O Laboratorio de Radon de Galicia, da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, vén de engadir 400 novas medicións en vivendas ao seu Mapa de Radon de Galicia, que suma xa máis de 3.800 medicións e espera superar as catro mil nos vindeiros meses.
O Laboratorio de Radon da USC leva realizadas case catro mil medicións en toda Galicia
Todas as medicións –efectuadas coa colaboración da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade– pódense consultar na web do Laboratorio e colocan Galicia como o territorio do Estado mellor analizado en canto á exposición a radon interior. Así, mentres o Mapa de España contén un total de 12.000, Galicia ten case un terzo do total. De feito, as provincias de A Coruña e Pontevedra teñen cada unha delas máis de mil, sendo os concellos con maior cantidade os de Vigo, con 255, e o de Santiago con 248.
As novas medicións confirman Ourense e Pontevedra como as provincias con maior concentracion de radon en interior, aínda que “existen diferenzas entre as concentracións no ámbito municipal”, destacan os profesores Juan M. Barros Dios e Alberto Ruano Raviña, responsables do Laboratorio. A exposición ao gas radon é, despois do consumo de tabaco, o segundo factor de risco do cancro de pulmón e o primeiro en persoas que nunca fumaron. Dadas as características xeolóxicas do seu solo (por exemplo a alta presenza de granito), Galicia é unha zona de elevada de exhalación de radon, que se fai máis manifesta no sur do país.
As medicións efectuadas na provincia de Ourense tiveron como resultado unha media de 146,55 becquerelios por metro cúbico de aire no interior, cun 36,6% das medicións por riba de 200 Bq/m3 e un 22,1% por riba de 300 Bq/m3. As medicións realizadas na provincia de Pontevedra tiveron como resultado unha media de 1127,85 Bq/m3 de aire no interior, cun 29,4% das medicións por riba de 200 Bq/m3 e un 15,5% por riba de 300 Bq/m3.
As comarcas de O Condado, O Morrazo, Baixa Limia, Viana e Terra de Trives son as que rexistran os valores máis elevados no interior de vivendas
Destacan os resultados de comarcas como O Condado (cunha media de 209,80 Bq/m3), O Morrazo (192,06), Baixa Limia (190,39), Viana (189,71), Terra de Trives (184,25), O Sar (178,72), Muros (176,06), A Paradanta (173,54), Verín (164,58). En canto ás sete cidades, cómpre salientar os datos de Ourense (149,45), Pontevedra (128,61), Vigo (115,79) e Compostela (95,73).
Nos últimos meses o sindicato CIG denunciou a resistencia da Xunta a medir o nivel de radon nos seus centros de traballo, lembrando que é obrigada a realización de medicións nos "lugares de traballo, subterráneos ou non subterráneos, en áreas identificadas polos seus valores elevados de radon", como é o caso de moitas zonas de Galicia. O pasado ano un equipo da USC atopou relación entre a exposición ao radon en Galicia e os tumores cerebrais, publicando un artigo na revista Scientific Reports.