0 Gardados para despois

O 66% do profesorado da USC ten 50 anos ou máis

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O 57,7% do PDI das universidades galegas ten 50 anos ou máis, seis puntos por riba da media das universidades públicas españolas (51%). Hai dez anos a porcentaxe de maiores de 50 anos en Galicia era do 37%

As universidades galegas están entre as máis envellecidas do Estado. O 57,7% do seu Persoal Docente e Investigador ten 50 anos ou máis, seis puntos por riba da media das universidades públicas españolas (51%). Hai dez anos a porcentaxe de maiores de 50 anos en Galicia era do 37% Ademais, só o 11% dos/as profesores/as e investigadores/as teñen menos de 40 anos, unha porcentaxe que no conxunto de España crece ata o 16,6%. Unha década atrás a porcentaxe de menores de 40 anos en Galicia era do 24,7%, máis do dobre que agora.

Falando de persoas e non de porcentaxes, a realidade é que na última década o número de docentes e investigadores/as de menos de 40 anos nas tres universidades galegas reduciuse a menos da metade, de 1.276 a 574.

O número de docentes e investigadores/as de menos de 40 anos nas tres universidades galegas reduciuse a menos da metade, de 1.276 a 574

Desta situación ten unha gran parte da culpa a taxa de reposición do 10% (por lei só se podían cubrir con novas contratacións un 10% das xubilacións) aplicada durante anos e os recortes aplicados nas universidades e no financiamento da Xunta, que afectaron sobre todo ao capítulo de persoal, a convocatoria de novas prazas de profesorado e á dotación de proxectos de investigación. Isto bloqueou a estabilización de investigadores e investigadoras novas, que tiveron que buscar oportunidades laborais noutros territorios ou tentar estirar bolsas e outras fórmulas máis precarias. Ou directamente saír do espazo académico. 

Este luns 23 as universidades de Santiago de Compostela (USC) e Vigo (Uvigo) celebran eleccións ao Reitorado, nun momento no que as esixencias de recortes son menores e tamén se relaxaron algo as limitacións impostas á contratación de persoal. Semella, pois, un momento de "relanzamento" e "expansión" das universidades e así o asumen todos os candidatos -Juan Viaño e Antonio López na USC, Emilio Fernández e Manuel Reigosa na Uvigo) nos seus programas. Tamén nas entrevistas que nas últimas dúas semanas lles vimos realizando en Praza.

"Fixemos e seguiremos facendo os maiores esforzos para a captación e retención de talento. Na nosa proposta económica e estratéxica relacionada co persoal contemplamos mecanismos que garantan un maior número de posibilidades de cara á estabilización destes colectivos", aseguraba Juan Viaño. "Dende a USC hai que apostar pola estabilización das persoas que se atopan en situación interina e precaria", afirmaba Antonio López, que criticaba que "os recortes tanto de persoal como de investimento e de gastos de funcionamento teñen necesariamente un impacto negativo na calidade da docencia e de investigación e das outras actividades propias da Universidade". Emilio Fernández, pola súa banda, subliñaba que seguen a existir grandes obstáculos para incrementar o gasto en persoal: "Gustaríanos poder estabilizar a todas estas persoas, que teñen un talento moi importante e se atopan nunha situación de grande incerteza, pero teremos que facelo gradualmente, porque a nosa capacidade de contratación é dunhas 20 ou 25 prazas por ano, aproximadamente".

Na mesma entrevista Emilio Fernández poñía o foco en que "temos un problema importante na Universidade de Vigo e na universidade española en xeral, que é que estes anos que pasamos con taxas de reposición moi baixas, do 10%, provocaron que os cadros de persoal docente e tamén de PAS están a envellecer moito". "Isto, que sería grave en calquera administración, na universidade aínda o é moito máis, porque un profesor ou profesora non se forma en meses", engadía.

Regresando aos datos iniciais sobre a distribución por idades do profesorado e persoal investigador das tres universidades galegas, observamos que a situación é moito máis negativa na Universidade de Santiago que nas de Coruña e Vigo, o que en boa medida se explica pola fundación máis recente destas últimas, que naceron cun profesorado máis novo que a USC.

A UDC é a que presenta unha maior porcentaxe de profesorado e investigadores de menos de 40 anos, un 16%, fronte ao 11% da Uvigo e o 7% da USC

Na Universidade de Santiago, de feito, o 66% do Persoal Docente e Investigador ten 50 anos ou máis, isto é, dous de cada tres. As proporcións en Vigo e A Coruña, sendo elevadas, son moi inferiores (52% e 51%). A UDC é a que presenta unha maior porcentaxe de profesorado e investigadores de menos de 40 anos, un 16%, fronte ao 11% da UVigo e o 7% da USC.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.