Os avistamentos de baleas azuis que se produciron na costa galega a finais do verán e no outono do pasado ano non foron unha casualidade. Nos últimos días o BDRI (Bottlenose Dolphin Research Institute) rexistrou imaxes da presenza deste xigantesco animal en augas de Fisterra. Trátase dun exemplar novo, duns 18 metros de lonxitude (poden chegar a medir case 30), que se alimentaba en compañía doutras baleas de distintas especies. Esta nova descuberta confirma o regreso das baleas azuis a Galicia, despois de décadas de ausencia, e semella que comezan a empregar as augas galegas, próximas á costa, como un territorio frecuente de alimentación. "A costa galega é moi famosa polos fenómenos de afloramento de nutrintes, sempre foi coñecida pola súa riqueza e pola presenza de grandes baleas", comentan dende o BDRI.
Este instituto internacional de investigación con sede no Grove destaca que os avistamentos cada vez máis frecuentes poden indicar a recuperación das rotas de migración destes animais, que foran desaparecendo por mor da sobrepesca realizada no Atlántico durante séculos e que deixou a balea azul ao borde da extinción. Galicia constitúe un corredor natural nas migracións das baleas en época de apareamento, que nestas datas se trasladan dende as augas próximas a Islandia ou Noruega en dirección ás máis cálidas do norte de África. Sinalan que "é moi sorprendente ter a oportunidade de estudar aquí" estes animais, salientando "a importancia das augas galegas para a supervivencia destes xigantes do mar".
O 21 de outubro de 1985 foi o día que se cazou a derradeira balea en Galicia. En 1986 iniciouse unha moratoria (en 1966 para a balea azul) que só permite a súa caza con fins científicos. A moratoria iniciada hai máis de trinta anos podería estar facendo que o comportamento das baleas regresase á súa dinámica previa, incrementando tamén a súa poboación. "As moratorias da caza de baleas son moi recentes: trinta anos non son nada para estes animais, que superan os cen anos de vida. Pero xa estamos vendo noutros lugares como se está dando unha recuperación, grazas á fin da pesca da balea. E estas especies estanse desprazando a zonas ricas de alimento", subliñaba o pasado ano Bruno Díaz (BDRI), en conversa con Praza.