#InLugo15: Internet vista dende a Muralla

Un intre do #InLugo do 2014 CC-BY-SA Deputación de Lugo

Por terceiro ano consecutivo, Internet terá unha ollada dende Lugo. A Deputación lucense lanzou este venres o #InLugo15, a terceira edición do congreso de cultura dixital e redes sociais que desta volta se celebrará entre o 8 e o 9 de maio no Pazo de San Marcos, sede da institución, e que volverá centrar o seu obxectivo en "fomentar o uso da rede e das novas tecnoloxías entre todos os sectores da poboación", así como "reflexionar sobre o papel" das ferramentas tecnolóxicas e da rede "na sociedade actual".

O vindeiro 21 de abril abrirase a inscrición para ocupar as 200 prazas de balde -o pasado ano esgotáronse nunha hora- dun evento que, en verbas da vicepresidenta do ente provincial lucense, Lara Méndez, pretende ser un "encontro tecnolóxico" que actúe tamén como "escaparate de excepción para a promoción económica e turística da provincia de Lugo e de Galicia". Así, destacan dende a organización, o #InLugo logrou nas súas anteriores edicións ter unha notable repercusión nas redes sociais, o que supón "unha gran proxección da provincia e do talento lucense", afirman.

As inscricións para o #InLugo15 ábrense este 21 de abril

O programa de relatorios e debates inclúe este ano persoas expertas nos "cambios de hábitos, mentalidades, formas de comunicación e estilos de vida que está provocando Internet na sociedade nos nosos días" procedentes de ámbitos como a seguridade xurídica, o dereito, o márketing ou o xornalismo. Do ámbito dos medios procede, precisamente, un dos cabezas de cartel desta edición, Ignacio Escolar, director de Eldiario.es, xornal co que colabora Praza Pública, quen abordará "os desafíos que afrontan os medios nun panorama de comunicación completamente novo". Asemade, outro dos relatorios será o de David Lombao, director de Praza.gal.

Os directores de Eldiario.es e Praza.gal participan como relatores no congreso, que desta volta se celebra o 8 e 9 de maio

O director de social media da cadea hoteleira NH Group, Juan Andrés Milleiro, o deportista e blogueiro Víctor Tasende ou o redactor xefe de Rtve.es, David Varona, serán outros dos nomes que figurarán na nómina de case unha trintena de relatores que se farán públicos nos vindeiros días. Ademais destas intervencións o #InLugo15 acollerá presentacións de "empresas, iniciativas e proxectos relacionados coa rede" e ligados á provincia de Lugo e que "triunfan grazas aos medios sociais", caso por exemplo da artesá Idoia Cuesta, recente Premio Nacional de Artesanía. O peche do congreso será de novo a entrega dos Premios InLugo nas categorías de Comercio, Ocio e Restauración; Educación e Formación; Cultura e Acción Social; e Tecnoloxía, cuxas candidaturas están abertas ata o vindeiro 23 de abril.

Méndez (dereita), na presentación do #InLugo15 © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.