Cordero, docentes da Facultade de Bioloxía e da Escola de Enxeñaría Forestal, estudaron polo miúdo xunto á investigadora forestal Alba Martínez os efectos destas árbores en 16 afluentes da cabeceira do río Lérez. Alí "comprobaron" que "a diversidade de macroinvertebrados" diminuía notablemente "nas bacías nas que os eucaliptais substituíron a vexetación nativa e propia das ribeiras", moito máis rica.

Cando "aumenta o solo ocupado por eucaliptais" diminúen os insectos que "se alimentan de especies como o ameneiro" e que, á súa vez, son "alimento principal dos peixes"

O seu traballo, plasmado nun artigo que vén de publicar a revista científica Animal Biodiversity and Conservation, parte das mostraxes que Alba Martínez realizou durante o seu traballo de fin de grao en Enxeñaría Forestal en "regatos de pequeno tamaño". Neles, explican, analizaron "larvas de insectos" e mais "insectos adultos que viven no regato" e cuxa alimentación consiste en "follas e outro material que procede dos ecosistemas terrestres".

Neste sentido, detalla Adolfo Cordero, tamén investigador principal do grupo EcoEvo, cómpre ter en conta que existen "traballos en ríos dunha certa entidade" nos que se "ve que cando se planta eucalipto ao redor do río, este deixa de recibir a maior parte das achegas que obtén da vexetación de ribeira". No entanto, sinala, "había moi pouco feito" para os tecnicamente chamados "ríos da orde 1, os primeiros regos". E o que queda constatado é que tamén alí, "a riqueza e diversidade de especies" diminúe "a medida que aumenta o solo ocupado por eucaliptais".

Plantación de eucaliptos nun monte galego Dominio Público Martin253

Xunto a estas mostraxes outra base do estudo foron as fotografías aéreas das áreas analizadas, que este grupo de investigación clasificou en cinco categorías: bosque autóctono, eucaliptal, zona agrícola, matos e zona urbana, para despois calcular a "porcentaxe da bacía de cada rego" cuberta "con cada tipo de uso". "Dos usos forestais, o eucalipto é o peor escenario", afirman, tras comprobar, co uso de redes, como nalgúns fondos puideron atopar ata "65 familias de macroinvertebrados", pero "as comunidades son máis simples" onde "a vexetación autóctona se viu substituída". Estes insectos non se alimentan de eucalipto, senón "de especies como o ameneiro, procedentes dos ecosistemas terrestres". E eles son, á súa vez "alimento principal dos peixes".

A investigación conclúe que cómpre "recuperar os bosques de ribeira" para "minimizar os efectos da silvicultura industrial"

Por todo isto unha das "conclusións principais" do artigo non é outra que a necesidade de "recuperar os bosques de ribeira" para "minimizar os efectos da silvicultura industrial" e "mitigar as repercusións dos monocultivos intensivos de eucaliptos". Só así, din, poderá velarse pola biodiversidade, manter os "ecosistemas fluviais" e evitar efectos tan patentes como que "aqueles regatos cubertos principalmente por eucaliptais presentan unha maior probabilidade de secaren completamente no verán".

"Contra a eucaliptización"

Este estudo chega nun momento no que o eucalipto medra en arredor de medio millón de hectáreas en Galicia, o que supón arredor do 15% do territorio, segundo os últimos datos. Fronte a esta realidade nos últimos meses medran os chamamentos e asembleas a prol de constituír unha "rede contra a eucaliptización" tanto por motivos ecolóxicos como económicos. Un monocultivo sen límites, resaltan, podería deixar Galicia "inzada de árbores de moi escaso valor" e cun significativo impacto ambiental.

O modelo de movementos coma estes, caso de Stop eucalipto, avante carballo!, integrada por unha vintena de entidades, son medidas como a moratoria recentemente aprobada polo Goberno de Portugal. Baseándose nos estudos que sustentan o seu programa de reforma forestal o Exectivo portugués decidiuse a aplicar unha ducia de medidas entre as que figura conxelar ata 2030 a expansión do eucalipto, que actualmente ocupa un 26% da superficie forestal do país, e potenciar os carballos para incrementalos nun 40% xunto a outras especies autóctonas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.