Moito se leva declarado, escrito e reflexionado sobre o uso de solucións informáticas baseadas en software libre no ámbito da Administración. Guías de boas prácticas, libros brancos e outros instrumentos semellantes adoitan ser presentados como o camiño para que as institucións oficiais vaian dirixindo os seus pasos cara aos programas de código aberto, apostando deste xeito polo desenvolvemento de ferramenteas libres que, ademais, adoitan ser sensiblemente máis rendibles dende o punto de vista económico. Non obstante, as declaracións de intencións apenas son mantidas cando se trata de realizar operacións de relevancia. O último protagonista dun episodio deste tipo é o Parlamento de Galicia, cuxa Presidencia vén de iniciar o procedemento administrativo para mercar oitenta e cinco ordenadores portátiles.
Hai apenas tres meses Facenda destinou 100.000 euros a mercar ordenadores para os que tamén requeriu Windows
Apenas tres meses despois de que, como adiantou Praza Pública, a Consellería de Facenda destinase 100.000 euros a mercar un cento de equipos para os que esixía sistema operativo privativo, o lexislativo galego disponse a realizar unha compra semellante. Neste caso os ordenadores inclúense nun contrato que tamén contempla adquisición de 85 impresoras e que chega aos 122.464 euros, prezo calculado pola Cámara aínda co 18% de IVE. Nesta cifra o Parlamento inclúe certas esixencias técnicas para os equipos, entre as que se inclúe a determinación de apostar de novo polo software privativo, nomeadamente polo produto estrela da multinacional estadounidense Microsoft.
Malia existir multitude de alternativas libres -a propia Xunta financiou, durante a etapa do bipartito, unha distribución de Linux- o Parlamento reclama das posibles empresas adxudicatarias que os portátiles traian instalado Windows 7 na súa versión profesional, esixencia á que se engaden outras máis xerais como un mínimo de 4 xigas de memoria RAM, unha cámara web integrada ou conectores para auriculares e micrófono. Ademais, a mención a Windows inclúese tamén no contrato das impresoras, que deben ter garantida a "compatibilidade" co sistema operativo de Microsoft.
Servizos asociados
Xunto aos requerimentos de software privativo o Parlamento inclúe no contrato unha serie de servizos asociados á compra dos portátiles, cuxo destino non se especifica pero que, atendendo a operacións anteriores, poderían ser os que se entreguen aos novos deputados e deputadas no inicio da nova lexislatura, tras as eleccións do 21 de outubro. Os equipos terán unha garantía de catro anos e, ademais, a empresa adxudicataria terá que garantir a posibilidade de responder a incidencias técnicas en trinta minutos "dende a notificación", sempre e cando o problema se produza de oito da mañá a oito da tarde, de luns a venres. Nun máximo de corenta e oito horas a incidencia debe ser resolta e, en caso contrario, "o adxudicatario deberá proceder á substitución do equipo por outro de similares características" ata que xa non exista a avaría.