Tras un mes de xullo inestable no meteorolóxico, con presenza de chuvias e, nalgunhas xornadas, con temperaturas baixas para o verán, agosto comeza coa primeira gran vaga de calor do ano. Isto é, vaise dar o que Meteogalicia define como "unha certa persistencia de temperaturas extremas durante varios días combinados con noites tropicais", con temperaturas mínimas superiores aos 20 graos e máximas que superarán os 40. As predicións apuntan a que entre o xoves e o domingo gran parte do país superará amplamente os 35 graos e, no caso dalgunhas comarcas da provincia de Ourense, o termómetro subirá alén dos 40.
A vaga de calor subirá os termómetros alén dos 40 graos en moitas comarcas do país e só A Mariña manterá niveis suaves
Só A Mariña, especialmente a Oriental, manterá niveis suaves de temperatura estival -roldará os 25- nunhas xornadas que son tamén o pórtico das semanas nas que adoitan concentrarse o maior número de incendios forestais de todo o ano. Así o reflicten os datos acumulados no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), que sinala a trixésima ou trixésimo primeira semana do ano -na que nos atopamos neste inicio de agosto- como inico dunha curva ascendente que acada o seu cumio a finais de mes, cunha media de ata 200 incendios forestais na última década. A cifra é, non obstante, moi inferior á media do período 1998-2007, cando nestas datas se superaban, de media, os 600 incendios.
A combinación das altas temperaturas co prognóstico de vento do nordés disparou xa o Índice de Risco Diario de Incendios
A combinación destas altas temperaturas co prognóstico de vento do nordés disparou xa o risco diario de incendios (IRDI), un índice que se actualiza diariamente tendo en conta a situación meteorolóxica e o estado dos montes. Este mércores xa era alto en bo aparte do interior de Lugo e da provincia de Ourense e moi alto ou extremo en varias comarcas ourensás e no Baixo Miño. Os modelos de predición indica que durante a vaga de calor o risco extremo espallarase por boa parte de Galicia, novamente coa Mariña como excepción.
O dispositivo de prevención e extinción de incendios deberá prestar durante esta vaga de calor aos concello que, segundo o Pladiga son consideradas zonas de alto risco de sufrir os efectos do lume. Son a maioría dos municipios do país, un total de 194 dos 313. Esta vaga chega apenas 48 horas despois de que o Parlamento aprobase, cos votos a prol de PP e PSdeG e a abstención de En Marea e BNG, as conclusións da comisión de estudo sobre os incendios forestais, especialmente centrada nos que padeceu Galicia en outubro de 2017, con 50.000 hectáreas ardidas en apenas dous días. Este documento inclúe un cento de propostas que os grupos resumen na aposta de atallar as "causas estruturas dos incendios" como "mecanismo de dinamización dun medio rural vivo, dinámico e sustentable.
Diante destas circunstancias a Xunta decidiu activar a alerta meteorolóxica de nivel laranxa dende o xoves na provincia de Ourense e o venres, no resto do país. A Consellería de Sanidade reitera os habituais consellos ante vagas de calor, como prestar atención á infancia e á poboación anciá, beber máis líquido do habitual aínda que non se teña sensación de sede ou evitar a exposición ao sol nas horas de máis calor. Do mesmo xeito, recomenda evitar as horas do mediodía e as primeiras da tarde para tomar o sol e facelo sempre dende 30 minutos despois de aplicar protector solar cun factor non inferior a 15.