0 Gardados para despois

O concelleiro de Cultura da Coruña, imputado polo cartel do Entroido

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Unhas semanas antes da celebración do últimos Entroido xurdiu na Coruña unha polémica pola utilización nos carteis do Concello dunha ilustración que representaba a unha persoa disfrazada de Papa, cunha copa de viño e un papamóvil de cartón. O Goberno municipal recibiu críticas por parte do Arcebispado de Santiago, que o acusou de "ferir as crenzas dos crentes", e dalgunhas outras entidades, como a asociación Abogados Cristianos ou a Asociación de Viúvas de Lugo, que chegou a presentar unha denuncia. Aquela denuncia terminou na imputación (agora baixo a figura de investigado) do concelleiro de Culturas da Coruña, José Manuel Sande, por un presunto delito contra os sentimentos relixiosos. O vindeiro 17 de abril Sande deberá acudir ao xulgado de Instrución número 3 da cidade.

Aurora Carro, presidenta da Asociación de Viúvas de Lugo pediu, entrevistada pola Cadena Ser, que o concelleiro "pida perdón publicamente" e espera que isto lle sirva "de escarmento"

Aurora Carro, presidenta da Asociación de Viúvas de Lugo pediu, entrevistada pola Cadena Ser, que o concelleiro "pida perdón publicamente". Carro asegurou que “como católicos xa o perdoamos, porque iso é o que nos ensina a relixión: o perdón e o amor” pero aínda así insiste en demandar que a denuncia lle sirva como "escarmento". "Polo menos para que outra vez non se meta coa relixión católica”, dixo.

Desde o Goberno municipal coruñés insistiuse este venres (como xa fixera no inicio da polémica) en que no cartel non se representou o Papa, senón a unha persoa disfrazada de Papa, un disfrace moi habitual no entroido da cidade e que, de feito, púidose ver con frecuencia nas rúas hai tan só unhas semanas. Tamén se manifestaran do mesmo xeito as principais comparsas do entroido coruñés, como Os Maracos, Pantaleón, Amigos da Xoldra, Kilomberos ou Monte Alto a Cien.

Neste sentido, José Manuel Sande afirmou ter “absoluta tranquilidade, xa que non houbo ningunha vontade de ofensa cun cartel que reproduce un disfrace habitual no Entroido coruñés dentro do carácter irreverente e lúdico que caracteriza a esta festa”. Sande resaltou, ademais, “a defensa que desde este Goberno faise e sempre se fará da liberdade de expresión, o que inclúe por suposto as expresións culturais e as manifestacións artísticas, como é o caso deste cartel de Entroido”. “As festas do Entroido, que durante un período moi concreto e escuro da historia do Estado español foron prohibidas, sempre se caracterizaron polo seu humor e por un espírito de irreverencia e crítica de determinados poderes, sempre dunha maneira saudable, que non debería faltar”, engadiu, para concluír que “cremos que as imaxes non son ofensivas con ningunha crenza relixiosa, senón que entroncan cunha tradición festiva nesta terra e co humor gráfico”.

José Manuel Sande afirmou ter “absoluta tranquilidade, xa que non houbo ningunha vontade de ofensa cun cartel que reproduce un disfrace habitual no Entroido coruñés dentro do carácter irreverente e lúdico que caracteriza a esta festa”

O debuxo foi realizado polo ilustrador Alberto Guitián, que en varias ocasións criticou que este tema se sacase de contexto. "Pregúntome se a xente que sente ofendida sae á rúa no entroido, se cada vez que ven alguén disfrazado de bispo, de cura ou de papa moléstalles", afirmou nunha entrevista na que reivindicou a tradición do entroido como festa pagá.

Nas redes comezou a verse este venres ao mediodía o habitual #jesusis, utilizado ante outros ataques do fanatismo relixioso contra a liberdade de expresión, neste caso en defensa do concelleiro investigado (#jesuissande). Xa no seu momento, Guitián foi apoiado por numerosas entidades, comezando polos seus compañeiros e compañeiras do mundo da ilustración e o cómic. E este venres de novo profesionais como Mauro Entrialgo, entre outros, comezaron a manifestar a súa solidariedade con Guitián e co propio Sande.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.