0 Gardados para despois

Juan Viaño: "Dificilmente se pode falar de crise económica hoxe na USC"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Hai catro anos Juan Viaño (Boqueixón, 1955) impúxose a Antonio López nas votacións ao Reitorado da Universidade de Santiago. Dende entón, este catedrático de Matemática Aplicada comandou a USC nuns anos marcados polas limitacións económicas. O vindeiro luns 23 de abril Viaño e López volverán enfrontarse nas eleccións a Reitor.

Na presentación do seu equipo, Juan Viaño destacou que a súa é a primeira candidatura da historia da USC formada por máis mulleres ca homes. Ademais, salientou a importancia dos programas de atracción de talento, consolidación e promoción, un obxectivo facilitado pola recente autorización da Xunta para poder convocar 200 prazas de promoción de PDI nos vindeiros catro anos. “Esa autorización é froito da negociación coa Xunta e de ser capaces de demostrar a nosa responsabilidade por sacar á USC dunha situación económica moi difícil”, subliña o candidato.

"O máis importante está cumprido, coma a recondución da situación económica"

Que valoración fai da xestión desenvolvida nos últimos catro anos? Sente que puido cumprir todos os obxectivos que se propuxera? Que quedou pendente? Onde hai que incidir?

A valoración que fago é positiva. Nalgunhas áreas foi moi ben, pero noutros ámbitos non fomos capaces de lograr o obxectivo que nos marcaramos. O máis importante está cumprido, coma a recondución da situación económica, a reorganización de departamentos, institutos de investigación, escolas de doutoramento, campus de especialización e agrupacións estratéxicas de investigación, estabilización de investigadores e persoal docente con praza temporal, a aprobación do proxecto da nova facultade para Medicina e Odontoloxía, e Enfermería, así como a revisión e actualización do mapa titulacións do grao, mestrado e doutoramento. Outras cousas quedaron pendentes porque non puidemos acometelas, como a renovación adecuada do persoal, un aspecto fundamental que ten que marcar a nosa política nos vindeiros anos.

"Son varios os retos importantes que debe acometer a USC nos vindeiros anos e todos están baixo o paraugas da transformación cara á sociedade dixital"

Ademais deste capítulo de persoal, cales son na súa opinión os principais retos que debe enfrontar a Universidade nos vindeiros anos?

Son varios os retos importantes que debe acometer a USC nos vindeiros anos e todos están baixo o paraugas da transformación cara á sociedade dixital. Algúns son imprescindibles, coma a implantación de novos graos e mestrados, a consolidación do doutoramento, a internacionalización, a adaptación dos servizos de apoio ás novas necesidades e, por suposto, o continuar co saneamento económico. Outros son estratéxicos, coma os novos xeitos da xestión do traballo das persoas que solucionen problemas de estabilización, renovación e promoción do persoal. Pero o máis importante de todos é cumprir as expectativas de cada un dos estudantes que chega á USC e dos nosos traballadores.

"Sempre defendín un financiamento público estable e adecuado Porén, tamén defendo que os criterios de financiamento deben estar cada vez máis próximos aos resultados que acadamos e non tanto ás estruturas que temos"

As universidades sufriron nos últimos anos os efectos dos recortes, a taxa de reposición... Houbo un esforzo moi importante na redución do gasto, pero segue a haber problemas de financiamento. Que fórmula sería a axeitada?

Eu sempre defendín un financiamento público estable e adecuado para atender a unha universidade pública coma a nosa. Porén, tamén defendo que os criterios de financiamento deben estar cada vez máis próximos aos resultados que acadamos e non tanto ás estruturas que temos. Cada galego e cada galega debe coñecer o retorno de cada euro que se inviste nas universidades públicas e, para iso, considero que a mellor opción é traballar por proxectos e acadar logros medibles e demostrables. A sociedade galega fixo nos últimos anos un esforzo importante por mellorar o financiamento do seu sistema universitario, pero é preciso seguir nese camiño e chegar a dedicarlle o 1% do PIB galego.

"Fixemos e seguiremos facendo os maiores esforzos para a captación e retención de talento"

Que lles diría a todos/as aqueles/a investigadores/as, profesores/as axudantes ou asociados/as en situación precaria na universidade (ou que tiveron que marchar a centros noutras rexións ou países) que ven como as oportunidades de estabilización en Galicia escasean? Manteranse as actuais dificultades nos vindeiros anos? Que se pode facer dende a universidade?

