Dorothé Schubarth será recoñecida co Premio Honorífico dos Martín Códax

Dorothé Schubarth, na Universidade de Vigo © http://tv.uvigo.es/

A Asociación Músicos ao Vivo outorgará o seu Premio Honorífico 2017Dorothé Schubarth, autora do "Cancioneiro Popular Galego", a máis importante recompilación do noso folclore musical, coñecida como a Biblia da música popular galega. Será na gala de entrega dos IV Premios Martín Códax da Música, que se celebrará o vindeiro 3 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. A directiva de Músicos ao Vivo destaca que “as novidosas achegas metodolóxicas de Dorothé Schubarth, a súa xenerosidade, a súa condición de muller intrépida e empoderadora doutras mulleres, así como o insuficiente coñecemento do alcance do seu legado por parte da sociedade galega, convértena na indiscutible merecedora" do galardón.

“As novidosas achegas metodolóxicas de Dorothé Schubarth, a súa xenerosidade, a súa condición de muller intrépida e empoderadora doutras mulleres, convértena na indiscutible merecedora" do galardón

Schubarth chegou a Galicia en 1978 coa intención de aproveitar as súas vacacións para coñecer a nosa música popular. A que ía ser unha breve estadía de descanso, deveu en anos de pesquisas, viaxes, entrevistas con informantes e centos de gravacións perfectamente conservadas. Os seus coñecementos sobre a cultura musical galega e sobre a nosa lingua eran mínimos, e axiña se fixo evidente que precisaba de alguén para comprender os temas e transcribilos. Deste xeito entrou en contacto con Antón Santamarina, catedrático de Filoloxía Galega en Santiago de Compostela. Xuntos comezaron un traballo de pescuda nos cancioneiros daquela editados no país, centrados no aspecto literario dos cantos e que non recollían a música, unha situación moi diferente da que Dorothé coñecera noutros países coma Alemaña. “Alá xa estaba en plena marcha todo o proceso de recollida e aquí practicamente había que comezar desde cero, pero xusto por iso era interesante, porque non é tan apaixonante andar detrás dos pasos de outros”, dixo.

Oitenta e dous concellos de Galicia e trece máis situados na zonas galegofalantes limítrofes foron visitados por Schubarth, que non conducía, facía o seu camiño a pé, en bus ou era levada dun lado a outro por conductores que ía coñecendo.  Iniciouse no galego a través dunha gramática de Carvalho Calero atopada nunha biblioteca; de calquera xeito recoñece que había moitas ocasións en que non entendía o que lle estaban dicindo: “Se non se entende hai que botar man da sensibilidade, dicir que si ou que non, é un comportamento que aprendes”.

Como froito de todo este traballo, a profesora reuniu arredor de 5.000 letras diferentes que transcribiu Santamarina e que se viron obrigados a clasificar dalgún xeito. Seguindo os criterios empregados en Europa, realizaron unha organización temática das letras: cantos de oficios e labores, festas anuais, romances tradicionais, romances novos e outros cantos narrativos e dialogados, e, finalmente coplas diversas e cantos enumerativos. A esta grande clasificación temática acompañábaa unha ordenación da música segundo o seu xénero e atendendo a criterios coma o ritmo ou a cadencia.

En 1984, despois dun intenso traballo de recollida, da análise, clasificación e estudo dese material, foi publicado o Cancioneiro Popular Galego, en sete volumes

En 1984, despois dun intenso traballo de recollida, da análise, clasificación e estudo dese material, foi publicado o Cancioneiro Popular Galego, en sete volumes, unha edición patrocinada pola Fundación Barrié. Hoxe en dia, esta obra é considerada a biblia da lírica de tradición oral galega, o máis amplo repertorio musical popular.

Os musicólogos que até aquel momento fixeran estudos sobre a música popular, ficaran na superficie do traballo, realizando compilacións de cantigas. Pola contra, Schubart levou a cabo unha análise en profundidade das melodías, achegando unha proposta crítica de clasificación e propondo teorías sobre as orixes dos diferentes tipos. Ademais, foi a primeira que recoñeceu a importancia das informantes, sendo a primeira pesquisadora culta que recolleu os seus nomes. No Arquivo Sonoro de Galicia están conservados os 248 CD -copias dixitalizadas das gravacións orixinais- coas correspondentes transcricións.

Schubart levou a cabo unha análise en profundidade das melodías, achegando unha proposta crítica de clasificación e propondo teorías sobre as orixes dos diferentes tipos

Dorothé Schubarth naceu en Basilea (Suíza) onde realizou estudos musicais, ampliados en Colonia e Múnich. Dende 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna. Dende este lugar desenvolveu unha intensa tarefa de pesquisa da música popular europea, dando especial atención á zona dos Balcáns e do Cáucaso, así como aos cancioneiros de Alemaña e Francia. A partir deste material elaborou o volume O Canto Popular en Europa, que analizaba as formas que adoptaba a música do pobo ao longo do continente, e que foi publicado en 1978.

En 2014, a primeira edición do Día das Galegas nas Letras, impulsado pola plataforma de crítica literaria A Sega, foi dedicado a Dorothé Schubarth

En 2014, a primeira edición do Día das Galegas nas Letras, impulsado pola plataforma de crítica literaria A Sega, foi dedicado a Dorothé Schubarth, destacando que "quen hoxe escribimos debémoslles ter o noso nome propio, a nosa voz inscrita mesmo nas marxes da literatura a aquelas que cantaron antes. A aquelas que construíron o maior acervo literario de lingua galega: a lírica popular. Se nós temos voz é porque houbo quen foi quen de conservala e aínda máis importante, quen foi quen de recoñecela como de nosoutras, lonxe deses discursos da comunidade nos que as mulleres ficamos invisibles. Ese foi o traballo de Dorothè Schubarth que hoxe celebramos, vindicamos e recoñecemos".

 

Dorothé Schubarth, nunha das súas recollidas © A Sega
Dorothé Schubarth, na Universidade de Vigo © http://tv.uvigo.es/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.