0 Gardados para despois

Investigadoras da USC demostran que "é posible perder peso sen variar a cantidade de comida"

Redacción | @prazapublica

O grupo de investigación NeurObesidad da Universidade de Santiago realizou nos últimos anos diversos descubrimentos nos ámbitos da endocrinoloxía e o metabolismo, achando novos mecanismos para entender e abordar a obesidade. O seu traballo vén de dar novos froitos da man de dúas doutoras deste grupo, Noelia Martínez e Patricia Seoane, que nun artigo científico publicado na revista Cell Metabolism amosan como comprobaron que, a través das modificacións xenéticas, é posible provocar a perda de peso "sen variar a cantidade de comida inxerida".

O traballo e Martínez e Seoane demostra que o hipotálamo -unha glándula do cerebro- é o responsable de regular a produción de graxa no fígado. Estas graxas, sinalan, son "enviadas a través da circulación sanguínea" ao tecido adiposo pardo, que é "onde se queiman, aumentando o gasto calórico". "A graxa parda -detallan- é a que non almacena lípidos, senón que os queima para obter enerxía, que se disipa en forma de calor".

As investigadoras galegas identificaron este mecanismo, pero tamén o demostraron. Fixérono, resaltan dende a USC, "xerando por primeira vez un rato" con deficiencias na proteína AMPK nas súas neuronas do hipotálamo. Esta proteína actúa "nos primeiros pasos da produción de lípidos", de graxa. A estes ratos foilles eliminada a proteína "selectivamente nunhas poucas neuronas nunha rexión" do hipotálamo e as doutoras "corroboraron" que "comparados con outros sen manipular, estes animais presentan un menor peso corporal por unha maior activación da graxa parda sen que se producise variación ningunha no volume de alimento inxerido".

As doutoras Martínez e Seoane demostaron como unha rexión do cerebro regula a produción de graxa no fígado a través de ratos modificados xeneticamente

En síntese, resumen, "perden peso comendo o mesmo". Este avance é para Noelia Martínez e Patricia Seoane de especial interese porque reafirma o interese "do tecido adiposo pardo como posible diana terapéutica no tratamento da obesidade". Así e todo, advirten, "aínda resta moito camiño por andar", o que non impide que o seu descubrimento "abra unha nova vía no tratamento de enfermidades metabólicas", xa que "ata agora non existían datos que vinculasen a acción central das hormonas" da tiroides coa función do fígado.

Esta investigación ve a luz apoiada en estudos previos desenvolvidos no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e recolle as teses de doutoramento das dúas investigadoras. Ten financiamento do programa Starting Grant do Consorcio Europeo de Investigación e, paralelamente, tamén da Xunta, xa que a doutora Martínez realiza na actualidade estudos postdoutorais no Instituto Gulbenkian da Ciência, en Lisboa, cun contrato promovido pola Consellería de Educación.

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Ángel Carracedo, no Parlamento: "Gastamos un mundo en investigadores boísimos que acaban producindo para outros"

David Lombao | @davidlombao

Alén do tirapuxa diario, das controversias máis mediáticas ou das aprobacións de leis máis urxentes o Parlamento realiza tamén outros traballos máis pausados e, xeralmente, máis afastados dos titulares. Un deles é o que desenvolve a comisión non permanente que ten encomendado o seguimento das políticas de discapacidade e o seguimento de novas propostas na materia, que actualmente se atopa na fase de escoitar diversas voces expertas. Este luns foi a quenda para o científico Ángel Carracedo, o catedrático de Medicina Legal da USC, coordinador do Grupo de Medicina Xenómica, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e referencia neste ámbito a nivel mundial.

Alén da súa achega máis concreta ao ámbito das investigación científica no ámbito da discapacidade Carracedo deixou tamén na Cámara galega unha reflexión máis ampla sobre o investimento en I+D e os que, ao seu xuízo, deberan ser os vieiros polos que transitar ao respecto dende a Administración pública. Dende o punto de vista de Carracedo cómpre comezar "a casa pola base" e iso implica investir en "captación e retención de talento". "Se eu estivese na Administración, a metade dos cartos irían para retención e captación de talento, porque un investigador ben seleccionado é unha riqueza para calquera lugar, é a base do desenvolvemento dos países".

"Se eu estivese na Administración, a metade dos cartos irían para retención e captación de talento"

Nun contexto con déficits como o derivado do "moi pouco I+D" alén da esfera pública ou da, dende o seu punto de vista, disfuncional colaboración entre os sectores público e privado á hora de investigar, Carracedo chama a desmitificar a exportación de talento científico sen criterio. "Gastamos un mundo en formación, facemos investigadores boísimos que fan a tese aquí" e "cando están no seu máximo momento creativo, despois de gastar unha cantidade de cartos impresionante, van producir para outros". "Vaia negocio!", ironiza.

"Aquí que vaian a Estados Unidos é parte do currículo; por que teñen que ir fóra a producir para outros? Metémonos parvadas culturais que non entendo"

Para Ángel Carracedo resulta incomprensible que o que identifica como un problema estea a "venderse moi ben". "Aquí, que vaian a Estados Unidos é parte do currículo; pero por que teñen que ir fóra a producir para oturos? Metémonos parvadas culturais que non entendo", abonda, nun contexto no que chama a distinguir entre esta fuga de talento e a "mestura" de traballos e coñecementos a nivel internacional. "Mesturarse é moi boa idea, pero se eu fose a Administración onde poría máis recursos" é nesa retención de talento, porque o persoal de investigación mozo e "bo" é o que "consegue proxectos europeos, fai unha spin off... Renden sempre, é evidente", conclúe.