Na pregunta convén aclarar que a situación do persoal investigador e do profesorado axudante é diferente á do profesorado asociado. Na USC todo o profesorado asociado ten que necesariamente ter outra actividade laboral vencellada á docencia que dan (de feito, esiximos tres anos de experiencia). Ese é o espírito da lei e aquí cúmprese. En canto ao persoal investigador e profesorado axudante doutor podo garantirlle que fixemos e seguiremos facendo os maiores esforzos para a captación e retención de talento por ambas as dúas vías, que ao final é o noso principal capital. Por iso, na nosa proposta económica e estratéxica relacionada co persoal contemplamos mecanismos que garantan un maior número de posibilidades de cara á estabilización destes colectivos. No mandato que remata convocamos 87 prazas de contratado doutor e e 67 de axudante doutor dirixidas á captación e estabilización de persoal docente e investigador.

"É moi importante ter un movemento estudantil activo e con representación nos órganos de goberno, porque a súa participación é fundamental para chegar aos mellores acordos"

Nas eleccións ao Reitorado chaman a atención habitualmente as reducidas porcentaxes de participación do estudantado. De que forma se podería implicar máis os e as estudantes nos comicios e coa propia universidade e a súa xestión?

É certo. A participación dos estudantes nos procesos electorais é moi escasa e sería desexable que aumentase significativamente. É certo que é o colectivo que máis muda en catro anos, pero aínda así é moi importante ter un movemento estudantil activo e con representación nos órganos de goberno, porque a súa participación é fundamental para chegar aos mellores acordos. Penso que estamos nun momento de transición onde a representatividade estudantil está mudando cara a fórmulas moito máis dixitais e temos a obriga de estudalas para incorporalas ás rutinas da USC.

"A Universidade debe xestionar adecuadamente as necesidades docentes de novo profesorado e as lexítimas demandas de promoción de todos os colectivos da USC"

Como se soluciona a situación dos acreditados e acreditadas a cátedra da USC? Entende a súa preocupación?

Por suposto, entendo a súa preocupación; trátase de persoas que demostraron o seu traballo e o seu rendemento e lexitimamente aspiran a mellorar a súa situación laboral. Este tema é complexo porque a Universidade debe xestionar adecuadamente as necesidades docentes de novo profesorado e as lexítimas demandas de promoción de todos os colectivos da USC. Falo do profesorado axudante, profesorado contratado doutor, profesorado titular e persoal de administración e servizos, así como persoal de apoio á investigación. E a miña obriga é tentar atender a todos na medida do posible. E tivemos que facelo coa situación económica que tiñamos, que nos obrigou a non poder ser tan áxiles como nos gustaría nestes procesos. Porén, o recente anuncio da Xunta vai permitir despexar esta situación nos vindeiros de catro anos (con 100 prazas de cátedra) e ademais sentar as bases para que non se volva a xerar unha bolsa no futuro. Iso só se logrou grazas á solvencia que demostramos durante a execución do Plan Económico-Financeiro de Reequilibrio, o que fixo que pecharamos o exercicio de 2017 cunha situación de equilibrio segundo o Sistema Europeo de Contas.

"Dificilmente se pode falar de crise económica hoxe, cando o noso orzamento aumentou 35 millóns de euros con respecto a hai catro anos"

Na súa campaña Antonio López afirma que a USC vive “tres crises”, unha económica, unha “democrática” e outra de “ilusión”, de papel da universidade na sociedade. Está de acordo?

Penso que os datos non avalan esta impresión do profesor López. Dificilmente se pode falar de crise económica hoxe, cando o noso orzamento aumentou 35 millóns de euros con respecto a hai catro anos (un 17,5%). Tampouco se pode entender que haxa unha crise democrática cando na USC hai mais de 60 órganos colexiados e e outros tantos  unipersoais elixidos democraticamente e todas as decisións se toman en procesos nos que participan representantes de toda a comunidade. Sirva como exemplo que no noso Consello de Goberno hai máis de cincuenta persoas e que se ten reunido en máis de 50 sesións ordinarias nestes catro anos, das que se envía documentación a toda a comunidade universitaria e das que se deixa gravación como anexo as actas. Da ilusión do meu adversario, non podo opinar. Eu estou moi ilusionado. O meu equipo, tamén. E todos os apoios que recibo día a día amosan unha ilusión clara e contundente.

Como debe ser a relación entre as tres universidades galegas? Como debe ser a súa coordinación? Estanse a aproveitar todas as posibilidades que permitiría o traballo conxunto entre as tres institucións?

