O Consello da Cultura urxe a declaración BIC para a Cova Eirós ante a ameaza mineira

Zona dos traballos de Cosmos, sobre a Cova Eirós © Adega

A Cova Eirós (Triacastela) é un dos maiores tesouros patrimoniais da Prehistoria en Galicia. No seu interior atopáronse materiais líticos pertencentes ao Paleolítico Medio e Superior, restos de ocupacións de Homo neanderthalensis e Homo sapiens, xunto con restos de fauna e flora da época. O espazo conserva a única secuencia do noroeste da Península onde se pode estudar a transición entre os últimos neandertais e os primeiros humanos modernos. En agosto de 2012 fíxose público o achado de pinturas e gravados rupestres que se poderían remontar a 30.000 anos de antigüidade, sendo a primeira mostra de arte rupestre atopada en Galicia. Porén, o xacemento está ameazado dende hai anos por unha explotación mineira, unha canteira da empresa Cementos Cosmos que unha e outra vez recunca no seu intento de ampliar a súa superficie, provocando danos na cova.

Este venres a Asociación Cova Crea e a Asociación ambiental Petón do Lobo fixeron público o informe emitido hai uns días polo Consello da Cultura Galega, que urxe á declaración como Bens de Interese Cultural das Covas de Eirós, da Graxeira e da Cabaxa, que garanta unha acaída protección, "tendo en conta a situación actual das covas e as ameazas derivadas da explotación da súa contorna". Así mesmo, engade que "en tanto non se procede á declaración formal, cómpre garantir unha protección cautelar destes", cunha contorna de 200 metrosm que vén coincidir co previsto nas Normas Subsidiarias do Planeamento de Lugo.

O informe salienta que "o xacemento de Cova Eirós, por mor das súas excepcionais condicións de preservación do rexistro, reúne unha serie de valores patrimoniais que o fan único dentro da Prehistoria galega". E comenta que existe "unha lagoa no noso ordenamento xurídico" sobre o réxime de protección que deben ter os espazos que están pendentes de ser declarados BIC, pero sinala que en todo caso a lei prevé que "debe garantirse cautelarmente a súa integridade co fin de evitar a súa destrución ou deterioración".

O Consello da Cultura engade que "non se trata só de monitorizar a galería da cova para controlar a auga das filtracións e os efectos que se provoquen sismicamente pola explotación nos extremos e no interior da cova, senón que tamén se debería tratar de conservar a solidaria unidade de Cova Eirós e o monte que a soporta, así coma a unidade perceptiva interior-exterior, sobre todo da zona onde está situada a entrada da cova". "Un radio de protección mínimo de 200 metros parece máis que razoable para evitar cunha mínima seguridade os riscos das ondas expansivas das detonacións utilizadas", conclúe.

 

Interior da Cova Eirós Dominio Público Praza Pública
Zona dos traballos de Cosmos, sobre a Cova Eirós © Adega
Escavacións arqueolóxicas na Cova de Eirós © Asociación Cultural do Iribio
Canteira de Vilavella, en Triacastela © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.