Compostela converterase por dous días na capital mundial do software libre. Os vindeiros 18 e 19 de outubro a Asociación de empresas galegas de software libre (AGASOL) organiza a Libre Software World Conference na Cidade da Cultura. O obxectivo do evento é dar a coñecer casos de éxito baseados en software libre, dar conta das últimas novidades, e establecer un marco para a discusión e o encontro entre empresarios, usuarios e as propias administracións. Praza Pública será un dos medios oficiais da Conferencia e ofecerá unha completa cobertura durante toda a vindeira semana.
O encontro contará coa participación de Bruce Perens (co-fundador da Open Source Initiative), Jeremy Allison (Google Open Source programs Office/Samba Team), John Sullivan (director executivo da Free Software Foundation), Marco Lima (Director Executivo na Expert Solutions Consulting), Fernando Botelho, promotor do proxecto F123 do goberno de Brasil para a educación con software libre a persoas con discapacidades, Christian Felber, especialista en economía sustentable e alternativas aos mercados financeiros e creador do concepto de Economía do Ben Común, ou Júlio Cezar Neves, director do Servizo Federal de Procesamento de Datos (Serpro) do Goberno de Brasil. Falamos con Xavier Castaño, un dos fundadores de Igalia hai xa once anos e coorganizador das xornadas:
Ti tes unha perspectiva ampla. En que punto esta o Software Libre -SL- en Galicia en relación cos últimos anos e co seu entorno?
Dende o meu punto de vista en Galicia durante os últimos 5 anos o movemento do Software Libre vai crecendo, tanto a nivel empresarial, de administracións públicas como de uso por parte da cidadanía. Porén, gustaríme remarcar que o avance segue sendo lento. Aínda que a porcentaxe de uso de Software Libre por parte das institucións é moi alto, inda é raro ver empresas ou institucións que fixesen migracións completas a Software Libre.
"Calquera empresa galega pode acceder a coñecemento que de outro xeito non podería acceder, podendo competir a nivel internacional con calquera outra empresa do planeta"
Que vantaxes especificas ten para Galicia o software libre?
Pois dependendo do punto de vista co que se mire, hai distintas vantaxes. Dende o punto de vista de Galicia como usuaria. Galicia non é unha rexión rica, e como tal, o acceso á tecnoloxía propietaria é moito máis complexo. En cambio o Software Libre non establece esas barreiras de acceso. Cabe destacar tamén a importancia da liberdade do usuario. Evitar o secuestro tecnolóxico, de modo que as multinacionais consigan que a marca do seu software sexa a maioritariamente utilizada a base de que os usuarios só aprendan a utilizar o seu sistema é algo que co Software Libre se pode evitar.
Dende o punto de vista de Galicia como produtora. A filosofía do Software Libre é global, con traballo en comunidades baseadas na meritocracia. En consecuencia, calquera empresa galega pode acceder a coñecemento que de outro xeito non podería acceder, podendo competir a nivel internacional con calquera outra empresa do planeta. O Software Libre é unha vía moi importante de internacionalización.
"Pensando no ben común, unha Administración Pública debería non só implantar Software Libre senón desenvolvelo devolvéndolle á sociedade todo o que paga en impostos"
A administración autonómica fai todo o que podería para potenciar as novas industrias do coñecemento e da tecnoloxía?
Dende hai uns anos a administración deuse conta de que non pode esquecerse do Software Libre, en consecuencia todas as administracións, de algún xeito ou outro están elixindo o uso de ferramentas libres para certas problemáticas. Sen embargo, eu creo que non é suficiente. Pensando no ben común, unha Administración Pública debería non só implantar Software Libre senón desenvolvelo devolvéndolle á sociedade todo o que paga en impostos.
Como lle está afectando ao SL a crise? Pode ser a crise unha oportunidade neste senso para que empresas, particulares e administracións aposten por el?
