Víctor Freixanes: "Oxalá a Academia puidese facer a política lingüística"

Víctor Freixanes, na entrada da sede da Real Academia © RAG

Víctor Freixanes (Pontevedra, 1951) insiste en reclamar unidade e "integración de vontades" para afrontar o seu mandato á fronte da Real Academia Galega. Elixido o pasado martes cos votos a favor de 18 dos 19 presentes no plenario, recoñece que lle molestou a ausencia dos académicos críticos pero resta importancia ao que considera "discrepancias" e para nada "confrontación" dentro da entidade. Nesta entrevista analiza os desafíos máis urxentes da RAG, insiste moito nas "novas xeracións" -que cre que son "a clave da batalla" pola normalización e dignificación do idioma- e defende a vía xudicial que a institución tomou contra o decreto do plurilingüismo: "Non había outra opción". 

Reivindicou o "continuísmo" nada máis saír elixido presidente da Academia. Por que?

Porque a equipa directiva anterior foi xenerosa, eficaz, fortaleceu cousas e apuntalou outras que xa viñan de antes. Non rachou con nada, enriqueceu o que había e nós debemos continuar a enriquecer o que hai e a incorporar, na medida do posible, novas cousas. 

"Creo que o clima na RAG é de convivencia e de respecto; debemos fortalecer a unidade para que curen os resentimentos que hai"

Que é o máis urxente?

Deixando fóra o máis inmediato, que é a celebración das Letras Galegas, cara a dentro temos que continuar facendo o esforzo de integración de vontades e de crear, desde a discrepancia democrática e lóxica, un clima de respecto mutuo para que a Academia cumpra co seu labor fundamental. Ese bo clima xa avanzou moito nos últimos tempos, pero ás veces prodúcense chispazos, sobre todo en momentos de encrucillada coma estes da elección de presidente. Parece que se axita moito todo, pero honestamente creo que o clima é de convivencia e de respecto e debemos continuar así, facendo camiño xuntos e fortalecendo a unidade de acción para que estes resentimentos vaian curando. 

Fálase moito da división na Academia, aínda que na votación no plenario non houbo tanta.

Home... Foron 18 contra 6.

No entanto, as críticas á nova directiva e á anterior son moi duras.

Non quero entrar nese tema porque a xente ten dereito a facer as críticas que considere, pero na medida das miñas posibilidades vou intentar manter sempre as portas abertas para a colaboración e o traballo xuntos. Se agora hai reticencias, vaiamos madurando as cousas para mellorar todo. Respecto totalmente aquel que opina diferente.

"Non hai confrontación, senón algunhas discrepancias e mesmo cuestións persoais nas que é moi difícil entrar"

Falará cos críticos? Ten confianza en que as cousas muden?

Claro que falaremos porque son académicos coma min, pero lembremos que nos últimos catro anos, o 90% ou máis das decisións tomadas na Academia foron por unanimidade. Logo hai tamén moito espectáculo mediático, esa tendencia á información da confrontación porque parece que se non hai confrontación non hai noticia ou interese. Estamos todos enganchados a esa cultura da confrontación pero logo, se analizas a fondo, decátaste de que non hai tal enfrontamento, senón algunhas discrepancias e mesmo cuestións persoais nas que é moi difícil entrar. Deámoslle un voto de confianza ao novo presidente e avancemos, que é o que estou pedindo eu. Dentro de catro anos, fagamos balance do que acadamos e do que non.

Doeulle que os críticos non acudisen ao plenario no que se votaba a súa candidatura?

Sempre dixen que calquera académico podería ser presidente e teño un enorme respecto polo labor de todos, tamén por esas seis persoas que non acudiron ao plenario. Teríame gustado que estivesen presentes aínda que fose criticando e votando en contra. Nunha entidade democrática, deféndese o que se pensa, debátese e cadaquén amosa a súa opinión.

"Debemos traballar na proxección social, dignificación e estima da lingua e aí é clave a comunicación"

Falou no seu discurso ante ese plenario dos seus principais desafíos como presidente. Que é o máis urxente que debe facer a Academia pola lingua galega?

O máis importante para min é que a lingua é dos falantes, dos galegos e das galegas e non dun grupo nin da Academia. O idioma é da sociedade e temos que mirar cara a ela. A RAG debe ter dúas vías de traballo fundamentais: continuar no servizo científico, no coidado, estudo e modernización permanente da lingua; pero tamén na proxección social, dignificación e estima social da lingua. Esta última é a dimensión política da Academia, pero non partidaria nin ideolóxica, senón a auténtica. Esta dimensión social hai que potenciala, sobre todo a través de algo no que creo que podemos traballar máis: a comunicación. 

