Introducir as mulleres nas TIC: Como facelo?

Capa da guía, dirixida aos centros de ensino, para promover a introdución das mulleres nas TIC © ICT-Go-Girls!

O proxecto europeo ICT-Go-Girls!, dirixido polo CESGA en colaboración coa USC e institucións doutros cinco países, busca promover entre as estudantes de ensino secundario o estudo de carreiras cientifico-técnicas, animando o seu empoderamento, capacidade de emprendemento e liderado, e loitando contra a minoritaria presenza de mulleres nas facultades de Informática ou nos departamentos de tecnoloxía das empresas. O proxecto celebrou a súa Conferencia Final o pasado 15 de outubro en Amberes (Bélxica).

Alí presentou as súas conclusións e, ademais, unha guía para axudar os mestres e mestras a orientar as rapazas e facilitar o seu achegamento aos estudos técnicos e científicos. María José Rodríguez Malmierca, coordinadora do proxecto, destacaba en entrevista con Praza hai unhas semanas que nalgúns ámbitos o problema non está en que as mulleres "non estuden ciencias ou carreiras científicas e técnicas", senón en que "despois non destacan nelas, ocupan un papel secundario". "E estas cuestións hai que abordalas xusto cando se inicia secundaria, dependendo do país en Europa, entre os 11 e os 14 anos", engadía. Tan só un dato: dende que en 1963 Maria Goeppert Mayer obtivo o Premio Nobel de Física ningunha outra muller recibiu este recoñecemento (que previamente só tivo Marie Curie). 

O manual subliña que "a sensibilización acerca das profesións relacionadas coas TIC e o emprendemento é un paso fundamental para promover o emprego feminino" e lembra que "os traballos relacionados co sector TIC volveranse cada vez máis importantes no futuro". Tamén destaca que "as rapazas poden aprender moi cedo a maneira de avaliar as súas fortalezas e habilidades tecnolóxicas e a buscar información, comunicarse e negociar coas persoas desde un posicionamento de liderado". O texto é tan só un instrumento máis, recoñecendo que se "necesitan iniciativas máis fondas e sostida no tempo para acadar un público máis amplo nas escolas europeas e influír para integrar real e eficazmente as TIC no currículo e facilitar o proceso de toma de decisión das mozas".

 

A situación actual

O texto é tan só un instrumento máis, recoñecendo que se "necesitan iniciativas máis fondas e sostida no tempo para acadar un público máis amplo nas escolas europeas e influír para integrar real e eficazmente as TIC no currículo

A guía parte da situación actual, na que atopamos certos indicadores moi negativos. Segundo datos de 2013, de cada 1.000 graduadas en Europa, sólo 29 mulleres teñen un título relacionado coas TIC, fronte a 95 homes. De igual maneira, a pesar de que as mulleres ocupan máis do 60 por cento dos empregos relacionados coas TIC nos países da OCDE, só entre o 10 e o 20 por cento son programadoras, enxeñeiras, analistas de sistemas ou deseñadoras. A maioría das mulleres neste sector traballan en postos de secretaría, procesamento de textos ou de entrada de datos, é dicir, postos que requiren habilidades de baixo nivel ou de formación técnica limitadas.

En Galicia os datos son aínda máis negativos: Dúas de cada tres persoas empregadas nas empresas TIC de Galicia son homes (62,5%). A realidade é moito peor no que respecta aos postos directivos: a porcentaxe de empresas que conta con mulleres na súa dirección é de só o 18%. Esta fenda esténdese cara á universidade e as carreiras tecnolóxicas, onde apenas unha de cada cinco licenciadas é muller, unha realidade que lonxe de mudar cara a unha progresiva igualdade, semella estancarse e nalgúns casos mesmo dar pasos atrás.

Nas carreiras tecnolóxicas apenas unha de cada cinco licenciadas é muller, unha realidade que lonxe de mudar cara a unha progresiva igualdade, semella estancarse e nalgúns casos mesmo dar pasos atrás

Unha información difundida recentemente pola emisora estadounidense NPR afondaba nesta cuestión, lembrando que a porcentaxe de mulleres que estudaban informática crecera entre os anos 60 e 80 en paralelo coa proporción das que estudaban Dereito, Medicina ou Física, até rozar o 35% do total, pero que a partir de mediados dos 80 comezou a descender, até ficar por debaixo do 20% (mentres nas restantes carreiras o crecemento se mantivo). O artigo especula con que a razón estivo en que no momento en que os ordenadores se converteron nun obxecto usual nos fogares, durante anos foron identificados cun instrumento de uso masculino, sobre todo nos aspectos relacionados cos videoxogos.

 

As razóns da fenda de xénero

A guía reflexiona sobre as razóns que poden explicar esta fenda de xénero nos estudos e nas profesións técnico-científicas

A guía reflexiona sobre as razóns que poden explicar esta fenda de xénero nos estudos e nas profesións técnico-científicas. Algo sobre o que tamén afondou recentemente este artigo do Caderno de Cultura Científica. A falta dunha información axeitada, a percepción de que os estudos científico-técnicos non teñen unha relación directa co mundo real, o impacto das primeras experiencias lúdicas cos ordenadores ou a idea dunha excesiva dificultade (engadida para as mulleres a outros obstáculos ou á falta de confianza) estarían entre os motivos.

Para superar esta fenda, o manual ofrece unha serie de metodoloxías que os expertos xulgan máis eficaces para empoderar as estudantes e dotalas de confianza e capacidade de emprendemento. Tamén suxire un amplo conxunto de ferramentas e programas informáticos para iniciarse no deseño web ou a programación informática. A guía tamén insta a "utilizar unha linguaxe de xénero e evitar os estereotipos, especialmente nestes casos, cando se trata de sectores cunha fenda de xénero e estereotipos fondamente arraigados".

Presentación das conclusións do proxecto ICT-Go Girls! © ICT-Go-Girls!
Capa da guía, dirixida aos centros de ensino, para promover a introdución das mulleres nas TIC © ICT-Go-Girls!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.