AGADIC nega os fallos informáticos denunciados polos festivais que quedaron sen axuda

Presentación da edición 2016 de Cans © Festival de Cans

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) respondeu este xoves ás críticas lanzadas nos últimos días polo Festival de Cans, un dos cinco eventos (xunto con Curtocircuíto, Cineuropa, FKM e Primavera do Cine) que quedaron fóra das axudas públicas alegando fallos no sistema informático da Xunta (única vía permitida para o envío da documentación). "Todos os festivais que quixeron entregar os seus papeis nos últimos días tiveron problemas co rexistro electrónico, polo que a maioría decidiron enviar a documentación necesaria por correo certificado dentro do prazo requirido", denunciou o festival porriñés o martes. Porén, segundo AGADIC unicamente Primavera do Cine "tentou presentar pola vía telemática obrigatoria a subvencións a festivais do sector audiovisual".

AGADIC nega que se poida falar "dun defecto de forma" e acúsaos dun "incumprimento flagrante do estipulado nas bases"

AGADIC solicitoulle á Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia un informe sobre a xestión telemática da convocatoria de subvencións a festivais do sector audiovisual. Segundo este informe, nos casos de Cans, Curtocircuíto, Cineuropa e FKM “non aparece ningunha traza de auditoría na sede electrónica” asociada aos NIF das entidades solicitantes nin aos dos seus representantes. Así mesmo, “non consta ningunha incidencia aberta” para estes procedementos no servizo de soporte técnico da sede electrónica (012@xunta.gal). AGADIC afirma que "os solicitantes tampouco se dirixiron á axencia "para comunicar ningún tipo de incidencia nese sentido". No caso do festival Primavera do Cine de Vigo "si consta que foron realizados algúns movementos na plataforma, pero non se chegou a finalizar o trámite de presentación nin se comunicou ningunha incidencia", sinala Agadic.

A axencia afirma que "o feito de que estes festivais non foran admitidos na convocatoria de axudas non responde a ningunha decisión unilateral nin arbitraria" e nega, así mesmo, que se poida falar "dun defecto de forma" senón que os acusa dun "incumprimento flagrante do estipulado nas bases".

Cans acusa a AGADIC de non ter intentado "buscar vías de solución, que perfectamente puido ter atopado, facendo unha interpretación non formalista das normas"

O Festival de Cans xa anunciou que levará a cabo "accións legais para a defensa dos seus dereitos e intereses" e acusa a AGADIC de non ter intentado "buscar vías de solución, que perfectamente puido ter atopado, facendo unha interpretación non formalista das normas". O enfado é común aos cinco festivais prexudicados, para os que a perda desta subvención suporía un problema á hora de cadrar os seus orzamentos para a presente edición. Dende o Concello de Santiago sinalouse este mércores que tanto Curtocircuíto coma Cineuropa seguirían adiante segundo o previsto pero que Curtocircuito "quizais" podería ver minguada a súa programación" xa que depende desta axuda en maior medida que Cineuropa.

Juan de Castro anunciou "unha resposta conxunta" por parte dos festivais que conforman a Coordinadora de Festivais de Cinema de Galicia

Dende Primavera do Cine, o seu director (Juan de Castro) subliñou que o festival xa presentou un recurso formal ante a decisión de AGADIC e calculou en 9 mil euros a diminución que sufrirá o orzamento do evento. De Castro amosou a súa "inquedanza" pola "actitude dunha institución que ten a obriga de velar por este tipo de acción culturais" e anunciou "unha resposta conxunta" por parte dos festivais que conforman a Coordinadora de Festivais de Cinema de Galicia xunto con outros organismos do audiovisual. O Festival Primavera do Cine convidou tamén ao Concello a defender o "festival máis grande que ten a súa cidade". Dende o Concello do Porriño anunciouse un incremento da achega a Cans, se se confirma a perda da subvención da Xunta.

 

Presentación da edición 2016 de Cans © Festival de Cans

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.