'Sitio Distinto': a emigración galega en Euskadi e a súa pegada cultural

Un momento da gravación de 'Sitio Distinto' © Sitio Distinto

Hai máis dunha década, Davide Cabaleiro foi dar co barrio bilbaíno de Masustegi durante unha viaxe de lecer a Euskadi. Entre casas de arquitectura popular, pequenas rúas e leiras, puido ver na televisión dun bar un partido do Liceo de hóquei, beber unha Estrella Galicia e escoitar falar en galego. Alí e daquela comezou a cavilar sobre unha idea que agora, xa como residente no País Vasco, colle forma a través do filme documental Sitio Distinto. Unha historia entre dous pobos, proxecto aínda en elaboración que conta a historia da emigración galega naquela terra no último século e a estreita relación xerada entre as dúas culturas. 

'Sitio Distinto' conta a historia da emigración galega a Euskadi e afonda na relación entre ambas culturas e na pegada aló da idiosincrasia galega

O director e produtor do filme achara naquela visita casual a Masustegi, barrio agora céntrico, unha especie de Galicia en miniatura. E descubrira como familias galegas inmigrantes aproveitaran nos anos 50 un baleiro legal do franquismo (que impedía a derruba de toda construción iniciada con polo menos tres paredes e un teito) para construír o seu peculiar espazo vital. "Aproveitaban a noite para, entre todos, iniciar a construción das súas vivendas; ao día seguinte, ao chegar a Garda Civil, o tellado estaba feito e xa non se podía facer nada", conta. Os terreos, mercados antes a un industrial mineiro, xa eran seus. E o minifundismo espallouse tamén nesta curiosa localización que reproduce mesmo as construcións típicas do país. 

Masustegi é un dos barrios con forte presenza galega que serve como base dun documental que estará listo a finais de ano e percorre os vínculos, máis aló de tópicos, entre Euskadi e Galicia. Como as localidades de Sestao, Barakaldo, Eibar, Ermua e Ondarroa. Ou Trintxerpe, barrio construído en Pasaia para acoller os mariñeiros galegos que aló foron traballar e que conta cunha das primeiras rúas que se lle dedicou no mundo a Castelao. 

A fita viaxa entre Euskadi e Galicia, entre gaitas e acordeóns, entre ambas literaturas e costumes. E conta co testemuño de galegos afincados no País Vasco ou con forte relación con el, así como de vascos vinculados á cultura galega. Un dos protagonistas, e que tamén serviu como inspiración para o documental, é Isaac Xubín,  creador do primeiro dicionario galego-euskera , tradutor e premio 2015 de tradución do Etxepare Euskal Institutoa por Tempo de exilio, de Joseba Sarrionandia. Tamén aparecen Antón Reixa, Xurxo Souto, o bertsolari Xabier Amuriza ou o produtor musical Kaki Arkarazo, entre outros moitos. 

Xurxo Souto, Antón Reixa, Xabier Amuriza ou Kaki Arkarazon son algúns dos protagonistas que ofrecen o seu testemuño

"Entre os dous pobos sempre houbo un gran contacto entre artistas e creouse unha rede de tecido cultural moi interesante", lembra Cabaleiro, que leva anos vivindo en Euskadi e manexa o éuscaro coma se fose natural de Zarautz ou Hondarribia. O obxectivo tamén do filme é "traspasar o tópico", ese equivocado -como tantos- "e difundido por certos poderes fácticos" que vincula os galegos de Euskadi unicamente co polbo, a empanada, as gaitas ou a Garda Civil. E, mentres explica, traslada anécdotas de galegos falando entre eles en vasco sen decatarse da orixe común das súas familias ou de caseríos onde a linaxe orgullosa de carteis en forma de apelidos ten máis Suárez e Castro que Goikoetxea ou Landaluze. 

"Entre os dous pobos sempre houbo un gran contacto entre artistas e creouse unha rede de tecido cultural moi interesante"

O documental serve para facer un percorrido histórico da emigración e destacar a "realidade cultural propia galega" creada en Euskadi durante os máis de 120 anos que dura xa a emigración do Atlántico ao Cantábrico. E para "prestixiar o idioma", unha lingua que é a terceira máis falada no País Vasco tras o castelán e o éuscaro.

En Euskadi hai, na actualidade, algo máis de 50.000 galegos de orixe dun total de máis de 100.000 persoas emigradas nas últimas décadas. Para Cabaleiro, "e sen ningún ánimo de ofender", unha proba evidente da forte realidade cultural galega creada no País Vasco e da súa importancia e pegada resúmese nunha comparación. "Tan só en Gipuzkoa hai máis de 50.000 estremeños". Pero a idiosincrasia propia non chegou ao nivel dun pobo que se ve tamén nos nomes das rúas, en moreas de centros, en asociacións culturais, en programas de radio, na lingua mantida ou no contacto intenso coa terra que os acolleu. "A pegada cultural que deixou a cultura galega foi moito máis grande do que podería ser polo número de galegos, xa desde hai moito tempo, desde a nai de Manuel Murguía, natural de Oiartzun, até agora", explica o director e produtor. 

O galego é a terceira lingua máis falada en Euskadi, onde se creou unha "realidade cultural propia galega"

Cabaleiro amósase moi satisfeito coa acollida que están a ter as presentacións do documental, tanto en Galicia como en Euskadi, así como co interese amosado por institucións e diferentes entidades. Prevese que sexa lanzado en festivais de documentais e que a ampla rede de asociacións e centros culturais da emigración galega sirva tamén para difundilo. Será un percorrido polo Sitio Distinto, o que atopaban os galegos que alí chegaban e o que os vascos achaban ao introducirse en Trintxerpe ou Masustegi, onde a lingua, os costumes e a cultura eran -e aínda son- algo diferentes. Pero cada vez máis e mellor esturadas. 

Cartel do documental © Sitio Distinto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.