O pasado 24 de xullo presentábanse en Compostela as primeiras 93 webs con dominio .gal, as denominadas pioneiras. Eran as primeiras de moitas, abrían un camiño que, seguindo os prazos previstos pola ICANN, tería que percorrer varias fases e procesos. Entre elas as que nos vindeiros días se van abrir: Abrente (sunrise) e Carreira (landrush). Será en decembro cando chegue a derradeira fase, a fase aberta, na que calquera poderá rexistrar un enderezo de forma inmediata. Este martes os responsables da Asociación Puntogal ofrecerán na Coruña, na sede da Real Academia Galega, os detalles destes procesos, nun acto no que intervirán Manuel González, presidente da asociación, Edita de Lorenzo Rodríguez, directora xeral, e Xesús Alonso Montero, presidente da RAG.
A fase Abrente ten como obxectivo "protexer dominios de interese público", pois nela "entidades públicas e privadas poderán exercer o dereito preferente de solicitar o seu dominio", que lles corresponde por tratarse de marcas rexistradas. Pola súa banda, a fase Carreira é aberta e nela o público xeral poderá acceder aos "enderezos que non teñan dereitos preferentes", poxando "por direccións especialmente atractivas". En decembro será a quenda para a fase aberta, "na que todo o público poderá acceder ao dominio sen restricións".
Na web Dominio.gal ofrecerase toda a información para poder realizar os rexistros e tamén as condicións que debe cumprir unha páxina para poder epmregar o dominio .gal. Os sitios web co .gal deben ter un contido mínimo significativo en lingua galega, aínda que se mostre tamén noutros idiomas. En caso de que non mostre contido en galego, deberán ser contidos relacionados coa cultura galega ou servizos en liña especificamente dirixidos á comunidade galega e que favorezan o seu desenvolvemento. Así o obriga a candidatura do .gal aprobada por ICANN.