"As mulleres de 'Teño unha horta' son unha representación de todas as galegas que traballan no campo"

A coordinadora e algunhas das protagonistas de 'Teño unha horta', co premio recibido © Concello de San Sadurniño

En xullo de 2015 publicábase o primeiro vídeo de Teño unha horta, o proxecto do Concello de San Sadurniño que naceu para "difundir e compartir o coñecemento e a experiencia das mulleres en relación cos traballos no campo". Dende aquel primeiro vídeo, no que Lucita ensinaba a plantar leitugas, viron a luz un total de 52, protagonizados por Carmiña dos Pantís, Carmiña da Laxe, Cruz de Piñón, Lucita de Ernesto e Consuelo da Curuxa, cada unha con cadansúa horta.

Os vídeos están protagonizados por Carmiña dos Pantís, Carmiña da Laxe, Cruz de Piñón, Lucita de Ernesto e Consuelo da Curuxa, cada unha con cadansúa horta

Neste tempo o proxecto conseguiu, abofé, os obxectivos que procuraba e moitos máis. Enmarcado no proxecto Fálame de San Sadurniño e realizado a través da Aula Cemit do concello, contribúe á alfabetización dixital e audiovisual da poboación de todas as idades, sobre todo daquelas xeracións con menos contacto coa tecnoloxía. Ademais, avanza na preservación de saberes tradicionais, dando a coñecer os labores agrícolas ensinando trucos e tarefas desenvolvidas dende antigo. Os vídeos acadaron un éxito indubidable; a maior parte das pezas roldan os dous mil visionados, pero Como cultivar cacahuetes supera os 15 mil e Como sulfatar tomates pasa dos 20 mil. Con todo, o meirande éxito acadouno o célebre Marihuana na horta, que foi vista por máis de 200 mil persoas.

Nestes case tres anos, ademais, o proxecto non deixou de recibir premios: O galardón á mellor iniciativa no concurso impulsado polo proxecto europeo ACTing- Axentes sociais, o premio á mellor webserie en galego no Carballo Interplay ou o Premio Youtubeir@s. En novembro Teño unha Horta recibiu en Madrid o premio como mellor iniciativa cultural dirixida a persoas maiores, outorgado pola fundación DomusVi. E a iniciativa vén de recibir nas últimas semanas un novo galardón: o accésit ao premio Son Dixital outorgado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. O recoñecemento ía dirixido á coordinadora da iniciativa -Carmen Suárez- e ás cinco protagonistas dos vídeos “pola súa transformación persoal dentro do proxecto” e destacaba que Teño unha Horta é “un bo exemplo do empoderamento da muller da contorna rural”, amosando como a tecnoloxía pode “transformar unha vida dedicada á labranza e coidado da terra e aos recursos naturais, dando visibilidade e importancia ao rol desempeñado polas mulleres labregas”.

"Sempre pretendín que servise para poñer en valor o traballo que as mulleres sempre fixeron no campo e nas hortas e que seguen facendo"

A propia Carmen Suárez, responsable da Aula Cemit do Concello de San Sadurniño e de proxectos como Fálame. salienta que "un dos obxectivos sempre foi empoderalas a través das novas tecnoloxías". "Isto naceu como un proxecto piloto para mulleres, para as mulleres do campo. Eu sempre pretendín que servise para poñer en valor o traballo que as mulleres sempre fixeron no campo e nas hortas e que seguen facendo, á vez que fan moitas outras cousas", explica. "Estas cinco mulleres son unha representación de todas as mulleres galegas que traballan no campo e que traballan en moitos sitios máis. Son unhas heroínas", engade.

"Elas transmiten a idea de que nunca é tarde para aprender, para adquirir novos coñecementos e para vivir novas aventuras, tirar os complexos e seguir para adiante”

“Ademais, elas transmiten a idea de que nunca é tarde para aprender, para adquirir novos coñecementos e para vivir novas aventuras, tirar os complexos e seguir para adiante”, comenta Carmen Suárez, que explica que nos inicios do proxecto tiveron que seguir varios obradoiros para aprender a usar a cámara, gravar os vídeos, subilos a internet, manexarse en youtube... Porén, pouco a pouco foron facendo elas todo soas. "De igual xeito elas ao comezo non entendían que eses vídeos puidesen ter interese para ninguén, e moito menos para a xente nova", di.

