0 Gardados para despois

"Estamos encantados por ter implicado a sociedade civil no apoio á investigación do cancro"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O pasado mes de xaneiro o grupo de Oncoloxía Médica Translacional (Oncomet) lanzou unha campaña de crowdfunding para desenvolver a análise de biopsia líquida, unha técnica de vangarda na loita contra o cancro. Buscábase recadar medio millón de euros en tres meses para a contratación de máis persoal investigador, a adquisición de aparellos para a realización das biopsias líquidas e para realizar probas cuns 300 ou 400 pacientes para testar as técnicas. O máximo responsable de Oncomet e xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do CHUS, Rafael López, destacaba en conversa con Praza que o éxito deste proxecto lle "permitirá á cidadanía acceder aos seus avances" e pedía que os cidadáns e cidadás se "implicasen no apoio á ciencia e na súa xestión".

Precisamente este martes coñecíanse as cifras que os Orzamentos Xerais do Estado presentados polo Goberno central lle dedican a I+D+i, cun pequeno ascenso (+4,1%) con respecto ao pasado ano e un total de 6.028 millóns de euros, moi lonxe do máximo acadado en 2010 (case 8.000 millóns), o que sitúa a cifra proposta en niveis de hai unha década. Ademais, os recursos non financeiros, aqueles dos que dependen os proxectos de investigación desenvolvidos nas institucións públicas descenden nun 2,6%. Mentres, os recursos financeiros, esencialmente préstamos e créditos, soben un 9,2% e supoñen xa un 60% do investimento total en I+D+i. Este tipo de recursos apenas son utilizados e ao redor do 40% do orzamento total non chega a ser investido e volve ás arcas do Estado.

"Cando puxemos en marcha esta campaña tan pioneira, non sabiamos que ía ocorrer, e a resposta da sociedade foi espectacular. Temos unha sociedade que está preparada para este tipo de retos"

A unha semana do remate da campaña, o grupo achégase xa aos 400 mil euros, o que permitirá poñer en marcha a investigación proxectada, o que leva os e os integrantes do equipo de Oncomet a amosarse satisfeitos e satisfeitas. Estes cartos foron achegados por un total de 3.447 persoas e entidades cofinanciadoras, un número moi elevado que amosa o impacto social da proposta e o carácter repartido da recadación. Falamos con Miguel Abal, responsable do Laboratorio de Oncoloxía Médica Traslacional.

Que valoración facedes do resultado da campaña, a unha semana do seu peche?

Estamos máis que satisfeitos, estamos encantados por ter acadados os dous obxectivos que perseguiamos. Por un lado, o propio financiamento, xa que estamos a piques de acadar a cifra buscada, que era un nivel moi ambicioso. E, polo outro, o feito de ter conectado coa sociedade civil e de implicala no apoio e na defensa da investigación do cancro. Cando puxemos en marcha esta campaña tan pioneira, non sabiamos que ía ocorrer, e a resposta da sociedade foi espectacular. Temos unha sociedade que está preparada para este tipo de retos. O que lle diciamos era “fagamos isto xuntos” e iso cumpriuse con creces: dende a propia sociedade foi a xente a que nos propuxo unha morea de accións solidarias que conseguiron implicar a entidades locais, asociacións.

"Cumprimos o obxectivo con moitas pequenas empresas, pero non así coas grandes, parece que non soubemos chegar a elas"

Aínda que non se acade o obxectivo proposto (500.000 euros), está garantido o desenvolvemento do proxecto?

Axustaremos a cantidade obtida aos obxectivos que tiñamos, pero si, levaremos a cabo as adquisicións e as contratacións previstas. E aínda que non se acade a cantidade exacta dos 500.000 euros que buscabamos, o proxecto irá adiante.

Hai xa 3.777 persoas ou entidades que achegaron cartos, unha media de 100 euros cada unha. Parece que o éxito da campaña baseouse en recoller moitos apoios, aínda que fosen de pequena contía...

Ese era o obxectivo e a mensaxe: non buscabamos grandes doantes, senón que queríamos chegar a moita xente, a toda a sociedade, implicar a moitas persoas. Así mesmo, esperabamos que a sociedade civil a nivel de empresas tamén se comprometese, como fan en moitos países do resto de Europa. Ou en Cataluña a través da Marató de TV3, onde moitas grandes empresas participan a cambio de beneficios fiscais. Parece que cumprimos este obxectivo con moitas pequenas empresas, pero non así coas grandes, parece que non soubemos chegar a elas. Se isto ten continuidade e conseguimos unha implicación regular e continuada da sociedade coa investigación, haberá que traballar para acadar a colaboración das grandes empresas.

Non vos dirixiades, en cambio, ás administracións públicas. Mais, como foi a súa resposta?

Seguimos buscando e dependendo do financiamento competitivo das distintas convocatorias da administración. Pero esta campaña tiña uns obxectivos distintos: queríamos acadar a implicación da sociedade civil. Moitos concellos si participaron e colaboraron na campaña, difundíndoa e canalizando os apoios populares das súas localidade, pero non realizando achegas como administración.

"É unha obriga pola nosa parte tentar conectar coa sociedade, explicar o que facemos e pedir a súa implicación. Moitas veces parece que os investigadores estamos moi pechados nos nosos laboratorios e non conectamos coa xente"

Segue habendo unha fenda entre a investigación e a sociedade? Sentides que moitas veces o voso traballo non se coñece ou non se valora como debería?

É unha obriga pola nosa parte tentar conectar coa sociedade, explicar o que facemos e pedir a súa implicación. Moitas veces parece que os investigadores estamos moi pechados nos nosos laboratorios e non conectamos coa xente. Coa campaña buscabamos iso, precisamente, propoñerlle un proxecto e retala a que se implicase coa investigación, que nos acompañe no noso traballo.

Aínda que a campaña se pecha a semana que vén, será posible seguir realizando doazóns? 

Nós concibimos esta iniciativa como un período pechado, de tres meses, para realizar accións de difusión de cara á sociedade, pero xente vai poder seguir realizando as súas achegas fóra da campaña. Sempre serán benvidas e o mecanismo será permanente.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O grupo de Bioloxía Funcional da USC supera os 6.000 euros recadados

O grupo de Bioloxía Funcional da USC lanzou hai dous meses unha campaña de crowdfunding a través do portal Precipita para acadar financiamento para avanzar na súa investigación para a rexeneración axonal das lesións medulares. O grupo, liderado por Antón Barreiro, busca realizar un screening (cribado) de dúas librarías de fármacos con vistas a atopar un fármaco que promova a rexeneración axonal en neuronas con baixa capacidade de rexeneración. Para iso establecerán un modelo de lesión medular en larvas de peixe cebra e estudarán a rexeneración da neurona de Mauthner. Esta é unha neurona identificable individualmente e que nunca rexenera o seu axón (prolongación das neuronas especializada en conducir o impulso nervioso) tras unha lesión medular completa.

O grupo busca un fármaco que promova a rexeneración axonal en neuronas con baixa capacidade de rexeneración

Lembran que en España se producen uns 1.500 novos casos de lesión medular cada ano. E que na actualidade calcúlase que hai ao redor dunhas 35.000 persoas cunha lesión medular no conxunto do Estado.

O obxectivo inicial era recadar entre dous mil (financiamento mínimo) e dez mil euros (financiamento óptimo) e a un mes de que remate o prazo previsto, xa conseguiron uns seis mil. Se chegasen ao financiamento óptimo, poderían mercar os anticorpos necesarios para visualizar a neurona de estudo e unha libraría de 1.230 fármacos para validar o seu modelo de procura de fármacos que promovan a rexeneración axonal.