Investigadoras da USC demostran que "é posible perder peso sen variar a cantidade de comida"

Imaxe dos ratos empregados na investigación, incluída no artigo © Cell Metabolism

O grupo de investigación NeurObesidad da Universidade de Santiago realizou nos últimos anos diversos descubrimentos nos ámbitos da endocrinoloxía e o metabolismo, achando novos mecanismos para entender e abordar a obesidade. O seu traballo vén de dar novos froitos da man de dúas doutoras deste grupo, Noelia Martínez e Patricia Seoane, que nun artigo científico publicado na revista Cell Metabolism amosan como comprobaron que, a través das modificacións xenéticas, é posible provocar a perda de peso "sen variar a cantidade de comida inxerida".

O traballo e Martínez e Seoane demostra que o hipotálamo -unha glándula do cerebro- é o responsable de regular a produción de graxa no fígado. Estas graxas, sinalan, son "enviadas a través da circulación sanguínea" ao tecido adiposo pardo, que é "onde se queiman, aumentando o gasto calórico". "A graxa parda -detallan- é a que non almacena lípidos, senón que os queima para obter enerxía, que se disipa en forma de calor".

As investigadoras galegas identificaron este mecanismo, pero tamén o demostraron. Fixérono, resaltan dende a USC, "xerando por primeira vez un rato" con deficiencias na proteína AMPK nas súas neuronas do hipotálamo. Esta proteína actúa "nos primeiros pasos da produción de lípidos", de graxa. A estes ratos foilles eliminada a proteína "selectivamente nunhas poucas neuronas nunha rexión" do hipotálamo e as doutoras "corroboraron" que "comparados con outros sen manipular, estes animais presentan un menor peso corporal por unha maior activación da graxa parda sen que se producise variación ningunha no volume de alimento inxerido".

As doutoras Martínez e Seoane demostaron como unha rexión do cerebro regula a produción de graxa no fígado a través de ratos modificados xeneticamente

En síntese, resumen, "perden peso comendo o mesmo". Este avance é para Noelia Martínez e Patricia Seoane de especial interese porque reafirma o interese "do tecido adiposo pardo como posible diana terapéutica no tratamento da obesidade". Así e todo, advirten, "aínda resta moito camiño por andar", o que non impide que o seu descubrimento "abra unha nova vía no tratamento de enfermidades metabólicas", xa que "ata agora non existían datos que vinculasen a acción central das hormonas" da tiroides coa función do fígado.

Esta investigación ve a luz apoiada en estudos previos desenvolvidos no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e recolle as teses de doutoramento das dúas investigadoras. Ten financiamento do programa Starting Grant do Consorcio Europeo de Investigación e, paralelamente, tamén da Xunta, xa que a doutora Martínez realiza na actualidade estudos postdoutorais no Instituto Gulbenkian da Ciência, en Lisboa, cun contrato promovido pola Consellería de Educación.

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

Imaxe dos ratos empregados na investigación, incluída no artigo © Cell Metabolism

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.