"Pero o máis sorprendente é que a maioría de persoas que seguen a canle son xente nova, xente que está aprendendo e que despois llo agradece nos comentarios. E para elas é moi relevante que a xente nova valore tanto o que fan", destaca, ao tempo que lembra que o premio acadado no Carballo Interplay "foi moi importante". "En Carballo atoparon en directo o cariño e o recoñecemento da mocidade. Foi un subidón de autoestima: 'pensabamos que non valiamos para nada, que eramos unhas vellas aburridas, pero a xente está valorando o que facemos', dicían. Para elas é un gran recoñecemento a nivel social, pero tamén a nivel privado e familiar", explica.

"Para elas é moi importante que a xente nova valore tanto o que fan"

O meirande éxito e popularidade chegou co famoso vídeo da planta de marihuana (que resultou ser de cáñamo), co que foron noticia en programas de televisión de toda España. "Entrevistáronas de todas as cadeas, foi unha tolemia, ata que tivemos que parar, porque xa nos parecía que a cousa chegara a un punto que xa estaba ben", lembra. "Mesmo lle dixemos que non a Ana Rosa Quintana. E iso que para elas estar no programa de Ana Rosa era o máis", engade.

"De paso é unha forma de amosarlle á xente nova as posibilidades do rural como modo de vida"

"Co proxecto queríamos aproveitar ese coñecemento que elas teñen e compartilo con xente. Porque, ademais do empoderamento que conseguimos con elas, de paso é unha forma de amosarlle á xente nova as posibilidades do rural como modo de vida", salienta Carmen Suárez. "E para fomentar o idioma galego. O vídeo da planta de marihuana tivo máis de 200 mil visitas, algunha dende Australia. Iso é moi importante", di.

"Este é un proxecto de desenvolvemento rural. E elas convertéronse tamén en innovadoras, plantando produtos non habituais nas hortas galegas, como azafrán, boniatos, trigo sarraceno..."

E cal é o futuro de Teño unha Horta? De momento, comenta Carmen Suárez, aínda hai vídeos pendentes de ser publicados. E o equipo prepara xa a cuarta tempada, nestas semanas nas que pouco se pode facer na horta. De momento, teñen que decidir que produtos novos se van decidir a plantar. "Este é un proxecto de desenvolvemento rural. E elas convertéronse tamén en innovadoras, plantando produtos non habituais nas hortas galegas, como azafrán, boniatos, trigo sarraceno... Como elas din 'En Galicia dáse de todo'", explica Carmen Suárez, que detalla que "a idea de plantar boniatos foi como alternativa á pataca, que está prohibida en San Sadurniño". "Son maiores e estanlle dando unha lección ás novas xeracións", conclúe.

 

Premio para Innova Narón

O proxecto Innova Narón obtivo o premio Son Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O galardón, ao que podían presentarse todos proxectos de Innovación Social Dixital desenvolvidos desde as aulas CeMIT, buscaba recoñecer ás persoas e entidades implicadas nas iniciativas que se desenvolveron nestes tres últimos anos e o traballo das entidades colaboradoras do mesmo: concellos, aulas CeMIT, voluntariado, asociacións e empresas.

Innova Narón foi posto en marcha dende a Concellería de Novas Tecnoloxías do Concello de Narón (a través da Aula CeMIT) co obxectivo de pór en valor os produtos do campo e artesanais elaborados en varios obradoiros, difundidos a través dun blog e redes sociais e outras canles de venda. Procurábase, a nivel xeral, "capacitar a sociedade para que poida xerar novos modelos de colaboración e novas relacións sociais, cun enfoque dende a base da comunidade para resolver retos sociais da contorna e aumentando a cohesión social". O programa abrangueu 130 horas de formación.

O outro accésit levouno un equipo de voluntariado composto por Sonia Moure, Daniel Diéguez, José Manuel Campos e Rocío Fernández, quen levaron adiante o programa Mira TICarballedo en relación coa formación en novas tecnoloxías para o emprendemento no rural.

 

Dúas das protagonistas de 'Teño unha horta', traballando © Fálame de San Sadurniño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.