0 Gardados para despois

10 libros para lembrar a Agustín Fernández Paz

Redacción | @prazapublica

Agustín Fernández Paz deixounos o seu sorriso e a súa bonhomía, e tamén ducias e ducias de libros, milleiros de páxinas e de historias nas que nos perder e atopar, coas que nos emocionar e aprender. Estas 9+1 son só unha pequena peneira, podían ser outras completamente distintas e abofé que ían ser igual de boas. 

Non hai noite tan longa (Xerais, 2011)

Gabriel Lamas ten cincuenta anos e vive en París desde 1970. Aos dezaoito anos marchou de Monteverde, a súa vila natal, e nunca máis volveu. Nin sequera cando morreu o seu pai, inxustamente acusado dun delito polo que foi condenado e encarcerado, nun proceso que provocou a súa morte, en 1972. Só trinta e dous anos despois, o falecemento da súa nai é o que o forza a regresar. Entón, comprobará que nunca podemos fuxir do noso pasado e que as feridas mal curadas non deixan de supurar. A primeira novela para adultos do autor, recibiu numerosos premios: Premio Ánxel Casal ao Libro de Ficción do ano 2011, Premio Losada Diéguez (Creación Literaria) do 2012, Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano 2011... En Praza falamos con el sobre o libro nesta entrevista, na que destacaba que "moitas cousas que ocorren agora teñen as súas raíces nos anos 60. Só hai que mirar os apelidos do poder político e financeiro, e fixarse nas coincidencias" e que "nunca hai que perder a esperanza, porque a nosa desesperanza é o que queren os que pretenden someternos". Está na tenda de Praza

Rapazas (Xerais, 1993)

O libro recolle seis historias moi diversas, pero cun fío común: todas elas teñen unha rapaza como protagonista, achegando un retrato plural desa etapa fronteiriza chamada adolescencia. Está na tenda de Praza.

Noite de voraces sombras (Xerais, 2002)

Sara, unha moza de dezaseis anos, narra de forma apaixonada os acontecementos que durante unhas vacacións de verán na casa da avoa foron un auténtico terremoto na súa vida e lle axudarán, dende entón, a enfrontala dunha forma distinta. Alí atopará, tamén, un fato de cartas e fotos, unha libreta de caligrafía apretada e unha selecta biblioteca que a levarán a descubrir unha inesquecible historia de amor e desamor entre dous mestres republicanos, que se produciu durante a Guerra Civil e os amargos anos da posguerra. O libro está tamén na tenda de Praza.

Cartas de inverno (Xerais, 1995)

Despois dunha longa estadía en Québec, o escritor Xabier Louzao volve a Galicia e atopa as cartas que o seu amigo Adrián lle escribira na súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. A obra recibiu o Premio Rañolas ao mellor libro infantil e xuvenil galego do ano 1995 e ten tamén unha versión en banda deseñada, da man de Antonio Seijas. Está na tenda de Praza (e tamén o cómic)

A noite dos animais (Galaxia, 2005)

A noite na que queda soa na casa, Raquel decide estrear o caderno chinés que lle regalou a súa tía. Ela non sabe que ese caderno tan especial ten propiedades máxicas e que, grazas a el, vai vivir moitas e inesperadas sorpresas. O libro, con ilustracións de Noemí López, está tamén na tenda de Praza.

O único que queda é o amor (Xerais, 2007)

Unha trama de fíos invisibles une as vidas dos personaxes deste libro de relatos que parte dunha cita de Orhan Pamuk: “na vida o único que queda é o amor”. Todos namoran e descobren que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformalos por enteiro e facerlles a vida doutro xeito. Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008, Lista de Honra do IBBY 2010, Premio Asociación de Escritores en Lingua Galega (Infantil-Xuvenil) 2007... Está na tenda de Praza.

Valados (2009, Xerais)

Un libro sobre a amizade por riba de todas fronteiras. Un libro sobre a fraternidade por riba de muros e valados. Un libro sobre a igualdade e liberdade como dereitos primeiros de todos os seres humanos. Está na tenda de Praza

A viaxe de Gagarin (Xerais, 2014)

1961: o cosmonauta Iuri Gagarin convértese no primeiro ser humano en viaxar ao espazo exterior. Cincuenta anos despois, Miguel Mendiguren, un home na fronteira dos sesenta anos, mentres vela os días derradeiros da súa nai nun cuarto de hospital, lembra a proeza do cosmonauta ruso e a vida na España desa época, coa ditadura de Franco e a represión das liberdades máis básicas, coa ameaza permanente da Brigada Político Social, a policía secreta do Réxime. E tamén coa oposición clandestina, barreira imprescindible contra a barbarie. Hai dous anos falabamos con Agustín sobre esta novela, multipremiada, e na entrevista destacaba que lle resultaba "doloroso" que "a mocidade de hoxe poida non saber que foi o TOP, por exemplo". Está na tenda de Praza

A neve interminable (Xerais, 2015)

Un equipo de guionistas recibe a encarga de escribir os guións dunha futura serie de televisión. Para concentrarse no traballo, acordan recluírse nun hostal solitario, nas terras da Fonsagrada. É inverno, no hostal só viven o matrimonio que o rexenta e mais outros tres hóspedes. Ao terceiro día, comeza a nevar. Unha tormenta que semella non rematar nunca, que interrompe as comunicacións e o fluído eléctrico, e que os deixa illados do mundo. Un dos últimos libros publicados por Agustín Fernández Paz, que vinte anos despois dialoga con Cartas de inverno. Está na tenda de Praza.

Van nove. O décimo é o teu. Que libro de Agustín Fernández Paz che marcou? Cal recomendarías a quen non o coñeza?

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.