Son moitos os trebellos para acurtar enderezos de internet para así facer máis doado compartilos ou copialos. De agora en diante hai un galego e co selo .gal. A Asociación PuntoGal vén de lanzar, xunto coa Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) e a tecnolóxica Dinahosting o acurtador i.gal, un sitio web sinxelo que está en marcha dende este 26 de xullo e que a entidade impulsora do dominio galego na rede enmarca nas súas promocións polo Día Nacional de Galicia.
A alianza entre as tres entidades, que xa viñan colaborando en diferentes ámbitos, enmárcase na súa aposta por "prestar servizos de valor engadido no ámbito da rede galega". Únese, lembra a asociación, á recente estrea de Velaqui.gal, o sitio que permite intercambiar arquivo de ata 2Gb de xeito gratuíto e libre.
O lanzamento coincide no tempo coa promoción que permite rexistrar dominios .gal por un máximo de 25 euros
O novo servizo trae consigo prestacións adicionais xunto ao acurtamento de enderezos. Así, ofrece a opción de personalizar as palabras que conformen a url resultante e, igualmente, abre a posibilidade de se rexistrar para facer seguimento do número de clics acadados por cada enderezo acurtado. Adicionalmente, permite desactivar a ligazón compartida.
A Asociación Puntogal lembra que este lanzamento "coincide no tempo" coa promoción de rexistro de dominios .gal a prezo reducido, cun máximo de 25 euros por dominio máis IVE ata finais de xullo. Para acceder a esta promoción cómpre acudir a algúns dos rexistradores que colaboran nela: Arsys, CdMon, Dinahosting, Entorno Digital, Nominalia, Host Europe e OVH. Con esta acción téntase incrementar o número de webs con dominio .gal, que xa superou os 4.000 rexistros.
Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por