0 Gardados para despois

"O estereotipo e tópico de Galicia que transmitiu o NO-DO franquista segue vivo"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


"O NO-DO funcionou como unha ferramenta audiovisual franquista para construír unha imaxe cultural estereotipada onde a música e o baile xogaron un papel central no exercicio da dominación simbólica de Galicia fronte a España da ditadura". Esa é a conclusión principal á que chega a tese doutoral da etnomusicóloga galega Beatriz Busto, cualificada cun sobresaliente cum laude na Universidad Autónoma de Madrid, investigación que analiza os noticiarios do réxime fascista, as referencias explícitas ao folclore galego e os usos que a este se lle deron naqueles bolentíns informativos. 

"O NO-DO construíu e inventou unha cultura estereotipada de Galicia a través do folclore e mesmo a lingua", di a autora

Baixo o título de La Galicia proyectada por NO-DO. La arquitectura del estereotipo cultural a partir del uso del folclore musical (1943-1981), Beatriz Busto demostra como este noticiario "serviu para a construción e invención dunha cultura estereotipada" do país "a través do uso concreto da súa música e baile ou mesmo da lingua". Así o sinala a Praza a súa autora, que repara no "uso consciente do folclore galego con diversos fins políticos" naqueles informativos, que "afectaban o ámbito cultural, inventando, construíndo e elaborando un discurso do poder bastante distorsionante". 

O fundamental a responder, como lembra a etnomusicóloga galega, era o papel que o NO-DO tivera na construción da Galicia franquista e da imaxe que dela se transmitía. E foi clave, fundamental. "Aparece resumida cunha serie de estereotipos", advirte, e aínda que o uso do folclore non foi igual nos 40 ou 50 que máis adiante, o obxectivo foi "a lexitimización política a través de elementos culturais". Ese é  un dos "exercicios de poder sobre o folclore do país" que se derivan dos 71 materiais cinematográficos que foron analizados na tese. 

A tese conclúe que o franquismo buscaba "mostrar un pobo que a través dos seus elementos culturais lexitimaba o poder"

Busto denomina este discurso estereotipado do galego como galaiquista, utilizado no "exercicio simbólico da dominación de Galicia". Un discurso construído desde o NO-DO que "serviu ao réxime para xustificar unha especie de colonización simbólica". "Intentábase mostrar un pobo que a través dos seus elementos culturais lexitimaba o poder", di a autora sobre un NO-DO que nos 50 pasou a afondar no documentalismo e a pseudoetnografía, incidindo na imaxe que se quería transmitir. "Sempre se fala dun espazo ou lugar perdido, dunha terra primitiva, antiga, humilde, esforzada, submisa ou silenciosa; estes adxectivos son constantes nun discurso que non é novo pero ao que se lle dá unha volta máis", engade a etnomusicóloga, que é profesora na Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela.

"Galicia sempre é sinalada como un lugar perdido, unha terra primitiva, antiga, humilde, esforzada, submisa ou silenciosa"

"Mesmo se emprega a lingua galega, reproducindo diálogos reducidos a simples anécdotas, fóra de calquera carácter simbólico e político", lembra Busto, que centra nese "claro obxectivo de desactivación simbólica do diferencial" que tiña o franquismo outro dos eixos da súa tese. Porque ese era un dos desafíos do réxime: como compaxinar o recoñecemento evidente dun pobo diferenciado, coas súas tradicións, a súa lingua e as súas peculiaridades co seu discurso unitario nun "proxecto nacional ultracatólico, anticomunista, imperial e patriarcal". A solución, explica a docente, foi a de "apropiarse da diferenza, dos elementos diferenciais".

De feito, o fascismo tirou do mito do celtismo, do idioma, dos literatos do século XIX e mesmo de Rosalía de Castro, "que eran indicativos de diferenciación cultural", para apropiarse deles e vinculalos a "un pobo estereotipado, que non dá avanzado, que continúa igual que anos atrás e que queda resumido ao mundo rural ou antigo". "Preséntano de xeito positivo, pero apropiándose del", di Busto. 

O réxime apropiouse de símbolos propios de Galicia, como a lingua ou o mito do celtismo, para a "desactivación simbólica do diferencial"

Xa nos anos 60, este estereotipo do galego púxose ao servizo da promoción turística, algo que, destaca a autora, "mesmo chega até os nosos días". A tese tamén achega unha visión crítica dos procesos folcloristas de hoxe, "moitos deles que sobreviviron ao franquismo" e que están relacionados especialmente coa promoción turísitca. "Esta industria continúa a reproducir tópicos, positivos ou negativos, do galego e do seu folclore, producindo un claro beneficio económico pero cun alto custo a nivel cultural", di quen cre que "o estereotipo tipista do galego segue vivo e segue a ser alimentado de múltiples xeitos"

A investigación tamén é crítica sobre a reprodución actual de tópicos derivados do franquismo, sobre todo no sector turístico

"Galicia empezouse a mirar a si mesma a través deste estereotipo franquista, por aceptación ou por rexeitamento; isto incidiu na mirada propia do país sobre si mesmo e na ollada allea", remata Beatriz Busto, que cre que "estaría ben revisar certos tópicos e estereotipos para reconstruílos e aceptalos". Un repaso a calquera daqueles NO-DO que facían referencia ao territorio galego e ás súas xentes abonda para entender mellor o que a tese desta etnomusicóloga compostelá achega. Un folclorismo esaxerado e desactivador que continúa a estar moi vixente. 

NO-DO sobre as festas de Ourense en 1954

© RTVE/NODO

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.