Un equipo da USC atopa relación entre a exposición ao radon en Galicia e os tumores cerebrais

Concentración de gas radón por concello Dominio Público Praza Pública

Un grupo de investigadores do Laboratorio de Radon de Galicia da Universidade de Santiago veñen de publicar un artigo na revista Scientific Reports, que recolle o resultado dun dos seus estudos, no que analizan a correlación entre a exposición ao radon en Galicia e unha maior incidencia dos tumores cerebrais.

Na investigación, o equipo relacionou o nivel de concentración de radon en cada un dos concellos galegos coa mortalidade rexistrada por mor deste tipo de cancros en cada localidade no período 1999-2008. En total analizáronse os datos de 251 localidades (as que tiñan, cando menos, tres medicións da concentración do gas), cunha media de 14 medicións en cada concello. O texto conclúe que existe unha "correlación significativa" entre niveis elevados de radon en espazos residenciais cunha alta mortalidade por tumores cerebrais. A correlación dáse tanto en homes coma en mulleres, pero é máis elevada aínda nas mulleres. O equipo, dirixido por Alberto Ruano-Ravina, reforzou os resultados cunha análise máis específica nos concellos para os que se conta con máis de cinco medicións. E suxire que se debe afondar nesta liña de traballo, para validar as conclusións, a través do uso de deseños epidemiolóxicos máis sólidos.

O texto conclúe que existe unha "correlación significativa" entre niveis elevados de radon en espazos residenciais cunha alta mortalidade por tumores cerebrais. A correlación é máis elevada nas mulleres

O pasado mes de novembro o Laboratorio presentou un detallado mapa das concentracións de radon residencial en Galicia, que revelaba que un total de 20 concellos de Galicia presentan unha media superior a 300 bq/m3 (becquerelios por metro cúbico de aire no interior) nas medicións realizadas polo Laboratorio. Noutros 41 concellos a media sitúase entre 200 e 300. A Axencia de Protección Ambiental norteamericana considera 148 Bq/m3 como nivel de referencia a partir do cal se pode considerar "perigoso"; pola contra, na UE entrará en vigor en 2018 unha nova directiva europea que elevará este límite ata eses 300 Bq/m3 (na actualidade é de 200). 

Distintas investigacións xa demostraron que a exposición ao gas radon é, despois do consumo de tabaco, o segundo factor de risco do cancro de pulmón e o primeiro en persoas que nunca fumaron. E, en concreto, os estudos clínicos realizados en Galicia polo grupo de investigación ao que pertence Ruano proban a maior incidencia deste cancro nas persoas non fumadoras que viven en espazos con alta concentración de radon. Agora, esta nova liña de investigación pode comezar a relacionar a presenza deste gas cos tumores cerebrais malignos.

O Bolo, A Mezquita, Padrenda, A Pobra de Trives, Esgos, Cenlle, Fornelos de Montes, Samos, Cualedro, Mos, Sober, Campo Lameiro, Salceda de Caselas, Meaño ou Bueu son algúns dos concellos nos que se rexistraron nos últimos anos concentracións máis elevadas deste gas. E en todos eles dáse tamén unha maior incidencia dos casos de tumor cerebral, sobre todo nas mulleres, segundo recolle o estudo.

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

Concentración de gas radón por concello Dominio Público Praza Pública
Correlación entre a concentración de radon e as mortes por tumor cerebral nas mulleres © Laboratorio de Radon de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.