A relación dentro do sistema universitario galego ten que basearse na profesionalidade de cada unha delas. Profesionalidade na dirección, pero tamén no traballo diario do persoal docente e investigador e do persoal de apoio. Só así poderemos camiñar xuntos. Creo na colaboración entre as universidades e no traballo conxunto que combine as especializacións de cada un cos intereses comúns. E demos mostra ao longo do mandato co acordo de colaboración na docencia clínica do grao en Medicina e no mapa de titulacións. Creo que si existen moitas oportunidades que se aproveitan polo feito de traballar conxuntamente, pero aínda debemos ser máis ambiciosos todos.

Como valora a situación do campus de Lugo? Que propostas ten para el?

O Campus de Lugo apostou por unha especialización clara en todo o relacionado co sector primario. Por iso potenciamos a estratexia do Campus Terra e agora, dentro deste marco, logramos que a Xunta autorizase varios títulos para os vindeiros anos nos ámbitos do emprendemento, a robótica, a bioquímica, a xestión cultural e o patrimonio. A isto debemos sumarlle os grandes logros dos últimos anos, como a consecución de acreditacións de excelencia de facultades como Veterinaria, que temos que renovar neste curso e a finca de prácticas de Gayoso Castro. Ese é o camiño, o da profesionalidade e o da adaptación á sociedade dixital, tamén no na ciencia e na docencia que xira ao redor do sector primario. A colaboración coa Deputación e o Concello de Lugo é fundamental así como internacionalización na oferta e captación de alumnos. 

"Hai liñas vermellas que non debemos superar nunca, e quizais a máis importante é a da confianza que depositan en nós a mocidade e as súas familias"

A polémica xerada ao redor do caso do máster de Cristina Cifuentes pode prexudicar á imaxe do conxunto das universidades públicas españolas? Debemos estar preocupados?

Si. Debemos estar preocupados todos porque este tipo de feitos, de demostrarse, serían extremadamente graves. Hai liñas vermellas que non debemos superar nunca, e quizais a máis importante é a da confianza que depositan en nós a mocidade e as súas familias. Non é admisible que se produzan feitos coma os que se denuncian porque nos afectan a todos moi negativamente. Por iso, cómpre que as universidades teñan os seus mecanismos de control para evitar feitos como os que presuntamente se cometeron. No caso da USC, fomos das primeiras universidades en implantar a sinatura electrónica para as cualificacións (e para moitos outros procedementos) polo que queda rastro dixital de todos os movementos. E ademais, todos os nosos procesos de xestión académica están auditados baixo unha norma ISO9001 de xestión por procesos dende hai máis de 10 anos.

Que función deben cumprir as universidades na sociedade? Perdeuse un chisco o papel central que viñan cumprindo como formadores a varios niveis, de forma integral?

As universidades teñen tres papeis fundamentais na sociedade actual. A primeira, a de encargarse do último estadio da formación regrada, é dicir, da formación de máis alta cualificación. O segundo, o de xerar coñecemento a través da ciencia e da investigación, tanto básica como aplicada. O terceiro, o da transferencia dese coñecemento ao tecido produtivo dunha economía local, pero tamén global. Creo que ese rol non se perdeu na sociedade actual, xa que a formación, a investigación e a transferencia son as pezas claves do modelo dixital. Porén, é a nosa obriga atender ás novas demandas e ser o suficientemente áxiles para andar ao ritmo dos tempos que nos tocan vivir.

"O mellor xeito de evitar iso que vostede denomina mercantilización é actuar con transparencia absoluta da colaboración entre as partes. Deben ser os nosos aliados, pero non condicionar a nosa misión nin a nosa visión"

As empresas son parte desa sociedade coa que a universidade ten que estar en permanente contacto. Pero en ocasións unha excesiva proximidade pode levar a unha mercantilización excesiva da institución? Como acadar un equilibrio?

O tecido empresarial é fundamental para cumprir as tres funcións que expliquei antes. Teñen que participar na formación esixíndonos a maior calidade, tanto nos contidos como nas técnicas docentes de aprendizaxe. Teñen que participar tamén na investigación, porque ao final os resultados van ter un percorrido económico e por suposto, son as principais receptoras da transferencia. Na miña opinión, o mellor xeito de evitar iso que vostede denomina mercantilización é actuar con transparencia absoluta da colaboración entre as partes. Deben ser os nosos aliados, pero non condicionar a nosa misión nin a nosa visión. E para iso, as ferramentas que nos achega a transformación dixital son imprescindibles.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.