Como?

As novas tecnoloxías da comunicación permiten unha relación activa coa sociedade, sobre todo coas novas xeracións, que é algo que a min me interesa moito. Os meus alumnos en Xornalismo dicíanme o outro día, logo de que fose elixido, que vían a figura do presidente da Academia como algo moi distante deles, moi alá arriba... Parécelles que te vistes de Rosalía de Castro ou Castelao, e iso está moi ben, pero temos que ser capaces de conectar coas novas xeracións, facelas partícipes da estima e do valor que significa ter un idioma e ademais respectalo, usalo, movelo...

"Oxalá puidésemos facer a política lingüística; equivocaríamonos en moitas cousas pero outras non as faríamos como se están facendo"

Pero o galego perde falantes entre a mocidade...

É grave que estes mozos, que nun 90% falan e escriben en galego nas aulas, logo non se socialicen en galego. Aí é onde temos que afondar, saber que está pasando e como podemos corrixilo. Pero lembremos que a RAG non é a Secretaría Xeral de Política Lingüística nin o brazo executivo do Goberno. Oxalá nós puidésemos facer a política lingüística, porque nos equivocaríamonos en moitas cousas pero outras non as faríamos como se están facendo. Temos que ser capaces de orientar, estimular e crear conciencia de por onde cremos que deben ir as cousas... E por suposto, denunciar cando creamos que hai que denunciar aquelas actitudes ou actuacións que atenten ou que non permitan avanzar na normalización e dignificación da lingua, pero tamén temos que crear tamén espazos de encontro e de diálogo político, insitucional e xeracional.

"A xente nova é a clave da batalla; a RAG debe renovarse permanentemente"

Ve na mocidade a clave para o futuro do galego?

Preocúpame moito a xente nova porque aí está a clave da batalla. Esta é unha prioridade que a través da comunicación, das novas tecnoloxías, das redes sociais ou de diferentes iniciativas se pode abordar. Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre levan tempo traballando nisto e poden enriquecer moito, poden achegar osíxeno. A RAG ten máis de cen anos detrás, pero debe renovarse permanentemente, temos que irnos renovando e iso non se fai en pouco tempo. Estes son os principais desafíos. 

"A Academia está en permanente busca de recursos; non hai estabilidade orzamentaria suficiente para os seus traballos"

Que outros propósitos, xa máis concretos, ten a Academia?

Igual non o consigo, pero eu comprometinme a que neste mandato teñamos a gramática normativa, que está pendente case desde Murguía. Algo que tamén me preocupa moito é a estabilidade orzamentaria. A Academia está en permanente estado de busca e necesidade de recursos económicos, non hai estabilidade suficiente para os traballos da institución. E lembremos que aquí os académicos non cobramos nada e nunca se cobrou, pero hai uns traballadores e uns equipos de investigación aos que hai que garantirlles a dignidade do seu traballo. Moita xente di que Academia non fai moitas cousas e eu preguntaríalles que recursos achegan para que se fagan máis cousas. E iso non quere dicir non pedir responsabilidades, todo o contrario. Tamén por isto é moi necesaria a transparencia da entidade, tanto interna como cara á sociedade. Se pedimos que eses recursos veñan de estamentos institucionais ou de empresas ou entidades, temos que dar conta permanente de onde se invisten os cartos. 

Fala tamén no seu programa do galego do exterior...

Debemos fortalecer o galego exterior, tanto o fronteirizo como o desa Galicia que anda polo mundo adiante. A Galicia de Xenebra, a de Bos Aires, a de Montevideo... A Academia ten que estar conectada con ela. Como? Pois hai que reflexionalo e traballalo, pero haino que facer.

"A decisión de levar o decreto do plurilingüismo á Xustiza foi correcta; aquilo foi un erro político, un paso atrás innecesario" 

A RAG levou o decreto do plurlinguïsmo á Xustiza e esgotou esa vía chegando mesmo a Estrasburgo, cre que foi unha boa decisión?

Foi a decisión correcta e foi positiva, non había outra opción. Ese decreto foi un erro político e un paso atrás absolutamente innecesario, resultado de conveniencias políticas nun momento determinado para rabuñar dous ou tres mil votos. Xa llo dixen ao presidente Feijóo persoalmente. Os xogos políticos son os que son e alá eles, pero aquilo fíxolle moito dano á lingua e a Academia claro que tiña que acudir á Xustiza e acudir até o final. O ditame final dos Tribunal de Estrasburgo foi salomónico, de lavarse as mans para non entrar no tema.

A Academia advertiu de que lanzaría unha proposta para minguar os efectos negativos do decreto e propor outro modelo. Está disposto a facelo?

