0 Gardados para despois

Android en galego: o activismo a prol da lingua impresiona a Google

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


No medio de continuas malas noticias e pésimos agoiros para o galego, a tecnoloxía segue a traer boas novas para a lingua propia. E non precisamente polo esforzo das administracións, senón da sociedade civil, organizada e activa. Logo de pouco máis dun ano de campaña e loita, "hoxe podemos celebrar que por fin temos Android en galego".

A campaña #Androidengalego acada o seu obxectivo un ano e doce días despois de que se iniciase

Así o anunciaba este mércores Mallando no Android, colectivo (e blog) do que partiu a iniciativa que loita por que se inclúa neste sistema operativo -que domina o mercado dos dispositivos móbiles (smartphones e tabletas) cun 90% do total en Galicia- a lingua propia. Acadouno un ano e doce días despois de que nacese -aquel 3 de outubro de 2013- a inciativa #AndroidEnGalego, unha campaña que contou coa colaboración de diversas empresas e entidades públicas e privadas.

Desde Mallando no Android recolleron milleiros de sinaturas de petición que acabaron enviando a Android, reuníronse con Google nunha xuntanza na que a compañia confirmou o seu interese na iniciativa que chegaba desde Galicia pero na que non dera datas concretas e, polo camiño, lograron habilitar o Gmail no idioma propio, dando así "resposta a unha demanda histórica da sociedade galega". E agora, conseguiron este primeiro e ambicioso obxectivo: xa hai Android en Galego.

Google traduce agora ao galego a base do sistema operativo, polo que todos os trebellos android terán o idioma preinstalado, sen importar cal sexa a marca

Pero que supón isto, tendo en conta que xa hai marcas que ofrecen o galego nos seus trebellos? "O que supón é que agora Google traduce a base do sistema operativo, o que distribúe aos fabricantes para que logo metan nos seus aparellos. Independentemente da marca, imos ter o android en galego preinstalado", explica Iago Varela, editor de Mallando e un dos grandes impulsores da iniciativa. "Deste xeito, os provedores de aplicacións terán máis facil facer as aplicacións en galego porque será un idioma que xa detecte o sistema por defecto. Até o de agora, o que pasaba era que se unha persoa quería as aplicacións en galego, tiña que ir variando os menús e ir entrando en cada unha das aplicacións para cambiar o idioma", explica a Praza.

A inclusión da nosa lingua chega, xa que logo, coa recente presentada nova versión de Android, Android 5.0 Lollipop, polo que está dispoñíbel desde o primeiro momento nos trebellos Nexus (Nexus 6, Nexus 9), os dispositivos que comercializa Google. Ademais, a partir de agora, segundo vaia chegando a actualización desta nova versión aos diferentes terminais doutros fabricantes, a listaxe con soporte nativo de galego irase incrementando, polo que "é cuestión de meses que todas e todos teñamos esta posibilidade nos nosos smartphones e tablets".

O galego inclúese entre as 68 linguas que o xigante Google traduce directamente

O conseguido non ten a relevancia que requiriría. O galego inclúese agora entre as 68 linguas que o xigante Google traduce directamente e todo grazas a iniciativas como Mallando no Android e ao activismo que na Rede levaron a cabo milleiros de galegos, como cando se logrou nun tempo récord a tradución do Twitter. "É algo moi importante". E a multinacional sabía (e sabe) desa arela colectiva. "Na xuntanza que mantivemos con eles xa nos advertiron que sabían que tiñamos unha comunidade moi activa a prol do galego e que había moito interese en axudarnos; explicámoslles o caso de Twitter, pero eles xa nos dixeron que eran conscientes do afán que tiñamos os galegos por normalizar o noso idioma na Rede e no ámbito tecnolóxico e por iso a nosa lingua está entre as mellores consideradas para traducir", engade Iago Varela, un dos que se reuniu coa empresa.

"Google xa era consciente do afán dos galegos por normalizar o noso idioma no ámbito tecnolóxico e na Rede"

O devezo e a defensa do galego que se dá na Internet contrasta cos datos que amosan unha constante caída do uso do idioma, sobre todo entre os máis novos. "O caso é curioso", recoñece Varela, que lembra tamén como o responsable de traducións de Tuenti lle contaba a importancia da nosa lingua e o cambio ao galego que deran moitos adolescentes nesta rede social cando foi dispoñible, a pesar de que moitos deles nin tan sequera eran galegofalantes habituais. "Contrasta moito co que se ve na rúa porque nas novas tecnoloxías parece que sempre temos ese cariño á lingua, coma se nos parecese máis riquiño neste ámbito", reflexiona. "Hai máis cariño e afecto que uso", engade quen lembra que a presenza do idioma propio na Internet é moi importante, situándose entre os 26 máis empregados no Twitter.

"O galego non só vende, senón que é marca de calidade", reivindica Iago Varela

Para Iago Varela, esta situación demostra ademais -ao contrario que os prexuízos que moitos seguen mantendo- que o galego vende. "Non é só que venda, senón que é unha marca de calidade; hai empresas que fan do galego o seu sinal de identidade e non lles vai nada mal", asegura

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.