Eu sempre defendo que o Software Libre non é unha cuestión de prezo, pero non podemos ser inxenuos pensando que as administracións públicas están aproveitando a falta de diñeiro para implantar solucións de Software Libre para resolver problemáticas comúns, como as suites ofimáticas, bases de datos, etc. Agora ben, eu creo que non pensar máis en global é un erro estratéxico como país. Eu abstraeríame da crise como tal e pensaría máis no modelo país que queremos, un modelo con tecido empresarial -peme- competitivo, con acceso á tecnoloxía de última xeración, libre e competindo en mercados globais. En cambio, falamos de que o modelo que se impón é de consultora grande que dá traballo de medio ou baixa calidade e que evidentemente implanta Software Libre nas administracións públicas porque esta está en crise. Eu afondizaría máis nesta problemática.
"A introdución do Software Libre é unha prioridade sempre, e con máis razón na educación, de modo que se evite o secuestro tecnolóxico dos nenos"
A introdución do SL no ensino seria unha prioridade nestes momentos?
Creo que Galicia, neste senso está aprendendo a lección e leva varios anos apostando por Software Libre na Educación. Abalar é un exemplo, Agasol leva colaborado dous anos no proxecto. Eu creo que a introdución do Software Libre é unha prioridade sempre, e con máis razón na educación, de modo que se evite o secuestro tecnolóxico dos nenos de xeito que poidan coñecer as alternativas ós sistemas privativos.
Escoitamos falar de SLe ás veces parece que é un debate puramente tecnolóxico, pero nestas xornadas introducides elementos de fondo como a economía do ben común ou a banca ética ligada a ela. Como enmarcas o SL neste contexto?
Para entender o Software Libre, é necesario entender dous aspectos moi concretos do software, basicamente como se fai. Pero é importante destacar que máis alá diso o concepto libre vai moito máis aló do que é a tecnoloxía. É falar da liberdade do usuario. Diría máis, derivado das liberdades de uso, modificación, distribución, estudio e mellora do software, creáronse as filosofías de comunidade, que afondan no aspecto colaborativo á vez que competitivo da economía. Un modelo económico de basearse en producir algo en colaboración para competir. Nun modelo privativo, non verás a Apple e Google colaborar nun proxecto para despois competir cos seus navegadores. Isto está pasando nun proxecto de Software Libre como é o seu motor de navegador.
"O software libre vai moito máis aló do que é a tecnoloxía. É falar da liberdade do usuario"
En consecuencia, se xuntamos o comentado en preguntas anteriores, como é a eliminación das barreiras tecnolóxicas, o fomento da colaboración, reutilización e competición, mellorar a eficiencia da inversión, etc. Ao final estamos falando de un modelo económico máis ético. Por esta razón, existen lazos comúns entre o Software Libre e a economía máis social e ética. De aí, que nesta conferencia como é a Libre Software World Conference teñamos un track especial sobre economía social.
En que medida o open data é unha oportunidade sobre todo para pequenas empresas e mais aínda nun espazo periférico como Galicia?
Open Data utiliza a filosofía do Software Libre para os datos. A oportunidade parte de, por un lado, de algún modo utilizar estándares de formatos de datos, e por outro lado permitir o seu acceso ó público. Isto permitirá sacarlle partido a datos que en outros casos estarían perdidos e diseminados de modo que non serían útiles. Neste senso é importante tamén estudar o por que dos resultados de infrautilización de datos abertos en gobernos que son pioneiros neste senso, para non cometer os mesmos erros.
"Ao final estamos falando de un modelo económico máis ético. Por esta razón, existen lazos comúns entre o Software Libre e a economía máis social e ética"
Igalia celebrou o pasado ano a súa primeira década. Que retos inmediatos tedes?
É certo que levamos 10 anos, sen embargo, este undécimo ano é un pouco unha renovación tecnolóxica da empresa coincidindo cos cambios tan importantes que se produciron no sector das plataformas móbiles. Sendo Igalia que se posicionou nos últimos cinco anos como empresa Gnome, Maemo e Meego, e desaparecendo practicamente as dúas últimas plataformas, Igalia afronta o reto de consolidarse en novas áreas como é a dos navegadores, a través de Webkit, compiladores, núcleo de Linux ou accesibilidade. Non en van, somos a primeira consultora de Software Libre en aportacións a Webkit no ano 2011. Un reto que consideramos apaixonante e que nos permitirá consolidar a nosa aposta pola internacionalización da empresa.