O Ministerio proporá corrixir a marxinación do galego na produción científica

Unha das bibliotecas da UDC © Universidade da Coruña

O Ministerio de Educación comprométese a estudar no vindeiro mes de xuño a variación dos criterios de avaliación da actividade investigadora no relativo ao uso das linguas cooficiais en publicacións científicas. Responde así á petición presentada pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística das tres universidades galegas, que achegou ao Goberno central un estudo sobre o emprego do idioma propio como lingua cientíica no ámbito universitario.

O Ministerio comprométese a tratar en xuño a variación dos cretiros de avaliación das achegas investigadoras no relativo ao uso do galego

O documento coordinado pola profesora Alba Nogueira -Investigación e lingua. Proposta para a mellora da presenza do galego na actividade científica- concluíu que a presenza do galego era escasa en todos os planos da actividade investigadora e académica, en boa medida porque os indicadores internacionais de avaliación favorecen a publicación en inglés e marxinan as linguas cooficiais. 

Tomando como punto de partida as conclusións deste estudo, a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística acordou remitirlle ao Ministerio de Educación dous documentos para potenciar o uso e o recoñecemento dos idiomas cooficiais nas publicacións científicas, dúas propostas que foron asinadas o pasado decembro polo reitores das tres universidades galegas, Juan Viaño, Xosé Luís Armesto e Salustiano Mato.

Tratábase, en primeiro lugar, dunha proposta conxunta para a modificación dos criterios de avaliación da actividade investigadora no relativo ao uso das linguas cooficiais en publicacións científicas. De lograr unha avaliación das contribucións redactadas nas linguas cooficiais equiparables á de calquera outra contribución e centrada na súa calidade científica, con independencia da lingua en que estea escrita. Actualmente, os sistemas de indexación internacional de publicacións teñen cada vez máis en conta o emprego do inglés como lingua asociada ás revistas de maior prestixio e difusión. Con esta iniciativa, preténdese evitar que as contribucións científicas non redactadas en español nin en linguas internacionais do coñecemento científico sexan invisibles nos procesos de avaliación da actividade investigadora.

O estudo conlúe que a regulación da avaliación da actividade investigadora non favorece a produción científica en galego

O estudo conclúe tamén que o procedemento regulatorio para a avaliación da actividade investigadora sobre retribucións do profesorado universitario e as demais normativas de desenvolvemento non favorecen especialmente as producións científicas en linguas cooficiais, polo que solicitaba que en futuras convocatorias de avaliación de tramos de investigación e sexenios se inclúa unha cláusula como criterio común de avaliación para todos os campos científicos 

Ela pedía que "a contribución ao avance do coñecemento daquelas achegas científicas que fosen redactadas en linguas cooficiais ou publicadas en revistas de ámbito autonómico" sexa "obxecto dunha avaliación específica, sen que en caso ningún poidan ser avaliadas negativamente polo feito de non terse incorporado a índices do impacto nacional ou internacional"

Máis de tres meses despois de que a Secretaría Xeral de Universidades recibira a petición, Jorge Sainz, director xeral de Política Universitaria do Goberno central, contesta por carta aos reitores galegos de que será o pleno da Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora quen na súa vindeira xuntanza, en xuño de 2015, decidirá sobre a demanda. "Será nese momento cando se lle proporá ao pleno, para o seu debate, a posibilidade de incluír ese criterio de avaliación, común para todos os campos científicos como o indicado". 

 

Dificultades engadidas para a investigación en galego

O informe presentado o pasado mes de xuño sinalaba que "o peso do inglés é abafante e tende a medrar debido a que as decisións de política científica en relación coas avaliacións (acreditacións, sexenios) só de forma moi residual se apartan do SCI ou o Journal Citation Reports (JCR) como parámetros de indexación", polo que a dificultade de someter a avaliación traballos científicos realizados en galego, catalán ou éuscaro "revélase dobremente complexo".

Entre as propostas que realizaba o informe para reverter a situación destacaban a introdución de incentivos retributivos polo uso da lingua, que se pode converter nun "estímulo eficaz" para acompañar os plans de normalización nas universidades, sobre todo nun momento de recortes salariais. Tamén se propoñía que o uso do galego nas aulas sexa unha das variables do financiamento por obxectivos das universidades.

Entre as propostas que realizaba o informe para reverter a situación destacaban a introdución de incentivos polo uso da lingua

Igualmente, propoñíase apoiar a tradución ou publicación de monografías científicas en galego, apostando por que a Xunta apoiase economicamente "un grupo seleccionado de publicacións que usen o galego". O documento pechábase lembrando que "a divulgación do coñecemento científico na sociedade, especialmente dirixido a escolares, é tamén un xeito de asociar o galego a rexistros de prestixio".

Evolución dos usos lingüísticos nas teses © Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística
Unha das bibliotecas da UDC © Universidade da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.