O pasado ano oEquipo de Dinamización Lingüística do IESP A Cachada (Boiro) lanzou, co gallo das Letras Galegas e coa colaboración dos departamentos de Tecnoloxía, Galego e Matemáticas, a competición STARgal co obxectivo de "demostrar que as TIC e o galego poden e deben ir da man se queremos construír unha sociedade máis sólida e preparada". O concurso estaba aberto a todos os centros de ensino de Galicia e tiña dúas probas: unha centrada na elaboración de videoxogos coa ferramenta Scratch e outra consistente nun certame de videopoemas elaborados con móbil, organizado en colaboración co Festival Audiovisual Escolar Olloboi. A iniciativa tivo un notable éxito.
A competición STARgal busca "demostrar que as TIC e o galego poden e deben ir da man se queremos construír unha sociedade máis sólida e preparada"
Chega agora a segunda edición do concurso, unha mostra de produtos audiovisuais e robóticos que xira en torno á figura homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Carlos Casares. No evento van poder verse as mellores pezas audiovisuais creadas polo alumnado (booktrailers e videocontacontos), instalacións artísticas con elementos programados mediante as linguaxes Arduino e Mblock, xeocompetición de robots Lego, exhibición de voo con drones, ou mostras interactivas de realidade virtual.
Ademais, todo o alumnado participará nunha competición de videoxogos didácticos que foron creados por un grupo de rapazas e rapaces do instituto: un Pasapalabra, un xogo gramatical e dous de habilidade. Neste concurso de videoxogos pode competir calquera alumno ou alumna dos colexios galegos de primaria e secundaria. Para isto creouse unha páxina web na que o profesorado pode inscribir ós seus centros (stargal.iespacachada.org). Haberá catro proxectos gañadores, dous por categoría, sendo os premios cadanseu robot Escornabot. As categorías son Base (Primaria e 1º ESO) e Avanzada (2º-3º-4º ESO). Dende o IESP A Cachada destacan que "dada a limitación no acceso a internet que lamentablemente teñen moitos centros galegos, na mañá do concurso poremos a disposición de todos os usuarios un enlace para descargar os arquivos e así poder xogar offline".
Chega agora a segunda edición do concurso, unha mostra de produtos audiovisuais e robóticos que xira en torno á figura homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Carlos Casares
Pódense ver algúns exemplos dos videoxogos realizados na pasada edición, coma este Pasapalabra centrado na figura de Manuel María, un xogo de preguntas e respostas sobre o autor da Terra Cha. Ou A auga Ben-dita, no que o xogador ou xogadora debe moverse coas frechas esquerda-dereita para coller as gotas de auga que levan oracións ben formadas, e deixar que caian ao chan as gotas con oracións mal formadas.
Estes son algúns dos vídeos creados polo alumnado e que forman parte da mosta. Videotutoriais, booktrailers e demais creacións audiovisuais realizadas maioritariamente co móbil.