"A consigna era marxinar a Maruxa e Coralia ata deixalas morrer de fame"

Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, na Alameda © Áurea Sánchez

"As Marías son un símbolo da cidade. Representan á cidadanía en xeral, ao pobo, á xente do común, á xente de Santiago de toda a vida". A xornalista Áurea Sánchez percorre en Las Marías de Santiago a vida de María e Coralia Fandiño Ricart, unha obra que busca achegarlle ao público xeral a historia destas dúas mulleres que sufriron durante décadas a represión franquista, un relato que só nos últimos anos comeza a ser coñecido pola sociedade de maneira completa, recibindo -30 anos despois do seu falecemento- as primeiras homenaxes, a restauración das súas tumbas e protagonizando obras de teatro (Voaxa e Carmín, que vén de estrearse) e mesmo a investidura de Martiño Noriega.

"Elas sufriron humillacións físicas e de todo tipo. Hai testemuñas que confirman que as viron co pelo rapado"

As irmás Fandiño sempre estiveron moi presente no imaxinario popular compostelán. Esas dúas mulleres, de roupas cheas de cor nunha Compostela agrisada, que se deixaban fotografar cos estudantes e que saían a pasear, xuntas, ás dúas en punto, agochaban baixo unha aparente frivolidade a represión sufrida pola súa familia -os seus tres irmáns eran da CNT e un deles, Manuel, foi secretario da Confederación Rexional Galaica deste sindicato anarquista-. Unha represión que elas sufriron de cheo durante toda a súa vida, de forma máis ou menos directa: "Elas sufriron humillacións físicas e de todo tipo. Hai testemuñas que confirman que as viron co pelo rapado. Déronlles tamén aceite de rícino para provocar diarreas", conta Áurea Sánchez.

Sufriron, sobre todo, o illamento e a pobreza imposta. "Na familia eran costureiras e cosían por encargo para algunhas das familias máis acomodadas de Santiago. No taller da nai traballaban unhas 8 ou 10 mulleres. O pai era, ademais, zapateiro", explica. Porén, "trala represión que sufriu a familia e a morte da nai, as dúas mulleres quedaron soas e acabaron pobres e sen traballo, porque ninguén lles daba xa encargos. Había unha orde superior de que ninguén as axudase economicamente nin lles fixese pedidos. A consigna era marxinar a Mauxa e Coralia ata deixalas morrer de fame", di. "As autoridades, os militares e a policía eran quen impoñían este trato ás dúas mulleres. A sociedade non exercía a represión, pero apartábase delas, porque nesta situación a xente non está cos perdedores, senón que sempre se apunta ao bando gañador", engade.

"Había xente que lles deixaba comida, galletas e viño nalgúns comercios"

Afortunadamente, si recibían axuda de parte dos seus veciños e veciñas: "Había xente que lles deixaba comida, galletas e viño nalgúns comercios, como se di na obra teatro que se está representando. En varias tendas deixaban pagado pan ou froita, para que elas o levasen. Elas non querían aceptar isto, pero non lles quedaba outro remedio, porque non tiñan nada, nin pensión nin ingreso ningún. Mesmo nun momento persoas destacadas da cidade reuniron cartos para arranxar o tellado da casa, que quedara estragado por un temporal", explica.

O relato popularmente aceptado durante anos apúxolles a condición de tolas, algo que Áurea Sánchez -ao igual que outras autoras e autores- desmente: "Estaban excluídas socialmente, marxinadas e humilladas. E mesmo tiñan que ocultar que eran perseguidas. E nestas situacións as persoas excluídas poden acabar tendo un comportamento peculiar. Tiñan que convivir con esa represión constante e ás veces o único que lles quedaba era participar na broma. Pero non estaban tolas, non hai ningunha proba de que padecesen unha enfermidade mental".

O libro é froito dunha investigación na que Áurea Sánchez percorreu arquivos e hemeroteca, ademais de botar man dos estudos que recollen a represión sufrida polos irmáns Fandiño e de falar con varios familiares das dúas mulleres. Ademais, ten a súa base no traballo de fin de Máster de Xénero que a autora realizou hai uns anos. Sánchez destaca que o feminismo é clave na recuperación que se está dando da memoria de Maruxa e Coralia nos últimos tempos. "Esta recuperación prodúcese grazas á teoría feminista e ao traballo dalgunhas mulleres, como Encarna Otero, que souberon ver o outro lado desta historia, que souberon ler o trato distinto a Maruxa e Coralia por ser mulleres. Ata a intervención destas lecturas feministas, as dúas Marías víanse como algo folclórico, algo pintoresco, algo que chamaba a atención sen máis", di.

"Esta recuperación prodúcese grazas á teoría feminista e ao traballo dalgunhas mulleres, como Encarna Otero, que souberon ver o outro lado desta historia"

"Hoxe son xa un símbolo de Compostela, un dos máis importantes. Representan á cidadanía en xeral, ao pobo, á xente do común, á xente de Santiago de toda a vida. Creo que xa non hai turistas que vaian ver a Catedral e que non pasen tamén pola estatua da Alameda", conclúe. A obra, editada a través de libros.com necesita un mínimo de 100 apoios previos para ser publicado. Neste momento está en marcha unha campaña de crowdfunding, que xa conseguiu 37 dos cen mecenas requiridos.

 

Unha imaxe das dúas mulleres ante a estatua que as homenaxea CC-BY-SA Elda
Áurea Sánchez © libros.com
Nova do falecemento de María Fandiño publicada na prensa do momento © libros.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.