Se houbese algunha posibilidade de tratar o tema, de sentar a falar disto e abrir unha nova vía, eu serei o primeiro en apoialo. 

"Se hai algunha posibilidade de abrir unha nova vía alternativa ao decreto, serei o primeiro en apoiala; vouno intentar"

Cre que é posible convencer a Xunta para unha mudanza?

Vouno intentar. A política forma parte da sociedade e a sociedade ten sectores moi intransixentes, pero tamén xente moi comprensiva que sabe que calquera pacto é mellor que un conflito continuo. Hai que entenderse e falar pero con lealdade á lingua galega e analizando os problemas que ten. Nós non queremos nin podemos impoñer a lingua a ninguén, pero si que se respecte este patrimonio e riqueza que supón ter un país con lingua propia, algo que ocorre en moi poucos sitios do mundo. 

Non parece que se teña moi en conta iso na Administración...

Temos unha lingua culta e desenvolvida que produce literatura, que produce marca de identidade, produtos culturais, audiovisiuais... A lingua é a representación simbólica dun país e iso téñeno que saber os galegos e as galegas, pero teñen que sabelo tamén os responsables da Administración pública e o Goberno deste país. 

"Aquela campaña de 2009 foi unha manipulación política do galego; moitos dos que colaboraron con ela son conscientes do mal que fixeron"

Non cre que os prexuízos que se verteron sobre o galego na batalla política fixeron demasiado dano á lingua?

Aquela campaña electoral de 2009 foi unha manipulación política do galego. Atrévome a dicir que moitos dos que colaboraron naquela manipulación logo foron conscientes do mal que fixeron. Apañaron aqueles votos, pero tampouco contentaron eses sectores ultraminoritarios da sociedade galega. Porque lembremos que a sociedade galega non ve a lingua como un conflito, para nada. O que quere a sociedade é dignidade e respecto para o seu idioma e para aqueles que o falen, así como crear espazos de afecto onde atoparnos todos arredor del.

"A sociedade galega non ve a lingua como un conflito, só quere dignidade e respecto para ela" 

Pero logo é case imposible atopar unha aula de Infantil nunha cidade na que o galego sexa maioritario. É unha odisea escolarizar un rapaciño na lingua propia...

Aí é onde o Goberno ten que actuar. Iso hai que traballalo e falalo. Quero crer que hai boa vontade desde a Administración e teño que dar un voto de confianza. A miña primeira solicitude de entrevista será co presidente da Xunta e logo ireime reunindo con outras institucións. Non se fará da noite á mañá, pero estou seguro de que poderemos conseguir algo positivo e teño confianza en que se logrará.

Adoita falar moito tamén da necesidade de espazos afectivos para o galego. Falta cariño para seducir a sociedade cara á lingua propia?

Temos que atopar espazos de relación, de cariño onde co galego descubramos o mundo, un universo que é noso. Cando escoitas os rapaciños do Colexio Apóstol de Bos Aires falar en galego entre eles cun sorriso na cara, presumindo de algo que non teñen os outros... Esa é a alegría que vai socializando as persoas arredor do galego. Niso é no que temos que traballar porque as discrepancias que teñamos son o de menos. Esas seis persoas que se ausentaron na votación da miña candidatura no plenario comparten isto mesmo, diso estou convencido. Ata esa persoa que votou en contra sei quen é. 

Molestoulle ese único voto en contra?

Non, porque sei quen foi e é amigo meu. Non direi o nome, pero este amigo meu sabe que as aclamacións por unanimidade non son boas. 

"Non me gusta a palabra lusista porque eu non son lusista, son galego"

Daquela, cre que votou en contra só para que non houbese unanimidade?

Como sei quen é, creo que si. 

Que papel xogará a lusofonía no seu mandato á fronte da Academia?

Este é un debate que hai que ter cordial e relaxadamente. Eu creo que a lingua galega forma parte dunha gran familia que é a galega-luso-brasileira, incluíndo tamén as nacións africanas. Esa é unha realidade que non se pode discutir. A min non me gusta a palabra lusista porque eu non son lusista, son galego. Temos que afondar nas relacións, fortalecer as vías de contacto con institucións académicas, culturais, literarias e dos medios de comunicación dese mundo lusófono. Tamén entendo, como xa dixen, que o galego é dos falantes e temos que escoitar a eses falantes e non facer fórmulas en tubos de ensaio que están destinadas ao fracaso. Non nos poñamos de redentores a explicarlle á xente como é o mundo porque o mundo é como a xente quere que sexa. 

Víctor Freixanes, na entrada da sede da Real Academia © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.